DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco das súas cuartas xornadas internacionais, que arrincaron este luns en Pontevedra

A Cátedra Saramago une 16 entidades nunha rede de estudos galego-lusófonos

O evento pon en relación ao escritor cos desafíos ambientais e sociais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Divulgación
  • Internacional
  • Lingua Galega
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/12/2019

A creación de sinerxías e de proxectos de colaboración no ámbito dos estudos lusófonos, a través da docencia, da investigación e das actividades culturais. Este é o obxectivo xeral da rede internacional de cátedras, centros de investigación e asociacións presentada este luns nas IV Xornadas Internacionais da Cátedra José Saramago (CJS) da Universidade de Vigo. As seis cátedras dedicadas a este escritor existentes no mundo, xunto con outra serie de cátedras, centros de investigación e colectivos forman parte dunha rede que finalmente recibe o nome de Jaricca e que parte da idea de que “os estudos lusófonos piden na actualidade transversalidade, internacionalización e interdisciplinariedade”. Así o puxo de relevo o director da CJS, o profesor Burhard Baltrusch, na inauguración das xornadas internacionais que ata este mércores se desenvolven na Vicerreitoría do campus de Pontevedra e que poñen en relación a obra e o pensamento do Nobel portugués coas problemáticas sociais e ambientais.

Saramago e os desafíos do noso tempo é o título das xornadas nas que participan investigadores e investigadoras de España, Portugal, Alemaña, Arxentina, Brasil, Israel, Italia, México e Portugal, así como parte dos e as responsables das diferentes entidades que integran Jaricca. “Nesta cuarta edición, queremos destacar a ética do compromiso político e social coa realidade que nos ensinou o autor”, salientou Baltrusch no acto inaugural, no que puxo de relevo como na obra e pensamento de Saramago "dialogan literatura, arte, filosofía e ética”. Nesa liña, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo de relevo a importancia de reunir a especialistas “de diferentes territorios e disciplinas” para dialogar sobre desafíos “como a igualdade, a ecoloxía ou as culturas minorizadas”, aspecto no que tamén incidiu o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que avogou por facer da “memoria de Saramago un camiño sobre o que buscar a xustiza, a solidariedade e o ben común”. O acto contou tamén coas intervencións da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, quen salientou a importancia desta “rede internacional de colaboración interuniversitaria”, así como do director da Fundaçao José Saramago, Sérgio Letria.

Unha rede que reúne ás cátedras Saramago do mundo

Promovida pola CJS, Jaricca agrupa as cátedras Saramago das universidades de Vigo, Autónoma de Barcelona, Granada, Università degli studi Roma Tre, Autónoma de México e Nacional de Córdoba (Arxentina), xunto coas cátedras Mário Césariny, da Universitat de les Illes Balears; Solange Parvaux, da Université Sorbonne Nouvelle de París; Sophia de Mello Breyner Andersen, da Universidade Católica Portuguesa do Porto, e Fernando Pessoa, da Universidad de los Andes. Completan a rede o Center for Portuguese Studies da University of California; o grupo de investigación Ehum2m, da Universidade de Minho; o grupo de estudos sobre o romance da Universidade Federal Rural do Semi-Árido brasileira, a rede da GaliLusofonía, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) e a asociación cultural e pedagóxica Ponte...nas Ondas! Esta nova rede, explicou Baltrusch, terá un dos seus eixos de actuación no “transiberismo, dentro do que consideramos primordial salientar as minorías e máis nomeadamente a Galicia como un verso cultural e literario non só do mundo lusófono senón tamén do contexto ibérico”. Tamén, a defensa e promoción da Carta Universal de Deberes e Obrigas dos Seres Humanos, elaborada pola Fundaçao José Saramago, e “a conciencia de que as mudanzas verdadeiramente importantes só se alcanzan se nos levantamos do chan ao que nos atan fronteiras e sistemas”. 

Tres eixos para o debate

As catro mesas de debate e sesións de presentación de comunicacións que integran o programa destas xornadas teñen como eixos, “tres grandes desafíos do noso tempo”, lembrou Baltrusch. Por unha banda, “a crise climática”, eixo ademais da conferencia inaugural. Por outra, “a cuestión da responsabilidade individual”, centrada na carta dos deberes e obrigas que a Fundaçao Jose Saramago entregaba recentemente a ONU, xa que estes deberes “son necesarios para que os dereitos non desaparezan”. O terceiro desafío en torno ao que se articula este foro de debate é “a crise sen precedentes das humanidades”, xa que, denunciou Baltrusch, “o que antes representaba o fundamento da civilización occidental, hoxe tornouse prescindible”. 

O programa das xornadas complétase coa representación teatral 3991: paisaxe sen horizonte, que esta tarde ten lugar no IES Valle Inclán, e coa estrea das curtas A Desforra e O Embargo, realizadas, a partir de contos de Saramago, por alumnado de Belas Artes, xunto coa exposición dos materiais elaborados para estes traballos, coordinados polos docentes Sol Alonso e José Chavete.

Un 5% de probabilidade de extinción

Escritor, educador, investigador e activista, Grian A. Cutanda, un dos impulsores en España do movemento Extinction Rebellion, foi o responsable, na conferencia de apertura, de pór en relación á Saramago e máis concretamente á idea da “insurrección ética” que recollía no seu libro Ensaio sobre a lucidez, coa crise climática e a “rebelión como sociedade civil” que defende este movemento. Nese senso, Cutanda deu a coñecer un movemento xurdido dun manifesto de 94 científicos e científicas británicos que chamaban “á rebelión contra os gobernos pola neglixencia criminal que supón non abordar a crise climática, que pode chegar a provocar milleiros de millóns de mortes”. O activista e divulgador incidiu en que os obxectivos deste “movemento horizontal” pasa por dar a coñecer “o que ocorre realmente e do que non se está informando”, motivo polo que un dos propósitos da súa intervención foi presentar estudos como un publicado recentemente “na revista da Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos, que di que neste momento hai unha probabilidade entre 20 de extinción para a especie humana”. Nese senso, a segunda misión deste movemento é reclamar “cero emisións de gases de efecto invernadoiro para 2025”, mentres que o terceiro eixo de actuación de Extinction Rebellion pasa por promover “a creación de asembleas cidadás” que controlen a acción dos gobernos neste ámbito, relatou Cutanda.

Libro de resumos das IV Xornadas