DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arrinca en Catoira un foro que reúne 250 especialistas e profesionais de cinco países

Un congreso internacional contrapón evidencias científicas aos falsos mitos sobre o cannabis

Catro talleres abriron esta tarde o evento que coordina o profesor Manuel Isorna

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 07/11/2019

Segundo as cifras do Plan Nacional sobre Drogas, en España un de cada tres mozos e mozas de entre 14 e 18 anos consumiu cannabis nalgún momento das súas vidas, case un de cada cinco afirmou telo consumido no último mes e preto do 3% presenta un consumo problemático ou abusivo desta droga. “Moitos mozos comezan a consumir cannabis como unha experiencia, pensando que é algo inocuo, cando en idades temperás pode deixarlle secuelas de por vida”, salienta o profesor da Universidade de Vigo Manuel Isorna, presidente do comité organizador do II Congreso Internacional sobre Cannabis. Preto de 250 expertos, profesionais e investigadores e investigadoras participan entre este xoves e este sábado en Catoira neste foro internacional organizado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e o Concello de Catoira, xunto co grupo de investigación PS1 da Universidade, o Plan Nacional Sobre Drogas e a Sociedad Científica Española de Estudios sobre el Alcohol, el Alcoholismo y las otras Toxicomanías (Socidrogalcohol).

Preto de 30 expertos e expertas de España, Portugal, Estados Unidos, Reino Unido e Islandia participan como conferenciantes nun congreso que busca pór sobre a mesa “evidencias científicas” sobre esta droga e os seus efectos, como salienta Isorna, profesor asociado da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e técnico de prevención de drogodependencias do Concello de Catoira. Abordando este "problema de saúde pública" desde as perspectivas clínica, educativa e lexislativa, o congreso, que arrincou na tarde deste xoves coa celebración de catro talleres simultáneos, pretende neste senso achegar “unha información fidedigna” sobre os efectos dunha substancia arredor da que “difúndense moitas fake news”.

Unha droga que se consume xunto con outra droga

“Falamos dunha substancia psicoactiva, que produce cambios no sistema cerebral e neurolóxico, non é unha cousa banal”, salienta Joseba Zabala, médico de saúde pública do Departamento de Seguridade Cidadá do concello de Vitoria-Gasteiz e responsable dun destes talleres. Coordinador de Evict, un proxecto que, co patrocinio do Plan Nacional sobre Drogas, estuda os efectos da “unión do tabaco e o cannabis”, Zabala buscou neste taller pór de relevo os “elevados niveis de toxicidade” aos que se expoñen os e as consumidores dunha droga que adoita consumirse mesturada con tabaco. Fíxoo a través das Vitoria-Gasteiz´s Bottles, “un sistema experimental, moi sinxelo” no que facendo uso de botellas de plástico busca visualizar os “riscos asociados ás diferentes formas de consumo” desta droga. 

Zabala empregou este sistema de botellas para amosar dun xeito visual a cantidade de fume que o consumidor inhala directamente “a temperaturas moi elevadas e cun nivel de absorción pulmonar moi grande”, pero tamén como “o 85% do fume dun porro vai cara o exterior e afecta ás persoas que o están respirando”. Uns algodóns situados no interior da botellas permitiron por outra banda facer visibles os niveis de alcatrán que implica o consumo destas substancia. Deste xeito, Zabala buscaba romper “un dos maiores mitos, que o cannabis fumado para algunhas persoas é incluso terapéutico”, pondo de relevo así mesmo como o tabaco “aumenta a potencia aditiva do tetrahidrocannabinol”.

Modificar actitudes para previr

“Os adolescentes achéganse ao consumo de cannabis dunha forma moi pouco reflexiva, pensando que non lles vai pasar nada”, engade o subdirector de estudos e programas da Fundación Ayuda contra la Drogadicción (FAD), Miguel Ángel Rodríguez, responsable doutro dos talleres da xornada. Dar a coñecer os materiais e a metodoloxía empregada pola FAD no seu programa de prevención Pasa la vida foi o obxectivo central deste seminario, no que Rodríguez puxo de relevo a importancia de fomentar que mozos e mozas “modifiquen as súas actitudes cara o consumo”. Valéndose de recursos como unha curtametraxe, a FAD busca con este programa xerar un “espazo educativo” no que guiar ás e aos adolescentes nunha reflexión individual e grupal sobre as “expectativas asociadas ao consumo e os riscos que implica”. Trátase, sinala, “de facerlles pensar para evitar un achegamento que en moitos casos está moi automatizado, como algo que ven na súa contorna”, co propósito de que sexan "eles mesmos os que poñan en cuestión" as "expectativas positivas de beneficios" que asocian ao consumo. 

Tres eixos, preto de 30 expertos

Un taller sobre a entrevista motivacional a consumidores de cannabis e outro sobre o chamado “modelo islandés”, que centra o seu labor preventivo en actuar sobre a contorna das e os menores, xunto cunha mesa sobre boas prácticas de prevención no ámbito local completan a primeira xornada dun congreso que na tarde deste venres celebrará o seu acto inaugural. Nel participarán Jesús Vázquez, conselleiro de Sanidade; Xoán Xosé Castaño, alcalde de Catoira; Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Jorge Méndez, do Plan Nacional sobre Drogas, e Francisco Pascual, presidente de Socidrogalcohol.

Sete conferencias plenarias e oito mesas de debate integran, xunto á presentación de máis de 60 pósters e comunicacións, o programa dun congreso que reúne entre outros, salienta Isorna, “a tres dos principais expertos mundiais” nos efectos do cannabis para a saúde, os investigadores do Kings College de Londrés Robin Murray e Diego Quattrone e Dustin Lee, da Universidade Johns Hopkins estadounidense. Diferentes patoloxías vinculadas ao consumo de cannabis serán así mesmo obxecto de análise en varias das mesas dun congreso que abrirá a xornada do venres cunha conferencia do investigador da Universitat Pompeu Fabra Rafael Maldonado e contará tamén coa participación da directora da Agencia Española del Medicamento, María Jesús Lamas, que abordará os posibles usos terapéuticos de derivados do cannabis. 

No eido educativo, o congreso contará, entre outros, coa intervención do “impulsor do modelo islandés”, Jon Sigfusson, do Instituto Islandés de Análise e Estudo Social; mentres das dimensións legais desta problemática encargaranse expertos como Brendan Hughes, do Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías, ou o fiscal antidroga Pablo Varela, quen falará do tráfico de haxix no campo de Xibraltar.