DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel abordaranse os últimos avances científicos neste eido

Un congreso reunirá en Ourense aos grupos ibéricos de referencia en compostos fenólicos

A cita está organizada polo Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 17/09/2019

Os grupos de referencia na investigación sobre compostos fenólicos de España e Portugal daranse cita na Facultade de Ciencias do campus de Ourense o día 2 de outubro. Será no I Congreso Ibérico de Compostos Fenólicos,  organizado polo Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo.

A actividade realízase no marco do proxecto Iberphenol, proxecto que, explican desde a organización do congreso, naceu ao abeiro do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 co obxectivo de pór en marcha unha rede ibérica de investigación en polifenois con aplicación na industria. “O obxectivo desta iniciativa é afianzar a rede existente entre os grupos de investigación participantes en Iberphenol e presentar os resultados obtidos coa participación neste proxecto desde a súa posta en marcha”, comentan Patricia Reboredo e María Figueiredo, investigadoras da Universidade de Vigo coordinadoras do congreso.

Sobre a relevancia da abordaxe da temática que centra esta actividade, desde a súa organización apuntan como “os compostos fenólicos son compostos naturais presentes nos alimentos con actividade biolóxica, que teñen propiedades saudables e que poden interferir no proceso de determinadas enfermidades, como poden ser a diabetes ou o cancro”. O interese neles, detallan, radica por exemplo no seu potencial na busca de substancias alternativas que poden “ou axudar ou realizar a mesma función” que medicamentos que se usan na actualidade no tratamento de enfermidades.

Da agroindustria á saúde

O congreso, detallan as e os seus responsables, será un punto de encontro entre as e os investigadores de Iberphenol pero estará aberto a todas as persoas interesadas na temática. As conferencias correrán a cargo de investigadores e investigadoras dos grupos que participan en Iberphenol, que son, ademais do Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo, o Grupo de Investigación en Polifenois da Universidad de Salamanca; o grupo Uvamox da Universidad de Valladolid; o Food Polyphenol Lab da Facultade de Ciencias da Universidade de Porto; o grupo BioChemCore do Instituto Politécnico de Bragança; o Laboratório de Farmacognosia da Faculdade de Farmácia da Universidade de Porto; a Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro; a Universidade de Coimbra e a Bodega Matarromera.

Nas súas intervencións, as e os relatores abordarán os últimos avances en temáticas como as agroindustrias fenólicas e a relación entre compostos fenólicos e economía circular; sabor; propiedades bioactivas e saúde. Así, o programa de conferencias arrancará cunha sobre perfís fenólicos e sensoriais de framboesas producidas baixo prácticas agrícolas convencionais fronte ás orgánicas e rematará con outra sobre os polifenois de amorodo como posibles ferramentas para controlar a aparición e progresión da obesidade.