DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha actividade extracurricular que reforza eidos como oratoria, diplomacia e cultura

Estudantes do campus realizarán simulacros dos debates das Nacións Unidas

Estes modelos de simulación naceron en Harvard e xa se estenderon por todo o mundo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Cultura
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 05/11/2019

Cada estudante representa un país membro das Nacións Unidas e, desenvolvendo ese papel, debe defender as posicións oficiais de cada nación respecto de temas polémicos do panorama actual. Esta é a base dos Modelos de Nacións Unidas, unha especie de simulacións que funcionan en escolas e facultades de medio mundo e que agora chegan á Universidade de Vigo da man de alumnado de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Entre as e os impulsores está Sandra Martínez, que xa participou no seu colexio en Caracas nun destes modelos, que naceron orixinariamente nos EEUU para mellorar a oratoria e as capacidades diplomáticas do estudantado. De feito, estes grupos xurdiron incluso antes da fundación da ONU, creándose na década de 1920 en Nova York e Harvard simulacións da Sociedade de Nacións, organismo predecesor da ONU. Explica Martínez que por este motivo, aínda que a delegación de Harvard foi fundada con ese nome en 1955, “é considerada a conferencia colexial de Modelo de Nacións Unidas máis antiga do mundo”.

Precisamente pola súa experiencia previa neste tipo de actividades durante a súa etapa en Venezuela, Martínez apostou por tratar de crear na Universidade de Vigo un destes modelos de simulación e educación cívica. Recoñece que foi unha vivencia que a axudou a mellorar moitos aspectos tanto dende o punto de vista académico como persoal, “pero especialmente axudoume moito a reforzar a confianza en min mesma e a desenvolverme mellor á hora de falar en público”. Agora, trasladando a Galicia esta proposta xunto con varios dos seus compañeiros de estudos, trata de “transmitir un pouco desa confianza” e axudar a outros estudantes a mellorar as súas aptitudes de cara ao público e, para iso, agarda conseguir o apoio doutros alumnos e alumnas que queiran conformar este Modelo das Nacións Unidas da Universidade de Vigo, UVMUN. Na actualidade son xa seis estudantes os que forman parte do grupo, que se reúnen cada martes de 15.00 h a 17.00 horas. A primeira das xuntanzas foi hoxe mesmo, un coloquio aberto con compañeiros e compañeiras de facultade para explicar en que consiste esta iniciativa na procura de novos membros que queiran participar nos simulacros.

Como funcionan e para que serven os Modelos de Nacións Unidas

Explican os estudantes implicados na posta en marcha deste colectivo, que un Modelo de Nacións Unidas é unha especie de simulación, no que as persoas participantes representan países membros da ONU e debatan sobre problemas actuais, “sempre respectando o punto de vista da nación representada” para tratar de buscar solucións e acordos e chegar a un consenso entre nacións. Tradicionalmente, os Modelos de Nacións Unidas son organizados directamente por estudantes, que son os que se encargan da planificación e a realización do simulacro, co asesoramento de docentes e respaldo da institución educativa. Así, existen modelos tanto intercolexiais ou interuniversitarios, que se desenvolven dentro da institución, como modelos rexionais, nos que participan estudantes de entidades educativas dunha localidade ou dunha comunidade autónoma e mesmo nacionais e internacionais. 

Na actualidade, en España xa están funcionando modelos en universidades de Madrid, Barcelona ou Valencia. Para entrar a formar parte da delegación viguesa, o único que se necesita, lembra Sandra Martínez, é “compromiso e ganas de aprender”, mentres que esta experiencia repórtalle aos participantes “moitísimas vantaxes como reforzar a oratoria, aprender diplomacia, corrixir a fala ou ampliar coñecementos sobre culturas doutros países”, algo imprescindible para poder representar os seus intereses e posturas nos debates.