DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do convenio de patrocinio existente con esta empresa

O Foro Aero retoma a súa actividade cunha conferencia virtual sobre as últimas tendencias en aviación desde a perspectiva de Boeing

Na sesión participarán Manuel Reigosa, Francisco Conde e José Enrique Román

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 01/06/2020

Co obxectivo de achegar ao seu alumnado a realidade do sector e diferentes perspectivas sobre temas de interese na súa área, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense desenvolve cada curso académico un ciclo de conferencias divulgativas chamado Foro Aero. O vindeiro martes 9 de xuño, celebrarase, de xeito virtual debido á pandemia da COVID-19, unha nova edición desta iniciativa cunha conferencia de Grzegorz Kawiecki, associate technical fellow de Boeing Research & Technology- Europe & Brazil, centrada nas tendencias en aviación desde a perspectiva de Boeing.

A conferencia, destinada ao alumnado do centro, terá lugar ás 10.00 h a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo e está previsto que conte coa asistencia, vía telemática, de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, e José Enrique Román, director xeral de Boeing Research & Technology - Europe & Brazil.

Tendencias clásicas e revolucionarias

Durante a súa intervención, o doutor Grzegorz Kawiecki realizará un repaso polas tendencias máis recentes en aspectos chave das tecnoloxías aeronáuticas. Entre outros aspectos, abordará cuestións “clásicas” destas tecnoloxías, como a configuración de aeronaves, aerodinámica, propulsión, aviónica, materiais, fabricación e mantemento, pero tamén cuestións “revolucionarias”, como as tecnoloxías respectuosas co medio ambiente, intelixencia artificial, autonomía e mobilidade aérea urbana.

Grzegorz Kawiecki conta cun Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica pola Universidade de Tecnoloxía de Varsovia e un doutoramento en Enxeñaría Aeroespacial pola Universidade de Virginia Occidental, en Estados Unidos. Antes de ser associate technical fellow de Boeing Research & Technology - Europe & Brazil, foi responsable de grupo de I+D en Aernnova Engineering Solutions/Gamesa Desarrollos Aeronáuticos, onde coordinaba o desenvolvemento e a certificación de sistemas de vehículos aéreos non tripulados e de supervisión da saúde estrutural. Anteriormente, en I+D en Airbus/CASA - División Espacial, o seu traballo centrouse no uso de materiais intelixentes para controlar as vibracións nos vehículos de lanzamento. É autor de máis de 40 artigos revisados por pares en publicacións e congresos e de 13 patentes e solicitudes de patentes. Foi profesor titular no Departamento de Enxeñaría Mecánica e Aeronáutica na Universidade de Tennessee, en Estados Unidos, e ten participado directamente na obtención de arredor de 15 millóns de euros en fondos externos para investigación. Actualmente traballa en diversos aspectos do control autónomo de plataformas aéreas non tripuladas.

Marco de colaboración

Esta edición do Foro Aero enmárcase nas actuacións contempladas no marco do convenio de patrocinio para a promoción da formación aeroespacial e as carreiras de enxeñarías asinado en setembro de 2019 no campus de Ourense entre Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e José Enrique Román, director xeral de Boeing Research & Technology-Europe. Esta colaboración abrangue aspectos como a creación dun laboratorio na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense, a realización de prácticas do alumnado deste centro na empresa e a creación dun premio para fomentar o talento. O acordo forma parte do Proxecto SkyWay, a achega de Boeing ao Civil UAVs Initiative da Axencia Galega de Innovación, que conta con financiamento da Xunta de Galicia e Feder.

“Na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo decidimos realizar este Foro Aero on line xa que existía a posibilidade de contar con Boeing antes de xullo e isto era unha oportunidade de facelo no contexto actual”, comenta Higinio González, profesor do centro encargado da organización do evento. Boeing, lembra, “está colaborando coa escola dende a sinatura do acordo de patrocinio a través de por exemplo a contratación de alumnos como bolseiros, o patrocinio de premios para a defensa de TFG e TFM, a financiación dun simulador de voo e a participación en ciclos de conferencias. Desta última liña de colaboración deriva a conferencia sobre tendencias en aviación dende a perspectiva de Boeing que impartirá o doutor Grzegorz Kawiecki”.