DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Clusaga celebrou unha xornada na que afondou nos retos estratéxicos do sector 

O Clúster das Empresas Alimentarias de Galicia achega ás necesidades da industria ao persoal investigador do campus 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI 19/02/2020

Co obxectivo de coñecer as liñas de traballo das persoas interesadas en desenvolver potenciais colaboracións co sector agroalimentario e de achegar ao persoal investigador as necesidades da industria, o Clúster das Empresas Alimentarias de Galicia (Clusaga) celebrou hoxe no campus vigués unha xornada, na que tamén deu a coñecer as súas acción e presentou as súas comisión de I+D+i e de sustentabilidade e economía circular. Preto de 30 persoas, entre persoal investigador, xestores de grupos, representantes de empresas e organizacións, asistiron á xornada na que vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo, María Consuelo Pérez, destacou que “o sector da alimentación é un dos máis importantes na nosa comunidade autónoma e ademais é un dos que, desde o meu punto de vista, está apostando moito polo innovación e unha das misións máis importantes da universidade quizais sexa a de acompañar, na medida que se poida, a todas estas empresas dedicadas ao ámbito da alimentación na súa innovación”.

Un clúster para un sector estratéxico en Galicia 

As xestoras de proxectos de innovación do clúster, Noelia Dosil e Patricia Fraga foron as encargadas de realizar a presentación de Clusaga, que integran neste intre 67 empresas do ámbito da alimentación, outras 14 doutros ámbitos, ademais de asociacións empresariais e universidades. Desenvolver a cultura da innovación e favorecer a difusión e aplicación do coñecemento; impulsar a creación de valor, a través de novos produtos ou procesos; mellorar a produtividade e sustentabilidade e reforzar a posición nos mercados, son algúns dos obxectivos do clúster, que a tal efecto constituíu as comisións de innovación e I+D e de sustentabilidade e economía circular. Así, no caso da primeira o obxectivo é acadar maior intercambio e interacción entre as empresas, centros tecnolóxicos e universidades, consolidando grupos de traballo arredor de temáticas como innovación en alimentos e ingredientes innovadores; novos modelos de produción e comercialización e loxística e distribución. En canto á comisión de sustentabilidade e economía circular, a finalidade é reforzar as cuestións relacionadas coa sostibilidade ambiental, cunha mención especial á bioeconomía e á economía circular en ámbitos como a organización de actividades de información e formación para socios; apoio á posta en marcha de proxectos colaborativos neste ámbito e divulgación de boas prácticas.

Pola súa banda, María Corina Porro, responsable do departamento de I+D+ i de Nova Pescanova e Julián Hernández, xerente de departamento de márketing de Vegalsa Eroski, afondaron nos retos da comisión de innovación e I+D do Clusaga, antes dunha rolda de presentacións curtas nas que representantes dos grupos de investigación de Agrobioloxía Ambiental: Calidade, Chans e Plantas, Antiox- QF2, Dereito Mercantil e do Traballo, Enxeñería de Bioprocesos (IIM-CSIC), o Grupo de Control Non Linear (DESA-UVigo) e da Área de Bioenerxía da Universidade de Vigo, presentaron a súa actividade e compartiron ideas con Clusaga e o resto de asistentes.