DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo celebra as Xornadas de Orientación Universitaria, XOU, de xeito virtual

Un caladoiro virtual de estudantado para o curso 2020-2021

Hoxe xoves tamén ten lugar a xornada de portas abertas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 14/05/2020

A Xornada de Orientación Universitaria e as Xornadas de Portas son eventos que, nunha situación de normalidade académica, terían achegado aos campus centos de mozos e mozas de institutos galegos buscando unha inspiración para o seu futuro universitario. Ante a imposibilidade de desenvolver de xeito presencial estes encontros, a Universidade de Vigo optou por trasladar toda a campaña de captación de futuro alumnado a unha contorna virtual baixo o nome de #ConectaCoaUVigo.

A primeira das cita tivo lugar este mércores pola tarde coa Xornada de Orientación Universitaria Virtual, un encontro co obxectivo proporcionarlle ao futuro alumnado, que está a cursar Bacharelato ou Ciclos superiores de FP, a ocasión de conectar coa Universidade e coñecer polo miúdo as novidades sobre ABAU, o acceso á universidade (preinscrición, acceso e matrícula), a nosa oferta formativa de graos e os servizos xerais da UVigo. 

A vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, foi a encargada de inaugurar a xornada que, segundo lembrou, contaba con máis de 700 inscritos no mes de marzo cando se agardaba celebrar de modo presencial e que na modalidade en liña tamén encheu a capacidade da sala virtual. Segundo remarcaba a vicerreitora na apertura da XOU, “o que queremos é despexarvos dúbidas, xa que nestas etapas do curso o alumnado preuniversitario ten moitas dúbidas, incertezas e nervios e, este ano, polas circunstancias, moitas máis”. Na súa intervención lembráballes aos estudantes conectados que “en breve teredes que tomar decisións e dar un paso decisivo, polo que o queremos é resolvervos todas as cuestións que teñades, dende como vai ser a ABAU, o proceso de preinscrición ou a oferta de graos”.

A ABAU, a gran preocupación

A xornada arrancou cun dos temas que máis preocupan ao estudantado, a ABAU e foi Luis Muñoz, delegado do reitor e presidente da CIUG, quen lles achegou as últimas novidades dunha cita que terá lugar entre o 7 e o 9 de xullo marcada pola suspensión das clases presenciais e o confinamento. En primeiro lugar, Muñoz referiuse ao formato, avanzando que en lugar de escoller entre opción A e B, como viña sendo ata agora, “cada estudante poderá elixir as preguntas entre unha listaxe, facendo calquera combinación de preguntas e, con esa combinación ten que poder sacar a máxima nota”. A finalidade deste cambio é que o alumno ou alumna “poida aprobar co traballado ata o momento do confinamento” cunha lista suficiente de preguntas, todas co mesmo valor. Os modelos de exames están xa dispoñibles na páxina da CIUG.

Outra das novidades será o horario das probas, que se organizarán tratando de garantir que os estudantes estean no recinto o menor tempo posible entre cada proba. Outra das incógnitas será o lugar de celebración da ABAU, que no caso das comisións delegadas da Universidade de Vigo non está decido. Neste sentido, Luis Muñoz explicou que as universidades de Santiago e A Coruña xa decidiron manter os exames de ABAU nos campus coas correspondentes medidas de seguridade e hixiene, pero no caso da UVigo aínda se están barallando alternativas, como a posibilidade de empregar pavillóns polideportivos.  

Tras responder ás preguntas das e dos asistentes,  foi a quenda de Magdalena Domínguez, xefa da Sección de Información ao Estudantado, SIE, que informou aos participantes sobre o proceso de preinscrición, acceso e matrícula. A segunda parte da xornada abordou a oferta formativa graos da UVigo, da man de Susana Rodríguez Barcia, directora da Área de Captación de Alumnado e a vida universitaria, con Ana Caamaño Martínez, técnica de Captación de Alumnado.

Xornada de Portas Abertas Virtual 

Tras esta cita inaugural, hoxe xoves continúan as actividades de captación coa Xornada de Portas Abertas Virtual, unha actividade cuxo obxectivo é resolver as dúbidas concretas  sobre os graos impartidos na Universidade de Vigo. Para iso, profesorado das diferentes titulacións de todos os campus responden ao longo do día a todas as cuestións propostas polos estudantes para definir o seu futuro académico. A través de Campus Remoto as sesións divídense por ámbito de coñecemento, cos centros do ámbito de Artes e Humanidades de 11.00 h a 12.00 h. e os de Xurídico Social, de 12.00 a 13.00 h. Xa pola tarde será a quenda das escolas e facultades de Ciencias e Ciencias da Saúde, 16.00 h a 17.00 h. e as do eido Enxeñaría e Arquitectura de 17.00 h a 18.00 horas.

Asesoramento para os equipos de orientación e contacto co SIE

Ademais da XOU e a Xornada de Portas Abertas desta semana, a campaña #ConectaCoaUVigo complétase con outras dúas acción. Por unha banda, púxose en marcha unha iniciativa centrada nos equipos de orientación dos institutos, que consiste nun espazo virtual en Faitic, un punto de encontro na rede onde compartir inquedanzas, consultar a información e novidades sobre a oferta formativa e o proceso de preinscrición e matrícula da Universidade de Vigo e tamén compartir conversas con outros equipos de orientación doutros centros de secundaria de Galicia, co SIE  ou consultar dúbidas relativas á ABAU, matrícula, oferta formativa e servizos da UVigo.

A cuarta pata de #ConectaCoaUVigo é un punto de encontro de videochat “para que todas as consultas que se están a recibir no Servizo de Información ao Estudante por parte de estudantado, equipos de orientación de colexios e institutos e incluso nais e pais, sexan máis próximas e doadas”. Esta iniciativa concrétase nunha sesión semanal denominada #ConectaCoSIE na que calquera persoa poderá conectarse co persoal do SIE a través do videochat para solucionar as súas dúbidas sobre ABAU, acceso e  matrícula. As sesións realízanse a través da plataforma Campus Remoto todos os xoves de 10.00 a 13.00 h.