DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esdemga foi unha das seleccionadas para participar no Aristocrazy Design Bootcamp

Un encontro internacional no que innovar partindo da tradición

O taller reuniu docentes e estudantes de Europa, Estados Unidos e Xapón

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Estudantado
  • Internacional
  • Cultura
DUVI Pontevedra 17/02/2020

Como “unha experiencia estupenda e unha oportunidade impresionante, tanto para proxectos de colaboración futuros como para danos a coñecer” resume a directora de Esdemga, Lola Dopico, o que supuxo a participación desta titulación da Facultade de Belas Artes no Aristrocrazy Design Bootcamp, un taller internacional promovido pola firma de xoiería xunto co BIAAF (Bilbao International Art & Fashion). A École Nationale Superieure des Arts Decoratifs de París, a Kyoto Seika University de Xapón, o Shenkar College of Engineering de Israel e o Fashion Institute of Technology de Nova York foron os outros catro centros seleccionados para participar na iniciativa que se desenvolveu nos últimos días en Madrid e no que cada centro estivo representado por un ou unha docente e un alumno ou alumna. Coa cestaría como eixo temático, este taller internacional tiña por obxecto tanto achegar a estudantes e profesionais diferentes técnicas de traballo propias da cestaría como traballar conxuntamente no desenvolvemento de prototipos contemporáneos a partires de diferentes materiais e técnicas tradicionais.

Para a terceira edicion deste taller, inserido no Madrid Design Festival, un comité de expertos seleccionou a “algunhas das máis importantes escolas de deseño do mundo”, segundo salientou a organización, co propósito de que as súas parellas de docentes e estudantes traballasen “en equipos multidisciplinares desdebuxando os límites entre deseño, moda, arquitectura, artesanía e patrimonio cultural”.  Neste taller impartido polo cesteiro, docente e investigador Carlos Fontales, Esdemga estivo representada por Dopico e pola estudante do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda seleccionada na convocatoria aberta pola titulación, Andrea González Lozoya. A directora de Esdemga salienta o positivo para as e os estudantes dunha iniciativa que buscaba “poñer en contacto a deseñadores novos con técnicas artesanais, como unha forma de expandir o seu campo de coñecemento”,  xa que desta aprendizaxe “poden xurdir metodoloxías de traballo e procesos moi interesantes”. Mais o mesmo tempo, o Aristocrazy Bootcamp foi tamén para a titulación unha oportunidade de “intercambiar ideas” cos e as representantes das outras institucións convidadas, así como de “darte a coñecer nun contexto internacional”, como salientou Dopico.

Catro días de actividade

O Aristocrazy Design Bootcamp abriuse o pasado mércores, dando a posibilidade aos e ás participantes de acudir a diferentes conferencias e á entrega de premios do Madrid Design Festival. Xa o xoves 15, as e os participantes puideron tanto visitar o estudio de Aristocrazy como o taller de Fontales en Segovia. Xa nas xornadas de venres e sábado, esta actividade acolleu unha serie de talleres sobre o traballo con diferentes materiais e fibras vexetais. Unha experiencia que Dopico recoñece como “moi interesante, porque, a partir das técnicas propias da cestaría, achégache a unha serie de procesos que son aplicables logo a distintos ámbitos, tanto no téxtil, como no calzado”. Aínda que a actividade tivo como eixo a experimentación deu tamén pé ao desenvolvemento dalgúns prototipos. “Estivemos traballando todos conxuntamente e foi algo moi enriquecedor”, conclúe a directora de Esdemga.