DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto, xa finalizado, solicitou a súa prolongación ao abeiro do programa Interreg Sudoe 

FIRE-RS busca a súa continuidade incorporando vehículos de superficie autónomos 

Tras tres anos, acadou a integración de múltiples tecnoloxías na loita contra o lume

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/06/2019

Cunha xuntanza na que participaron as e os integrantes do grupo CIMA, así como investigadoras e investigadores das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e de Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, e na que se analizou o resultado da derradeira demostración realizada en Porto e dunha xornada desenvolvida en Toulouse, o proxecto FIRE-RS chegou hoxe ao seu fin. Cumpridos tres anos desde o seu inicio, FIRE-RS, financiado polo programa europeo Interreg Sudoe con 2,1 millóns de euros e no que participaron ademais da institución académica viguesa, a Universidade de Porto e o Centro Nacional para a Investigación Científica de Toulouse, acadou a integración de múltiples tecnoloxías para facilitara a loita contra incendios, permitindo realizar unha predición máis exacta da evolución dos lumes, baseada en datos reais recollidos ‘in situ’ de xeito automatizado. Cumpridos os obxectivos fixados, as entidades promotoras do proxecto aspiran a que o proxecto teña continuidade, para o que “se pediu a SUDOE a súa extensión, incorporando vehículos de superficie autónomos como un novo elemento de FIRE-RS”, explica Fernando Aguado, investigador principal do proxecto, unha vez finalizada a xuntanza de peche do proxecto, celebrada hoxe en dependencias do grupo CIMA no MTI.

Os vehículos autónomos, que poderían servir de soporte ás brigadas terrestres de loita contra os incendios, por exemplo, transportando ferramentas a través das liñas de lume, sumaríanse ao proxecto actual que implementa un demostrador tecnolóxico baseado nun sistema innovador de detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais, mediante a combinación de sensores infravermellos despregados nos montes; un satélite Cubesat (LUME-1); unha flota de vehículos non tripulados (UAVs) con cámaras no infravermello próximo e un software de modelado e predición de incendios. 

Balance moi positivo de tres anos de traballo

Transcorridos 36 meses de traballo, o balance é, segundo Aguado, “moi positivo. Puidemos comprobar, a través de dous demostracións en Vigo y Porto, a integración das diferentes tecnoloxías que axudan á loita contra o lume: sensores en terra, dotados de sensores térmicos que detectan as primeiras lapas dun lume de tan só 2X2 metros cadrados a unha distancia de dous quilómetros; o lanzamento do cuarto satélite da Universidade de Vigo, LUME-1, cun funcionamento perfecto, e que permitiu validar a comunicación entre os sensores e o centro de control; o desenvolvemento dun software de avaliación de risco e evolución do lume, así como a xeración de plans de voo automatizados para unha flota de avións non tripulados, así como a integración dunha flota de UAV,s dotados de sensores térmicos”, detalla o docente e investigador da Universidade de Vigo.

A tecnoloxía do proxecto FIRE-RS materializouse en tres fases. Na primeira delas, a Universidade de Vigo deseñou e desenvolveu o sistema de detección en terra, integrado por sensores infravermellos e estacións meteorolóxicas; así como o satélite LUME-1, encargado de recoller e reenviar as alarmas xeradas polos vixías en terra. Na segunda fase, o Laboratorio de Análises e Arquitectura de Sistemas de Toulouse simulou a evolución do lume, xerando un plan de voo efectivo e optimizado para que os avións non tripulados sigan unha traxectoria definida sobre a área do incendio co obxectivo de recoller máis datos “in situ”. Xa na terceira fase do proxecto, o equipo da Universidade de Porto encargouse de despregar varios vehículos non tripulados que sobrevoaron a área do incendio, seguindo o plan de voo xerado polo software de intelixencia artificial, co obxectivo de recoller os datos necesarios para obter a propagación real do lume. 

LUME-1, máis de 2600 voltas á terra e un funcionamento perfecto

Mención expresa realiza Fernando Aguado ao satélite LUME-1, deseñado e desenvolvido na Universidade de Vigo, e que desde o seu lanzamento en decembro de 2018 xa superou as 2600 volas á terra e os 172 días en órbita. “O seu funcionamento é moi bo. Ata o día de hoxe non se detectou ningún problema, nin degradación do satélite”, explica Aguado, que dende o punto de vista da operación confirma que se seguen a detectar as interferencias producidas polos radares de vixilancia.