DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A docente e investigadora Ana Garriga asumirá o cargo a partir da vindeira semana 

Unha delegada de Protección de Datos de seu para a Universidade  

Unha empresa externa encargábase ata agora desta función

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • TIC
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/05/2019

A Universidade de Vigo contará a partir da próxima semana cunha delegada de Protección de Datos propia, que substituirá ao bufete Pintos & Salgado, á empresa externa que ata agora viña prestando este servizo. A docente e investigadora do Departamento de Dereito Privado Ana Garriga asumirá un cargo que considera “un reto. Sobre temas de protección de datos persoais e en xeral sobre dereitos fundamentais na sociedade de información, levo traballando desde que fixen a tese e agora este cargo suporá a implementación práctica duns principios e regras que ata o de agora traballei a nivel teórico”, explica a delegada, que tamén valora o enriquecemento persoal que lle pode achegar esta responsabilidade.

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo destaca a competencia técnica e os coñecementos específicos que Garriga achega ao posto, ao tempo que incide na importancia de contar con alguén da propia institución académica para desempeñar esta función. “A maioría de universidades apostará por persoas do ámbito do Dereito con coñecementos específicos do campo da protección de datos e nós temos unha candidata excelente para un posto importante centrado na defensa dos dereitos das persoas”, explica Reigosa, que advirte que á nova delegada lle agarda un traballo intenso con moitas normativas e procedementos que poñer en marcha. O reitor, que confirma que o nomeamento de Ana Garriga foi consensuado con Ideas que Suman, destaca que a nova delegada, desde o punto de vista legal, será totalmente independente, ao tempo que asegura sentirse moi satisfeito con esta elección.

Pola súa banda, Víctor Salgado, avogado especializado en Dereito TIC de Pintos & Salgado Abogados, a empresa externa que ata o de agora se encargou da protección de datos na Universidade, agradece a confianza da institución e o seu apoio “nun momento especialmente complicado, con cambios na normativa, especialmente para as administración públicas, entre elas as universidades, que é un dos ámbitos máis complexos para adaptar este regulamento”, explica Salgado.