DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto conta cun orzamento da Comisión Europea de máis de 860.000 euros

Campus do Mar lidera a posta en marcha dun centro europeo de coñecemento marítimo

Ofrecerá unha visión actualizada das necesidades formativas e de demanda de emprego deste sector

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Investigación
D. Besadío DUVI 12/12/2019

Atlantic Maritime Ecosystem Network, MarENeT. Este é o nome elixido para o futuro centro europeo de coñecemento marítimo, unha iniciativa liderada polo Campus do Mar e coa que se busca fortalecer a cooperación entre as empresas marítimas e o mundo académico, tanto universidades como centros de formación profesional. Trátase  de construír unha colaboración estruturada a longo prazo entre a industria, a educación e as autoridades públicas. En palabras do seu coordinador, o profesor Daniel Rey, con MarENeT búscase “cadrar as necesidades do mercado marítimo portuario e os plans de estudos marítimos, á vez que se mellora a visibilidade e as oportunidades da economía azul e, por tanto, o atractivo das denominadas carreiras azuis”.

O proxecto, de 24 meses de duración, presentouse este mes en Bruxelas e conta cun orzamento total de 867.922 euros, dos cales a Comisión Europea financia 694.338 euros, a través da chamada convocatoria Blue Economy do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, EMFF. 

Unirá centros de formación e empresas do sector marítimo

O obxectivo é pór en marcha unha rede que ofreza unha visión xeral e actualizada das necesidades formativas e de demanda de emprego do sector marítimo e portuario na conca atlántica. Esta rede estará integrada por centros de formación e empresas dos tres sectores marítimos principais -construción naval, loxística de portos e pesca- e será a encargada de desenvolver códigos de boas prácticas e novas ferramentas no ambiente marítimo atlántico, potenciando así a colaboración entre  os distintos actores, de cara tanto a unir as súas fortalezas como a identificar as propostas innovadoras que xurdan en cada rexión.

Consorcio de 8 entidades españolas, irlandesas e francesas

Liderados polos Campus do Mar, participan un total de oito socios: a Asociación Clúster do Naval Galego, Aclunaga; a Confederación Española de Pesca, Cepesca; o Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa, ICSEM; a Autoridade Portuaria de Vigo; os irlandeses Cork Institute of Technology e o Marine Institute – Irish Maritime Development Office, e a Universidade da Rochelle de Francia. “Existe unha longa relación de colaboración entre todos os participantes españois a través do Campus do Mar”, explica Daniel Rey, quen destaca o importante papel que xoga neste proxecto o Porto de Vigo, pioneiro en Europa do impulso da economía azul. “É un traballo que xurde da crecente inquietude do sector marítimo atlántico de crear un marco de apoio para compartir o capital humano, así como as melloras prácticas e ferramentas”, recalca Rey.

A principal ferramenta será unha plataforma en liña

O resultado máis importante do proxecto será a posta en marcha do centro de coñecemento marítimo, unha entidade que axudará a impulsar alianzas no contexto portuario enfocadas á promoción da creación de empregos e na mellora dos programas de capacitación marítima, así como a resolver diferentes fendas de capacitación específicas en base ás demandas do mercado do contexto portuario.

A Universidade de Vigo, a través do Campus do Mar, encargarase dos labores de coordinación e xestión do proxecto, así como da parte encargada propiamente de crear o centro de coñecemento marítimo “cuxa formación será a clave para asegurar a sostenibilidade das interaccións entre axentes e sectoriais ao longo da área atlántica para seguir traballando por un sector marítimo máis competitivo unha vez finalice o proxecto”, recalcou o seu coordinador.

A principal ferramenta física para soportar a rede será unha plataforma en liña, a través da que se dará soporte ao intercambio de información entre os socios e se promoverán as diferentes accións de colaboración entre as empresas e o mundo académico. Entre as principais accións formativas a promover tratarase de implementar e actualizar programas educativos que cubran entre outras necesidades, perfís profesionais de; operador de lonxa e estibadores –formación profesional de grao medio-; administración de loxística portuaria Rotterdam –formación profesional superior- e lexislación marítima e loxística portuaria –formación universitaria-.

Paralelamente a estas accións a previsión é lanzar tamén un novo programa de capacitación orientado á creación de empresas no mercado azul que integre e involucre a centros de innovación, empresas sociais e investidores.