DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de preto de 30 investigadores e de representantes de 15 entidades

Un encontro para tender pontes entre o Campus Crea e as empresas e institucións

Articulado en catro mesas centradas nas áreas do proxecto de especialización

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 25/10/2019

Os clústeres galegos de alimentación e saúde, o Concello de Pontevedra, a Fundación Deporte Galego, o Grupo de Acción Costeira Ría de Pontevedra ou empresas como Pescamar e Revertia participaron este venres na Vicerreitoría do campus nos Encontros Universidade-Empresa, unha iniciativa dirixida a tender “as primeiras pontes” entre os investigadores e investigadoras da Universidade e o tecido empresarial e social, como explicou a vicerreitora de Transferencia, María Consuelo Pérez. Baixo o título de Innovar desde a sustentabilidade no Campus Crea, o encontro promovido pola Vicerreitoría de Transferencia xunto coa Vicerreitoría do campus reuniu preto de 30 investigadores e investigadoras e a responsables de 15 empresas e institucións, que puideron dar a coñecer as súas liñas de traballo nas catro mesas articuladas en torno ás áreas do proxecto de especialización do campus; saúde e deporte, medio ambiente; arte, moda e comunicación; e educación e xestión pública. 

“É un día para que vos coñezades, para amosar ás empresas e institucións o potencial que temos na Universidade de Vigo”, salientou a vicerreitora na inauguración deste encontro, que dá continuidade aos celebrados no campus vigués en torno aos sectores de alimentación, o naval e a automoción. Xunto a Pérez, participaron na apertura desta xuntanza o vicerreitor do campus, Jorge Soto, a directora da Área de Transferencia, Itziar Goicoechea, e o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto. Investigadores e investigadoras das diferentes facultades e escolas do campus pontevedrés, pero tamén do campus de Vigo, tomaron parte nesta reunión, na que tamén participaron representantes do Museo de Pontevedra, a Fundación Juana de Vega, o Pontevedra Club de Fútbol, o centro de día Saraiva, a consultora Impact Hub, o festival Sinsal, a asociación Coxapo e o Club Baloncesto Arxil e na que o Concello estivo representado polo tenente de alcalde e responsable de Deportes, Tino Fernández; e os concelleiros deUrbanismo, Xaquín Moreda, e Desenvolvemento Sostible, Xaquín Moreda.

Pór o coñecemento ao servizo da sociedade

Persoal técnico da Oficina de I+D da Universidade actuou como moderador e dinamizador das catro mesas nas que os convidados e convidadas foron relatando aos investigadores as súas áreas de actuación e necesidades co propósito de ver posibles liñas de colaboración cos investigadores e investigadoras. Neste senso, o propósito do evento, engadiu Pérez, era establecer “canles de comunicación directa” entre investigadores, empresas e institucións, así como a pór en valor a transferencia, como “a terceira misión da Universidade”, xunto coa docencia e investigación. “A transferencia é por a disposición da sociedade e do tecido empresarial os coñecementos que podermos xerar coas nosas investigacións”, subliñou a vicerreitora.  

Detrás deste evento “hai moitas gañas de que o campus salga das aulas”, engadiu Jorge Soto, tras amosar a súa satisfacción pola participación no encontro “de tanta xente que entende que Universidade e empresa teñen que ter unha mesma visión sobre cousas que nos atinxen a todos e todas”. Goicoechea, pola súa banda, encargouse de presentar o funcionamento dunha iniciativa que, sinalou, contribúe “a que poidamos dirixir as nosas investigacións e enfocalas a ese servizo que queremos prestar á sociedade”. 

Diferentes vías de colaboración

Por outra banda, a celebración das mesas viuse precedida por unha presentación na que Pérez buscou amosar aos representantes  do tecido empresarial e institucional “o potencial da Universidade de Vigo”. A vicerreitora reivindicou a institución académica como un dos actores dun “ecosistema de innovación” que ten que estar, lembrou, “á disposición da sociedade”, e no que os grupos de investigación “non son competidores das empresas, senón acompañantes”. Partindo desa idea, a vicerreitoría incidiu nas “moitas capacidades” en materia de transferencia dunha institución que agrupa preto de 1700 investigadores e investigadoras e 185 grupos de investigación, que “ten unha capacidade de captación de recursos económicos de en torno a 25 millóns de euros”, máis de 200 patentes activas e na que xurdiron preto de 30 spin-offs.

Partindo dese marco, a vicerreitora afondou nas diferentes vías de colaboración posibles entre Universidade e empresas, como proxectos e contratos de I+D, acordos de transferencia tecnolóxica, licencias..., á vez que incidiu en que das anteriores edicións destes encontros, que se trasladaban por primeira vez ao campus pontevedrés, “saíron xa proxectos concretos”.