DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Valéndose dunha copiadora Riso, elaborarán unha revista anual con reflexións teóricas e obra gráfica

Belas Artes impulsa o seu propio selo de autoedicións

Unha convocatoria anual levara á edición de dous proxectos do alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/06/2020

Desde 2018, a Facultade de Belas Artes conta cunha multicopiadora Riso SF9350, que permite realizar múltiples tipos de publicacións de pequenas tiraxes, que se caracterizan ademais polo singular rexistro que as tintas deixan sobre o papel, que pode dar lugar a certas imperfeccións ou erros puntuais na uniformidade das impresións. As particularidades deste proceso inspiran de feito o nome, Error es bien, do “selo editorial” impulsado nesta facultade para promover a “autoedición” de proxectos de diferente índole facendo uso desta duplicadora, “un híbrido entre a serigrafía e unha fotocopiadora”, como sinalan os responsables da iniciativa. Impulsado polos profesores Nono Bandera e Marcos Covelo, co catedrático emérito Juan Fernando de Laiglesia como director, o proxecto articúlase en torno a tres liñas, a elaboración dunha revista anual, a edición de proxectos do alumnado seleccionados nunha convocatoria aberta e a colaboración con outras institucións e axentes do mundo da arte.

O proxecto, que recibiu o apoio da Xunta de Facultade, supón unha “aposta pola autoedición”, como sinala Covelo. Nese senso, o profesor asociado incide en que a copiadora Riso permite levar a cabo “desde publicacións máis sinxelas a outras máis ambiciosas”, a través “dun proceso moi creativo”, de tal xeito que poderían levarse a cabo pequenas tiraxes de catálogos de exposicións, follas de sala, documentos didácticos, obra seriada, rexistros de accións artísticas... “Desde o Decanato, consideramos que é unha liña ben interesante, un brazo máis de produción artística, neste caso de produción gráfica e editorial, que abre moitas posibilidades na facultade”, salienta o decano, Xosé Manuel Buxán, dunha proposta que contribuirá a difusión externa, dun xeito “moito más económico” que unha edición tradicional, de diferentes proxectos e iniciativas xurdidas no centro.

Unha publicación anual cun eixo temático

Con De Laiglesia como director e Bandera como editor executivo, o consello editorial de Error es bien complétano Marcos Covelo e as e os docentes da facultade Chelo Matesanz, Anne Heyvaert, Marcos Dopico e Xoán Anleo. Unha das súas liñas de traballo centrarase na publicación dun “anuario a modo de revista”, como explica Covelo, que levará por título Error es bien e que reunirá tanto reflexións teóricas como obra gráfica. Este “anuario/obra” está dirixido a artistas, investigadores e profesionais do campo da arte, reunirá "artigos de fondo" encargados sobre a temática sobre a que xirará cada número, páxinas de “obra gráfica inusual”, conversas entre diferentes creadores e creadores sobre a temática escollida, unha “proposta plástica de utopía realizable” e outra serie de informes e novas. Como explica de Laiglesia, ata comezos de xullo permanece aberto o prazo para recibir propostas de colaboración para o primeiro número, que “esperamos poder ter publicado dentro de 2020”. A súa temática, derivada da propia idea do "erro" que dá nome ao proxecto, xirará en torno á idea do lapsus calami, “é dicir, equivocarse involuntariamente ao escribir a man”. 

A publicación conta cun comité científico integrado por máis de 60 profesores e profesoras das 14 facultades de Belas Artes existentes en España, así como por outra serie de académicos de Portugal, Estados Unidos, México, Brasil e Suíza e co apoio do Servizo de Publicacións da Universidade para a súa difusión. Neste "anuario/obra" combinaranse as achegas de autores e autoras convidados polo consello editorial, coas colaboracións recibidas a través dunha convocatoria pública e sometidas a un proceso de revisión por pares. Deste xeito, explica De Laiglesia, a publicación “irá seguindo os controis de revisión homologados para que, co tempo, poida ser tamén indexada” nas bases de datos de referencia no ámbito da arte contemporánea.

Outras liñas de traballo

A primeira iniciativa levada a cabo baixo o selo Error es bien foi o lanzamento, a finais de 2019, dunha primeira convocatoria aberta á comunidade universitaria, que, como unha das liñas de traballo do selo, proxectan dar continuidade de forma anual, seleccionando cada ano dous proxectos dos que se editarán 150 exemplares. Na súa primeira edición, foron seleccionados Línea fuerza, das alumnas de doutoramento Alejandra Lago, Blanca Nieves Lourés e Ana Pérez Valdés; e S/T, da graduada en Belas Artes e alumna do mestrado en Dirección de Arte en Publicidade Carlota Cobas, aínda que a crise da covid-19 obrigou a adiar os traballos de edición.

Por outra banda, os responsables desta iniciativa propoñen tamén unha terceira liña de traballo; a das “propostas externas á facultade”, colaboracións con diferentes entidades que poidan, facéndose cargo do custo dos materiais precisos para a tiraxe, levar a cabo publicacións de diferentes tipos a través da copiadora Riso. Do mesmo xeito, entre as iniciativas proxectadas figura tamén que poida servir para dar conta, nunha publicación, das exposicións que se suceden ao longo do ano na Sala X. Nese senso, Chelo Matesanz, unha das coordinadoras deste espazo expositivo, pon o acento en que as “imprecisións” e a “beleza do desaxuste” que implica a risografía “posibilítanos construír unha imaxe que vai máis aló da evidencia fotográfica”, de tal xeito que estas publicacións non suporán só un “testemuño” das exposicións, senón que poderán ser “en si mesmas un medio para intervir e desenvolver o estado das súas investigacións”.