DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O informe favorable foi emitido pola ACSUG

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo xa conta coa certificación do seu sistema de garantía interna de calidade

A iniciativa forma parte das accións de mellora e consolidación deste centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Calidade
  • Institucional
DUVI Ourense 09/10/2019

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense arrancou o curso 2019/2020 contando coa aprobación do seu sistema de garantía interna de calidade por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). A axencia emitiu o informe favorable da certificación do sistema a finais de xullo, permitindo ao centro ourensán comezar o curso con este documento que avala o seu estándar de funcionamento xa aprobado.

Desde a centro sinalan como a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo é un centro de nova creación, que abriu as súas portas no curso 2016/2017 e que este curso implantou por primeira vez o cuarto curso do seu Grao en Enxeñaría Aeroespacial. Neste contexto, comenta Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, o centro segue a estela dos demais centros da Universidade de Vigo, deseñando o seu sistema de garantía interna de calidade e acadando a súa certificación por parte do órgano correspondente. “É un paso máis no desenvolvemento normal dun centro neste caso de nova creación”, comenta o responsable académico.

O funcionamento do centro

Dentro do proceso de calidade da Universidade, comentan Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus, creouse no centro unha comisión de calidade que estivo coordinada polo profesor Ángel Paredes e que foi a encargada de elaborar todo o procedemento conforme ás directrices da Universidade de Vigo. O documento resultante, apuntan, unha vez sometido a unha primeira revisión por parte da Universidade de Vigo, foi remitido en 2018 á Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia, que finalmente emitiu un informe favorable.

O sistema de garantía interna de calidade, indican desde Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, é un macrodocumento que recolle todo o estándar de funcionamento do centro, desde como se fai a admisión do alumnado ata como se controla a parte económica. “Todo o que entra no funcionamento do centro ten que estar recollido nese documento e nos documento anexos que articulan o funcionamento particular de cada unha das áreas”, apuntan por último desde o escola ourensá.