DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As persoas interesadas poden achegarse aos seus ensaios semanais

O coro do campus busca novas fichaxes

Non é imprescindible formación musical previa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 17/09/2019

Como cada inicio de curso, o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum abre as súas portas aos membros da comunidade universitaria interesados en unirse a esta formación coral, especialmente ao alumnado de novo ingreso. Para formar parte del, apuntan os seus responsables, non é imprescindible formación musical previa.

Para presentar o coro ás posibles persoas interesadas, Xabier Álvarez, director da agrupación, explica como “a nota máis destacada é que somos un coro interxeracional no que conviven persoas desde os 17 aos 76 anos. Somos como unha familia”. Esta mestura de idades e voces diversas, recalca, “é moi interesante tanto a nivel de convivencia, que é moi enriquecedora, como a nivel sonoro, pola unión de voces novas e veteranas”. Outro sinal de identidade da formación, sinala o seu director, é que é un coro con vocación de escola coral. “Imos máis alá de aprender e interpretar unha serie de cancións, sempre temos un enfoque didáctico e de formación vogal e coral, como non podía ser menos estando nunha universidade”, subliña do director do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum.

Aposta pola diversidade

Outras das características diferencias e dos atractivos desta agrupación, lembra o seu responsable, é que o seu repertorio “defínese pola súa variedade, non queremos limitarnos nin a un estilo nin a unha forma de cantar”. En actos de graduación e outros actos académicos e en concertos fóra do ámbito universitario, o coro deleita cada curso ás e aos espectadores cun repertorio que sempre se caracteriza pola variedade de estilos, épocas, culturas e idiomas que abrangue, incorporando música popular universal, galega, sacra, música pop, góspel ou bandas sonoras e prestando unha especial atención a compositores corais contemporáneos.

Cada curso arredor de 40 cantores e cantoras forman a agrupación, manténdose un grupo estable e renovándose parte del, principalmente alumnado que remata os seus estudos ou egresadas e egresados que por motivos laborais non poden continuar participando. Cada luns e xoves, de 20.00 h. a 21.30 h, o coro ensaia na aula de música do Edifico de Ferro, convidando a todas as persoas interesadas a achegarse ata alí. “Está entrando moita xente, temos desde o inicio de curso unha afluencia inusitada e agardamos que se incorpore aínda máis persoas”, comenta Xabier Álvarez. Para apuntarse a esta actividade de balde, detalla, “só hai que vir ata os ensaios e xa lle explicamos todo”, non sendo imprescindible “aínda que se agradece” ter coñecementos musicais”.