DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto ’10 Creadoras actuales’ foi impulsado por este instituto e o grupo ES2 da UVigo

A catedrática Yolanda Herranz protagoniza o novo vídeo da serie sobre mulleres artistas do Instituto Cervantes de Milán 

A peza afonda na súa traxectoria e propostas artísticas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • TIC
  • Cultura
DUVI Pontevedra 27/05/2020

O pasado mes de abril, o grupo de investigación ES2 da Facultade de Belas Artes e o Instituto Cervantes de Milán puxeron en marcha 10 Creadoras actuales. Lugar, cuerpo e identidad, unha iniciativa que, no contexto do estado de alarma, buscaba dar visibilidade a unha serie de artistas españolas cunha dilatada traxectoria, a través dos vídeos que semanalmente o instituto difunde a través da súa canle de Youtube. Na súa sexta entrega, estreada este sábado, a protagonista é a artista e catedrática de Escultura da Universidade de Vigo Yolanda Herranz, que afonda neste vídeo na súa proposta artística así como nos seus máis recentes proxectos e exposicións, como a mostra ...No, aún no…, que a comezos de marzo presentaba no Marco de Vigo. 

Licenciada en Belas Artes pola Universidade do País Vasco e doutora con premio extraordinario pola de Salamanca, Herranz, natural de Barakaldo, é profesora da Facultade de Belas Artes desde 1991, ademais de co-directora do grupo ES2. A súa produción artística abrangue debuxo, fotografía, pintura, escultura, accións e instalacións, e nela destaca o uso da palabra como material artístico, o traballo coa “potencialidade poética da linguaxe” e a reflexión en torno á identidade. As súas creacións, que teñen no texto, o corpo e o xénero os seus “núcleos reflexivos esenciais”, formaron parte, como destaca o vídeo, de máis de 200 exposicións en 25 países.

Esta serie de vídeos que o instituto elabora a partires dos textos e as imaxes seleccionadas polos catedráticos Jesús Pastor, Antón Castro e propia Herranz, arrincou en marzo co dedicado a Lita Cabellut, tralo que logo chegaron os centrados en Carmen Calvo, Ángela de la Cruz, Esther Ferrer e Cristina García Rodeiro. Este sábado 23 estreouse o dedicado a Herranz, que ademais de repasar a súa traxectoria, aborda algúns dos seus proxectos máis recentes, como a súa máis recentes exposición individual, ...No, aún no..., inaugurada no Marco poucos días antes de que se decretase o estado de alarma por mor da expansión da COVID-19. Dela forma parte a instalación mural SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí, conformada por 1380 verbas que, articuladas en series de dúas palabras, fan referencia “ao ser e ao estar das mulleres”. Este proxecto naceu en 2012 como performance, a primeira que levaba a cabo a artista, e que a pasada semana, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Museos, Herranz levouno de novo a cabo nun vídeo difundido polo Marco co gallo desta conmemoración, no que participaron artistas, comisarias e profesionais do propio museo.