DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convócanse dúas axudas para participar nunha estadía de dez semanas na cidade de Pelotas

Estudantes do campus poderán desenvolver proxectos a prol da inclusión no Brasil

Formarán parte de equipos multidisciplinares, ao abeiro do proxecto europeo ‘Lapassion’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 17/01/2020

Dous estudantes do campus de Pontevedra poderán contribuír, como parte de equipos multidisciplinares integrados por alumnado de diferentes países e titulacións, ao desenvolvemento de proxectos dirixidos a promover melloras en materia de accesibilidade e inclusión na cidade de Pelotas. Ata o 31 de xaneiro permanece aberta a convocatoria de dúas axudas para participar nas estadías de dez semanas que, entre marzo e maio, se levarán a cabo nesta cidade brasileira ao abeiro do proxecto europeo Lapassion (Latin America Practices and Soft Skills por an Innovation Oriented Network), que coordina o Instituto Politécnico do Porto e no que participan institucións de España, Portugal, Brasil, Chile e Uruguai, entre as que se atopa a Universidade de Vigo, a través do Campus Crea.

Dirixido a mellorar as competencias transversais do alumnado, a través do traballo en grupos multidisciplinares que deben desenvolver unha serie de proxectos dirixidos a promover melloras para a comunidade, a estadía que se levará a cabo entre o 23 de marzo e o 29 de maio en Pelotas, baixo a coordinación do Instituto Federal Sul-río-grandense, terá como eixos a accesibilidade e a inclusión. “Establécese un marco máis ou menos xeral de traballo, pero logo os obxectivos dos proxectos tamén están definidos en parte polos propios estudantes”, explica o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, dunha estadía que celebrou o pasado mes de novembro en Pelotas a súa reunión preparatoria, na que participou a profesora de Belas Artes Silvia García.

Ata o venres 31 de xaneiro permanecerá aberto o prazo de presentación de solicitudes á convocatoria de dúas axudas de viaxe e estadía, de 1100 e 3010 euros, que poderán solicitar as e os estudantes de grao e mestrado das diferentes titulacións do campus pontevedrés que conten cun nivel acreditado de inglés B1.

Unha experiencia vital que mellora as aptitudes profesionais

Na anterior edición destas estadías, tres alumnas e un alumno do campus participaron en Brasil e Uruguai no desenvolvemento de proxectos dirixidos a contribuír á mellora do índice de desenvolvemento humano no estado brasileiro de Maranhao e das condicións de vida de infancia en Montevideo. “Viñeron encantados, para eles foi unha experiencia vital extraordinaria”, salienta Souto dunha iniciativa que lles leva a “estar fóra da casa, participando nun proxecto importante, que vai axudar a outra xente e convivindo con persoas totalmente diferentes a eles, con outra formación académica e outras vivencias culturais”. Pero, máis aló da experiencia, esta iniciativa tamén contribúe a que as e os participantes poidan desenvolver unha serie de habilidades “que son moi demandadas e moi importantes para as empresas”, como podería ser a “capacidade de liderado ou de traballo en equipo”, salienta o director do Campus Crea.

Sesións informativas no campus

Co propósito de explicar máis polo detalle a convocatoria e as características do proxecto europeo, así como de achegar exemplos do traballo realizado en anteriores estadías, desde a Vicerreitoría do campus organizáronse unha serie de sesións informativas para o alumnado. As primeiras terán lugar o vindeiro xoves 23 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ás 9.30 horas, en Ciencias da Educación e do Deporte, ás 11.30, e na Facultade de Belas Artes, ás 13.30. Nestes mesmos centros, as reunións levarase a cabo de novo o martes 28, ás 11.00 en CCSS e da Comunicación, ás 11.45 en Ciencias da Educación e do Deporte e ás 13.00 horas en Belas Artes. 

Tres anos de traballo

Financiado con preto dun millón de euros polo programa comunitario Erasmus+, Lapassion arrincou en 2017 coa participación de 15 institucións de Europa e América Latina e coa Universidade de Vigo como responsable do seu plan de calidade. “Os proxecto estase desenvolvendo moi ben, todos os indicadores de calidade son moi positivos e a valoración, tanto das reunións de xestión como dos proxectos multidisciplinares está a ser moi positiva, recoñece Souto, que o pasado mes de decembro participaba en Montevideo no Management Meeting deste proxecto europeo.