DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jesús M. Míguez continuará uns meses máis ao fronte do centro como decano en funcións

Bioloxía pecha calendario electoral sen que se presente ningunha candidatura ao decanato

“O máis urxente agora mesmo é a planificación do curso que vén, que é algo no que xa estamos metidos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 23/05/2019

A previsión era que o vindeiro mércores 29 de maio a Facultade de Bioloxía elixise un novo equipo decanal, pero, finalmente, rematado xa o prazo de presentación de candidaturas, ninguén se postulou para situarse á fronte da dirección do centro, polo que o profesor e investigador Jesús M. Míguez Miramontes, no cargo desde setembro de 2012, continuará un tempo máis como decano en funcións. “O máis urxente agora mesmo é a planificación do curso que vén, que é algo no que xa estamos metidos de cheo”, subliña Míguez Miramontes, recalcando así a importancia de deixar establecidos os horarios, guías docentes e demais cuestións relativas ao calendario académico do curso 2019-2020.

“Moito traballo e dedicación”

Acompañado do resto do seu equipo, “a miña idea foi buscar unha estabilización nos títulos e traballar moito co sistema de calidade, un eido no que fomos a máximos, así como buscar a máxima integración dos mestrados como titulacións moi entroncadas na facultade, algo que considero que foi un logro importante”, explica Míguez Miramontes, que lembra que  nestes anos se conseguiu tamén aumentar a oferta de másteres ata un total de sete títulos. Fala sempre en plural, no nome do seu equipo. “Fomos un grupo moi pechado, que sempre traballamos ben xuntos, cada un centrándose na súa propia parcela, e tentando sacar todo adiante coa máxima efectividade”, recalca o decano.

Ao marxe do “moito traballo e dedicación”, especialmente dos membros do equipo decanal, pero tamén de moitos outros que colaboraron de forma intensa, o aínda decano quere destacar o ambiente de traballo e colaboración que se logrou crear no centro, buscando sempre solucións acordadas. “Traballamos moito coas comisións internas, tentando sempre que todo o mundo se sentira como o que son, parte do centro”, recalcou.

Míguez lamenta a falta de candidatos/as

A nivel particular, admite que  para el ser decano “foi unha experiencia moi positiva que  me permitiu ter unha visión moi integradora da vida da facultade, da actividade académica dos diferentes títulos e tamén da investigación” e, neste sentido, lamenta a falta de presentación dunha nova candidatura. “Penso que a xente está un pouco asustada pola dedicación que supón, pero é certo que nós en bastantes aspectos, sobre todo en todo aquilo que ten que ver co seguimento das titulacións, mellorar a imaxe da facultade e captación de alumnado sempre tentamos ir a máximos”, recalca o docente, ao que engade que “cando os compañeiros e compañeiras ven toda a dedicación que fas e a documentación que manexas, algo que a min sempre me gustou amosar nas xuntas de facultade, bótanse un pouco atrás”. 

Como principais aspectos que, ao seu modo de ver, desaniman aos docentes do centro a dar un paso adiante e lanzar unha nova candidatura están, sobre todo, os temas de calidade e a representación, no sentido de que sempre é o decano/a o quen ten que asistir ou representar ao centro en todos aqueles eventos ou reunións nos que sexa necesario. Neste aspecto, considera importante destacar que “evidentemente” hai que facer unha dedicación e, si se leva unha actividade de investigación moi intensa faise complicado, “a min custoume mantela, pero, en xeral, non é para tanto. É, simplemente, unha cuestión de xestión, de tomar decisións e de contar cun bo equipo de traballo”, insiste.