DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu unha xornada con este obxectivo

Cinco exemplos para rachar o teito de cristal no deporte de alto nivel

Na cita participaron destacadas deportistas de diferentes modalidades

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 26/06/2019

Visibilizar e valorizar o deporte feminino. Con este obxectivo este mércores a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu un faladoiro no que participaron cinco deportistas internacionais de alto nivel de moi diversas modalidades, como son Anair Lomba, Vanessa Sotelo, Iria Grandal, Alba Rodríguez e Yolanda García. A través da experiencia tanto profesional como persoal destas mulleres, a iniciativa quixo sumarse á reivindicación crecente dunha maior igualdade no mundo do deporte, desde as súas regras de xogo ata a súa visibilidade nos medios de comunicación.

A xornada levou o título Visibilización en positivo! Rachando o teito de cristal dende o deporte e estivo organizada polo profesor do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa Millán Brea coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE. “A actividade deseñouse co obxectivo de contribuír a visibilizar o deporte feminino, neste momento no que parece que empeza a darse coñecerse, e tamén co obxectivo de achegarse á súa situación actual, escoitando a algunhas das súas protagonistas”, comentou Millán Brea.

No faladoiro participaron Anair Lomba, futbolista do Valencia CF, ex-xogadora do FC Barcelona e do RCD Espanyol, profesional dende o ano 2006; Vanessa Sotelo, xogadora de fútbol sala do Alcorcón FSF, internacional, campioa de Europa 2019 e bota de ouro nos mundiais de Costa Rica e Guatemala; Iria Grandal, olímpica en tiro con arco en Londres 2012 e subcampioa de Europa por equipos 2012; Yolanda García, internacional en ximnasia acrobática, campioa de España en diversas categorías e participante en campionato do mundo desta modalidade, e Alba Rodríguez, internacional, xogadora do Auriense Fútbol Gaélico, campioa de Europa 2018 con Galicia e campioa da Copa Shield 2016. Nas súas intervencións abordaron a situación da muller nos seus respectivos deportes, as dificultades ou non que atoparon para a práctica deportiva por ser mulleres e como as diferenzas entre o tratamento das categorías masculina e feminina, desde o económico ata o recoñecemento público, repercute no desenvolvemento do deporte feminino en xeral e nas súas traxectorias profesionais en concreto.   

Do deporte maioritario ao minoritario

Xogadora do “deporte rei en España”, Anair Lomba salientou a “gran diferenza no tema económico e de visibilidade” que hai entre o fútbol masculino e o feminino, aínda que recoñeceu “que agora se están intentando mellorar a situación”. Ela, lembrou, tivo que irse do seu pobo aos 13 anos “porque non podía seguir practicando fútbol, porque había entón unha norma en Galicia pola que as rapazas a partir dos 14 e ata os 16 non podían xogar”, índose a xogar ao Barça xa que segundo explicou en Catalunya non existía esa norma. Ante “os avances” que está habendo no tratamento do fútbol feminino Lomba recalcou como “é un orgullo ver que agora se está apostando polo noso deporte, parece que por fin ao fútbol feminino se lle empeza a dar a importancia que ten”. Así, animou “a aproveitar este momento para que sega medrando aínda máis”.

Aínda que sen o protagonismo do deporte rei, Vanessa Sotelo tamén destacou como o fútbol sala feminino “deu este ano un pequeno salto que esperamos que se manteña e poidamos seguir medrando pouco a pouco”. Ese salto foi a celebración por primeira vez da competición europea oficial de fútbol sala feminino, proclamándose campioa a selección española na que xogaba a propia Sotelo. “Ogallá que se siga apostando por competicións oficiais e que o fútbol sala feminino se faga un oco entre os grandes deportes”, afirmou. A xogadora tamén apuntou a importancia da visibilización pública deste deporte, lembrando como “cando hai competicións saimos algo nos medios pero debería ser máis no día a día porque temos competicións todas as fins de semana e necesitamos dos medios de comunicación para darnos a coñecer. Se non saímos nos medios non se nos coñece”, dixo.

Como xogadora dun deporte minoritario pero en auxe en Galicia, Alba Rodríguez salientou como no caso do fútbol gaélico “é moito máis complicado para as mulleres formar equipos, sobre todo a nivel amateur, cústanos máis captar xogadoras que queiran participar en deportes minoritarios”. Fronte a esta situación quixo animar ás rapazas a achegarse a este deporte facendo fincapé en rachar tamén a barreira da idade e non só a de xénero. “Aínda que penses que es maior nunca é tarde para comezar a facer deporte”, afirmou a xogadora.

Por último, Iria Grandal e Yolanda García falaron da muller en deportes nos que a desigualdade entre homes e mulleres difire. “En tiro con arco non hai moita diferenza, en xeral o noso problema é que é un deporte minoritario”, apuntou Iria Grandal. Así, indicou, “ultimamente en España en realidade hai máis rapazas que practican este deporte que rapaces. Parece unha broma pero películas como Os Xogos da Fame deron a coñecer este deporte entre as mulleres”. En ximnasia acrobática, Yolanda García recalcou pola súa banda como “non hai moitos rapaces, aínda que cada vez máis”. Sobre as causas desta situación indicou como “non é un deporte moi coñecido e está fichado como feminino cando en realidade é un deporte totalmente mixto. Poden practicalo tanto rapaces como rapazas por igual”. Así, quixo animar tanto a uns como a outros a practicar este ou outro deporte ao longo da súa vida.