DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes contou cunha conferencia de Jacobo Fernández

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil entra na súa recta final achegándose á ilustración

A actividade contou coa asistencia de máis de medio cento de estudantes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 22/10/2019

O pasado día 1 de outubro arrancou na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense a quinta edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil, coordinado pola profesora da Universidade de Vigo Isabel Mociño. Desde entón, cada martes do mes de outubro diferentes creadores e creadoras achéganse a este centro para compartir co público presente a súa obra e a súa visión da creación para os máis novos e novas. Este martes o ciclo entrou na súa recta final achegándose ao mundo da ilustración e á súa simbiose coa palabra cunha conferencia de Jacobo Fernández, ilustrador, escritor e profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Failde.

Facendo balance do ciclo cando entra na súa recta final, Isabel Mociño sinala como as tres primeiras conferencias, nas que participaron María Solar, Fran Alonso e Ánxela Gracián, “foron moi interesantes, xa que nos permitiron descubrir claves da creación de man dos propios autores e autoras, que xa coñeciamos como lectores e lectoras”. Así, apunta, as súas intervencións permitiron ao público presente “ver como cada un vai construíndo as súas obras, como as experiencias vitais e profesionais van dando lugar a unha creación e a unha configuración de obra que vén marcada en moitos casos por experiencias e vivencias da infancia”. Igualmente, engade a directora do ciclo, “foi moi interesante ver como os proxectos de creación de cada autor ou autora van modulándose co tempo en función sobre todo das lecturas que fan”.

Da palabra á imaxe

Se nestas tres primeiras conferencia a convivencia entre texto e imaxe foi apenas abordada, Isabel Mociño sinala como na intervención celebrada este martes e na última conferencia do ciclo, que terá lugar o vindeiro martes, a ilustración é o gran protagonista. Así na sesión celebrada este martes Jacobo Fernández, autor de obras como Marcopola. A illa Remeira ou Mil cousas poden pasar. Libro 2, ofreceu unha conferencia titulada En que forno estaba o teu cerebro?. “No seu caso interesábanos que no ciclo introducise a parte de imaxe, de como se vai configurando unha obra desde o punto de vista tamén do creador visual, do ilustrador, do debuxante... coa idea de que o alumnado vexa formas de crear totalmente diferentes e se achegue ao diálogo entre texto e imaxe”, explica a coordinadora do ciclo.

Durante a súa intervención Jacobo Fernández centrouse na parte da súa obra da que é autor tanto do texto como da ilustración, “sexa cómics, libros ilustrados ou cousas estrañas que non se sabe moi ben o que son”. Así, fixo un percorrido pola súas publicacións, parándose naquelas que mellor recollen a súa forma de entender a creación literaria, e das súas motivacións ao longo da súa traxectoria. Ao longo da súa intervención falou das “enerxías entre a palabra e a ilustración”, que na súa opinión “nun principio estaban unidas”, tanto desde o punto de vista histórico, lembrando como a imaxe foi antes que a palabra, como desde o punto de vista do ser humano, recalcando como por esa unión primeira o cómic ou libro ilustrado “son unha forma tan natural de comunicarse para os rapaces”. “En vez de falar de medios diferentes e de como combinalos, a miña idea é retrotraerme a un comezo no que eses medios estaban unidos”.

O escritor e ilustrador salientou que onde se sinte “máis a gusto” e creando el mesmo tanto o texto como as ilustracións dunha obra. O máis habitual, recoñeceu, é que estas dúas funcións non conflúan pero, apuntou, “na literatura infantil, os grandes nomes é xente que inventa, que crea os seus contos utilizando as dúas ferramentas, a palabra e a imaxe. É máis habitual do que parece”. A esta confluencia, Jacobo Fernández sinalou que lle ve “todo vantaxes” non só por ser a súa forma natural de crear senón porque “se esas ferramentas xa son potentes separadas, cando as xuntas, o poder de comunicación, sobre todo cando nos estamos dirixindo a rapaces pequenos, multiplícase. A vía de contacto con eles é directa”.     

O ciclo pecharase o día 29 outubro coa conferencia Explorando narrativas alternativas, do novo ilustrador formado na mesma Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Failde Jorge Campos.