DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bailaríns e bailarinas preparan nas instalacións universitarias a peza 'Gran Bolero'

O campus, escenario de varias residencias de formación en danza

No marco da programación do festival Corpo(a)terra

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 08/07/2019

Do 2 ao 13 de xullo, Ourense e Allariz acollen a celebración do IX Festival de Danza e Artes do Corpo Corpo(a)terra. Alén do programa de actuacións ante o público, a cita inclúe desde este luns e ata o venres o desenvolvemento en instalacións do campus de Ourense de varias residencias de formación en danza, entre outras actividades.

Corpo(a)terra, coordinado por Marta Alonso, Begoña Cuquejo e Paula Quintas, da compañía TrasPediante, que se encarga tamén da Aula de Danza do Campus de Ourense Dou-tras, conta ademais co apoio do Concello de Ourense, a Deputación e a Xunta, entre outras entidades. A colaboración do campus de Ourense neste festival, indican desde a súa organización, céntrase na celebración nel de tres residencias artísticas e unha mesa de debate.

Formación antes da estrea

A principal destas residencia, apunta Marta Alonso, é a relacionada coa peza Gran Bolero. Para ela, o festival fixo unha convocatoria e seleccionou entre as e os candidatos a un grupo reducido de bailaríns e bailarinas. As e os participantes seleccionados comparten desde este luns e ata o venres na antiga capela do campus o proceso de adaptación da peza Gran Bolero ao contexto da IX edición do festival, onde se representará como peche. Esta obra, explica Alonso, é unha peza de Jesús Rubio que se estreou este ano como unha coprodución entre Mercat de les Flors (Barcelona) e Teatros del Canal (Madrid). “Para nós é unha honra tela aquí en Ourense, onde se fará por primeira vez nun espazo aberto”, comenta Marta Alonso.

O propio Jesús Rubio é o encargado de dirixir a residencia que se está a celebrar no campus de Ourense e na que participan tres persoas do elenco orixinal e nove seleccionados por Corpo(a)terra. As e os intérpretes orixinais que participan son Clara Pampyn, Alberto Alonso e Eva Alonso e o elenco de Corpo(a)terra Tania Garrido, Raúl Pulido, Clara Ferrao, Marcia Vázquez, Danielle Mesquita, Gonzalo Simón, Cristian Ureña, Diego Pazo e Diego Buceta. Con esta mestura de perfís, apuntan desde a organización, buscan “involucrar a bailaríns galegos, que igual están traballando ou estudando fóra, e que así teñen unha oportunidade de vir facer unha gran peza como esta”. Ao longo da semana, bailaríns, bailarinas e coreógrafo compartirán “o proceso de transmisión” dunha obra que logo se estreará o día 13 de xullo na explanada exterior do Auditorio Municipal de Ourense.

Máis actividades

Alén desta residencia principal, desde TrasPediante sinalan como no campus de Ourense se celebran esta semana dúas residencias artísticas máis. Neste caso, as pezas corresponden a proxectos de compañías galegas e non serán representados na edición deste ano do festival de danza, xa que son proxectos aínda en desenvolvemento. Concretamente, nestas residencias participan o grupo Elahood e a compañía de Beti Pérez e Alba Cotelo. Por último, o campus acolleu a pasada semana, no marco da edición do IX Festival de Danza e Artes do Corpo, unha mesa redonda na que membros de Corpo(a)terra e programadores de España e Portugal traballaron arredor de que é facer un festival, desde a construción da súa programación ata as boas prácticas nel. O obxectivo da iniciativa, explican desde a organización, foi reflexionar sobre Corpo(a)terra e como facer del “un festival dez para unha décima edición” que terá lugar en 2020.