DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves celebrou unha sesión ordinaria de xeito telemático

O Consello de Campus aborda posibles escenarios para o vindeiro curso académico

Na reunión falouse de temas como o mapa de titulacións e a docencia mixta

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 21/05/2020

O Consello de Campus de Ourense celebrou este xoves unha sesión ordinaria de xeito virtual, a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, atendendo ás medidas de loita contra a COVID-19. Nel, o protagonismo foi para os escenarios previstos para o vindeiro curso académico 2020/2021, analizando o mapa de titulacións, a docencia mixta e a mobilidade de alumnado. A sesión, a segunda que se celebra de xeito virtual desde a declaración da pandemia, contou con informes de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, e María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, que fixeron balance das súas respectivas áreas de traballo. 

Manuel Reigosa iniciou o seu informe falando da realización das probas de acceso á universidade, as ABAU, explicando como se está traballando para que na súa celebración “non haxa grandes desprazamentos nin grandes agrupacións de estudantes dentro dos campus”. Neste senso adiantou que no campus de Ourense, á espera de confirmar outras posibles sedes, para este fin “imos utilizar o pavillón universitario e as aulas grandes de Ciencias Empresariais e Turismo”. Porén, o groso da intervención do reitor referiuse ao Programa de transformación á docencia innovadora no Sistema Universitario de Galicia, de docencia mixta, abordado este martes nunha reunión entre a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional e as tres universidades galegas. 

Recalcando como aínda está pendente de clarexarse moitas cuestións deste programa e da súa convocatoria, o reitor apuntou como “nos vindeiros anos, polo menos no curso vindeiro e no seguinte, creo que a universidade vai ter que estar preparada para a docencia mixta, na cal haxa alumnos na aula, alumnos na casa e que haxa períodos nos que todos os alumnos e incluso todos os profesores esteamos na casa”. Por este motivo indicou o reitor, “intentaremos que todos os centros da Universidade de Vigo” poidan ter o selo de “garantía saudable” que contempla ese programa e “intentaremos incentivar que un número razoable de centros se adhiran á convocatoria digamos máis estrita”. Manuel Reigosa fixo fincapé na importancia de que “os alumnos, os profesores e os PAS poidan ir tranquilamente a traballar sabendo que se están cumprindo as medidas de seguridade”. 

Mapa de titulacións

Pola súa banda, Manuel Ramos debullou ante os membros do Consello de Campus a oferta de titulacións e prazas para o curso 2020/21, así como algúns indicadores de como van evolucionando as titulacións, en ambos casos referíndose ao campus de Ourense. Da oferta de titulacións sinalou como para o vindeiro curso académico “as titulacións de grao serán a mesma do curso actual, coa excepción da subida de 15 prazas no Grao en Enxeñaría Informática (a única subida de prazas nunha titulación de grao da Universidade de Vigo) e a recuperación da oferta do Programa Conxunto de Estudos Grao Administración e Dirección de Empresas-Enxeñaría Informática, que ofertará seis prazas”. No caso dos mestrados e doutoramentos, engadiu, “a oferta será exactamente a mesma que no curso actual, non se produce ningunha variación”.

Por outra banda, o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado abordou “o estado das titulacións de grao e mestrado en relación cos criterios que establece a Xunta de Galicia de cara a manter as titulacións e tamén a permitir futuros aumentos ou diminucións no número de prazas ofertadas”. Na súa análise incidiu naqueles indicadores, como taxas de graduación ou de idoneidade, “nos que é preciso mellorar nalgunhas titulacións de grao”. Igualmente falou aos membros do Consello de Campus sobre “o número mínimo de matrícula que deberían acadar as titulacións de mestrado no curso 2020/21 para que cumpran os criterios establecidos pola Xunta de Galicia para poder manterse na oferta para o curso 2021/22”.

Sobre o mapa de titulacións, o reitor tamén salientou como se continuará traballando na proposta do Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica. Unha vez non foi posible a súa implantación para o curso 2020/2021, Manuel Reigosa apuntou como se continuará o procedemento para conseguir a súa implantación futura. Nese procedemento, indicou, tomarase como “punto de partida” o acordo xa existente entre os equipos reitorais das universidades de Vigo e A Coruña, que contempla a selección dun plan por un avaliador externo, concretamente da Universidade Politécnica de Madrid, e acordos básicos sobre docencia e matriculación. Tamén coa Universidade da Coruña, indicou o reitor, trabállase na proposta do Grao de Relacións Internacionais, avanzando en aspectos como a docencia en inglés e as especializacións.

Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación 

Tamén interveu neste Consello de Campus de Ourense María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, que fixo balance da súa área. Entre outros temas abordou os principais escenarios que se barallan nestes momentos para o vindeiro curso académico respecto á mobilidade de estudantes e as recomendacións da CRUE-Internacional ao respecto. Tamén informou de próximas edicións de iniciativas como English Friendly, de docencia en inglés, na que na primeira edición participaron no campus de Ourense 40 materias; do Curso Axenda 2030 e Axentes do Cambio, con acciones de voluntariado, e da convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo. Outros aspectos expostos no seu informe foron a atención á diversidade e inclusión educativa ou o programa Pausas Saudables en directo.

Aprazamento do Congreso Internacional da Auga

Polo que respecta ao informe da vicerreitora do campus de Ourense, Esther de Blas sinalou o adiamento ata o ano 2021 do Congreso Internacional da Auga, que este ano estaba a ser organizado pola Facultade de Dereito no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. Neste senso, Esther de Blas agradeceu “a todas as persoas que estiveron a traballar neste congreso a súa decisión responsable”. Outros aspectos abordados pola vicerreitora no seu informe foron os kits con material de protección entregados nestes primeiros tres días de presencia restrinxida de persoal nos centros do campus de Ourense e os cambios orzamentarios provocados pola crise da COVID-19.