DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 30 profesionais formados no centro protagonizaron os coloquios do 25 aniversario do centro

De Ciencias Sociais e da Comunicación a ‘Xogo de Tronos’

A última xornada centrouse en experiencias de mobilidade e en perfís profesionais menos habituais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/10/2019

Unha directora de cine, un produtor musical, responsables de márketing, creativas e creativos, xestoras de redes sociais, emprendedoras, un correspondente de televisión que viviu en primeira persoa a Guerra de Iraq ou un creador de efectos visuais que traballou para producións como Xogo de Tronos... Os moitos camiños profesionais percorridos polas tituladas e titulados da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación foron os protagonistas da ‘semana grande’ coa que o centro conmemoraba nestes días os seus 25 anos. Na xornada de peche, o centro acolleu un coloquio centrado nas experiencias de mobilidade de egresados que desenvolveron parte da súa traxectoria profesional noutros países e unha charla que reunía diferentes perfís profesionais vinculados coa comunicación, como o do compositor de efectos visuais VXF, Pablo Lamosa, que formou parte do equipo co que unha das principais empresas do sector en España traballou para producións como a serie Xogo de Tronos.

Titulado en Comunicación Audiovisual, Lamosa participou na tarde deste venres no coloquio Outras miradas, conducido pola profesora Carmen López de Aguileta, que contou tamén coa participación de Fátima Pego, unha titulada en Comunicación Audiovisual que combina o seu labor como presentadora ou reporteira na TVG coa súa faceta como cantante da Orquestra Panorama. Xunto eles, Carlos Portas achegou  a súa experiencia como xornalista, correspondente e presentador de informativos para a TVG, Univisión ou Antena 3. Ao longo da súa traxectoria, este egresado foi enviado especial en 30 países, o que levou a cubrir acontecementos como a Guerra de Iraq ou a independencia de Timor Leste. Titulada en Publicidade e RRPP, Estefanía Casal abordou na súa traxectoria en diferentes axencias dixitais especializadas en experiencia de usuario e interface, mentres que Lamosa centrouse na súa traxectoria na composición de VFX, que o levou a traballar tamén para series de Netflix como Criminal, Élite ou Diablero, e en filmes como Yuli, de Iziar Bollaín, Todos lo saben, de Asghar Farhadi, ou Longa Noite, do galego Eloy Enciso.

Un mundo “en constante cambio”

Especializado na composición de VFX, Lamosa ten traballado en dúas das empresas máis importantes do estado neste eido, El Ranchito e Deluxe, onde actualmente desenvolve o seu labor profesional. “Os efectos visuais existen desde os comezos do cine”, recoñece Lamosa, quen non obstante incide en que na actualidade “máis que nunca parece que estamos a vivir unha expansión deste tipo de traballo, polo aumento de produción sobre todo das novas plataformas visuais”, que contribuíron a que se incrementase o número de producións susceptibles tanto de “ter efectos visuais máis rechamantes” como de empregar os chamados “efectos invisibles”, como os borrados ou o mesturado de tomas. A composición dixital para producións como Xogo de Tronos, explicou, “divídense entre moitas produtoras”, de tal xeito que “para unha secuencia de 20 minutos”, como a que El Ranchito fixo para unha capítulo a sexta tempada “fan falta varios meses de traballo de varios departamentos ben nutridos de profesionais”. Nese senso, este egresado, incide na “ilusión” que supón formar parte de producións que supoñen “un plus de complexidade porque os estándares de calidade son moi altos e todo está revisado con lupa”, pero que tamén contribúen tanto a “aprender e mellorar no teu traballo”, como “a que algunhas portas se abran de maneira máis doada”. 

Director técnico desde hai dez anos do Festival Internacional de Curtas de Bueu, Lamosa buscou nese senso trasladar ao alumnado a idea de que, pese a que “o audiovisual é un sector complicado, pero se realmente tes perseverancia e es un bo profesional acabas atopando o teu camiño”. Do mesmo xeito, este titulado puxo o acento na importancia da formación e de “estar conectado cos avances do propio sector”, xa que se trata, sinalou, “dun mundo en constante cambio”. 

Da facultade ao mundo

A última xornada desta semana grande abriuse cun coloquio sobre experiencias de mobilidade, conducido pola profesora Silvia García Mirón. Nel, o titulado Esteban Vilela, que actualmente traballa en Madrid como executivo de contas, relatou a súa experiencia profesional en Londrez ou Dublín, mentres que a planificadora estratéxica Naomi Fernández, que actualmente é responsable de comunicación e márketing dun grupo empresarial en Lalín, afondou na súa experiencia previa en axencias de publicidade como Grey en Nova York ou Shackleton en Madrid. “Saír da comodidade do coñecido é sempre enriquecedor, tanto no ámbito persoal como no profesional”, recoñeceu Fernández, quen lembrou a súa experiencia fóra de Galicia como “dura e gratificante” ao mesmo tempo. “No ámbito profesional aprendín procesos diferentes”, engadiu a egresada, que recoñece que esta experiencia permitiulle aprender “a traballar dunha forma moi máis produtiva e competitiva, aínda que igualmente sa”.  

Tamén participou nesta mesa Hugo Piñón, quen iniciou como estudante Eramsus en Roma un periplo polo mundo que logo o levou ser profesor en Córcega, rodar un documental mentres viaxaba no transiberiano ou a traballar para Google en Polonia. Actualmente, Piñón traballa para World Life Experience, coa que percorre o mundo colaborando con diferentes ONG e xerando contido audiovisual que documente o seu labor. “Aproveitando as novas tecnoloxías, a misión principal é transmitir ao mundo a mensaxe, non só da ONG, senón tamén do que supón culturalmente o descubrimento dun país”, explicou este titulado do labor que desenvolve para esta empresa. “Viaxar é unha constante aprendizaxe, cultural, laboral e persoal”, engadiu Piñón, quen nese senso animou ao alumnado a que “non teñan medo de deixar a súa zona de confort”, xa que “o mundo está cheo de cousas e a vida é demasiado curta como para ficar sempre no mesmo sitio”.