DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade está organizada polo Colexio da Avogacía coa colaboración de Dereito

Un curso forma a xuristas e futuros xuristas no eido da violencia de xénero

Os contidos abranguen desde o cumprimento de sentencias ata o tratamento de menores

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 17/10/2019

Desde este xoves e ata o 20 de novembro, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolle o curso Violencia de xénero, organizado polo Colexio da Avogacía de Ourense coa colaboración deste centro. Durante cinco sesións que se prolongarán ata o 20 de novembro desenvolverase un dilatado programa de intervencións no que especialistas de diferentes áreas afondarán en diversos aspectos relacionados con esta violencia, desde o cumprimento de sentencias ata o tratamento dos menores.  

Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito; M.ª Dolores Fernández, coordinadora académica do Máster da Avogacía de Ourense; Pilar López-Guerrero, decana do Colexio da Avogacía de Ourense, e Fátima M. Salgado, coordinadora do Colexio da Avogacía de Ourense en materia de violencia de xénero da quenda de oficio, foron as persoas encargadas de dar a benvida á actividade ao número público asistente. Marta Fernández salientou como é un motivo satisfacción para o centro acoller unha actividade de formación que tende “pontes de unión” entre a facultade e o órgano colexial. A decana destacou a importancia da reflexión crítica sobre un tema que suscita “tanta sensibilidade”, recalcando a necesidade de formación neste eido.

Pola súa banda, Pilar López explicou como esta xornada pretende ir máis alá de “repasar conceptos” e intenta “desde todos os puntos de vista, escoitar a toda a xente” que intervén en Ourense en casos de violencia de xénero. Recalcando a boa acollida desta iniciativa, a decana do Colexio da Avogacía de Ourense salientou como nas sesións do curso participará maioritariamente “xente de aquí”, “os interlocutores en Ourense todos os días” nos casos de violencia de xénero polo que animou ao público asistente a aproveitar esta formación. “Dá especial satisfacción ver un colectivo da avogacía especialmente preocupado polas actividades de violencia de xénero en momentos tan delicados”, dixo Pilar López facendo referencia ao anuncio do Concello de Ourense de retirarse de Viogén, o sistema de protección ás vítimas de violencia machista. “Esperemos que recapacite xa que aínda que teña poucos medios todos os medios son necesarios. Se hai poucos medios haberá que pór máis recursos”, afirmou a decana do órgano colexial.

Cinco sesións

O curso Violencia de xénero celebrarase no campus de Ourense os días 17, 23 e 30 de outubro 6 e 20 de novembro. A primeira sesión estivo centrada nas actuacións propias da fase do xuízo oral e executorias no proceso penal. Así, a primeira das conferencias afondou nas particularidades en violencia de xénero nas actuacións propias da fase do xuízo oral no proceso penal e foi ofrecida  por Ricardo Pailos, xuíz de apoio do Xulgado do Penal de Ourense. Sobre a execución de sentenzas falou Susana Pazos, maxistrada do Xulgado do Penal 2 de Ourense.

Nas vindeiras sesións abordarase as funcións e actuacións do médico forense; a perspectiva de xénero no proceso penal; a actuación policial e da avogacía; a perspectiva socio-psicolóxica e a vitimolóxica e os menores. Así, ao longo das sesións falarase de cuestións como a avaliación do risco polas Unidades de Valoración Integral Forense da Violencia de Xénero; a violencia psíquica e a súa proba pericial e as oficinas de atención ás vítimas. Tamén se tratarán aspectos como os delitos de violencia de xénero cometidos a través das TIC e a súa proba e a perspectiva de xénero nos delitos contra a liberdade sexual e no proceso penal. Tampouco faltará o debate arredor da perspectiva socio-psicolóxica e vitimolóxica da violencia de xénero e o achegamento laboral e aos casos de vítimas estranxeiras. A última das sesións estará centrada nos  menores, abordando cuestións como os tipos penais no ámbito da violencia de xénero ou a tutela civil e a responsabilidade civil. Para falar destes temas achegaranse ao campus de Ourense numerosos profesionais de entidades como xulgados, fiscalía, Imelga, Centro de Información á Muller ou Unidade Interdisciplinar de Intervención Social de Ourense.