DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo arrancou este xoves na piscina universitaria a súa actividade

O Club Natación Escualos Campus da Auga afronta unha nova tempada con “ilusión e ganas de seguir medrando”

Como novidade incorporan un novo grupo de augas abertas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 20/09/2019

O Club Natación Escualos Campus da Auga arrancou este xoves na piscina universitaria AQA Ourense unha nova tempada. “Coa mente posta na primeira xornada da liga galega, o 20 de outubro, arrancamos un novo curso aspirando a todo e co obxectivo de estar como o ano pasado nos postos altos das clasificacións”, comentan desde o equipo, lembrando como “as ilusións e as ganas de seguir medrando son máximas”.

Sobre o equipo, sinalan como “seguimos contando con Hugo Nogueira como adestrador e un dos seus baluartes e co apoio de AQA Ourense como centro acuático de referencia”. Como gran novidade, engaden, esta temporada incorporan un novo equipo de augas abertas liderado por Jesús Carlos Quintas, "experto nadador de travesías  e adestrador". Ademais, indican desde Escualos, “reforzamos o noso compromiso coa competición en piscina, ampliando os horarios de adestramento”.

O programa desta primeira sesión celebrada o xoves, á que asistiu Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, consistiu, ademais da realización da foto oficial, dunha homenaxe ao equipo de augas abertas, polo título acadado no circuíto galego desta modalidade na categoría máster masculino; unha charla técnica dos adestradores e a presentación do novo cronómetro de piscina que o club instala en AQA Ourense para o uso de todas e todos os usuarios da piscina. Non faltaron os agradecementos a patrocinadores, colaboradores e sobre todo ás e aos socios do club.