DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Repartíronse galardóns en pintura, fotografía, creación audiovisual e maquetas de música

As gañadoras e gañadores dos Premios de creación artística fan gala do seu talento

En total premiáronse 14 traballos realizados por máis de vinte estudantes de distintos centros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Cultura
D. Besadío DUVI 08/11/2019

A Universidade repartiu este ano máis de 6000 euros entre as gañadoras e gañadores dos Concursos de Creación Artística, 14 traballos realizados por máis de vinte estudantes de diferentes centros, pero, sobre todo, das pontevedresas facultades de Belas Artes e Ciencias Sociais e da Comunicación. En total repartíronse premios en catro categorías: pintura, fotografía, creación audiovisual e maquetas de música. 

A maxia do rural galego, nos premios de Creación Audiovisual

Como cada edición, en  Creación Audiovisual convócanse premios nas modalidades de curta narrativa, documental, vídeo experimental e animación.  No caso de curta narrativa os dous primeiros premios foron para un equipo composto por dez alumnas e alumnos do Grao en Comunicación Audiovisual, autodenominados Loba Films, autores de Na memoria da túa esposa (1º premio) e A ningunha parte (2º premio) e, ademais, premiouse tamén cun accésit o traballo Embargo de Noa Castro e José Eiras. Dirixida por Cris Yáñez, Na memoria da túa esposa é unha curta sen diálogos dunha duración aproximada de sete minutos na que se conta a historia de Adela, unha muller de 71 anos que vive nunha aldea abandonada do rural galego. “A maxia do lugar envolve a poboación anciá que se topa illada por completo do mundo exterior”, explica Paula Rodríguez, produtora da curta. Adela, que dedicou toda a súa vida ao seu marido, familia e fogar, atópase nunha situación de desconcerto tras perder aquilo ao que lle dedicou todo o seu tempo. “A súa vida é unha continua rutina entre ir a igrexa e ao cemiterio a visitar a tumba do seu marido, mantendo así o rol co que viviu dende sempre, ata que un día é consciente da situación na que se topa e colapsa emocionalmente”, engade a produtora.

No caso de Vídeo Experimental a gañadora foi a estudante de Belas Artes Mercedes Valero por Circulando, “un percorrido a través dunha serie de imaxes relativamente cotiás coas que se pretende, tratándoas baixo determinadas condicións de luz, sombras e sons, cambiar a percepción que se ten delas, producindo sensacións distintas ás habituais no espectador”, explica a autora, que fai fincapé en que “así como unha chuvia monótona pode transmitir inquietude, a chama dunha candea pode resultar sensual”. Xunto a Circulando, premiouse tamén, neste caso cun 2º premio, Así debeu ocorrer en Oz, de Rebeca López.

Na modalidade de Animación quedou deserto o primeiro premio e entregouse un 2º premio a Secreto, de Sara Piñeiro. En Documental quedaron desertos os dous primeiros premios e entregouse un accésit a The no-action, de Noemí Parga, polo resultado dunha ideación historicamente recoñecible dentro da modalidade de documental reflexivo.

Fotografías inspiradas en Virginia Woolf e en Miradas furtivas

No certame de Fotografía o primeiro premio na categoría de imaxe Única foi para Miguel Rodríguez, estudante do programa conxunto de Administración e Dirección de Empresas e Enxeñaría Informática, por Mirada furtiva, unha imaxe que o autor dedica ao seu irmán “por ser un exemplo de inspiración e aprendizaxe”. “Se miras ben esta foto podes ver a vida, porque sendo ave non podes voar, e aínda así voas”, explica Rodríguez, quen insiste na idea de que “ás veces non nos imaxinamos capaces de facer nada e, ao tempo, hai quen fai cousas que ninguén imaxina”. O segundo premio foi para De amor y vísceras, de Sara Justo.

Na modalidade de Serie fotográfica recibiron premio Orlando, de Jenifer Fernández, e O taller de Sito, de Manuel Lucas. Inspirada na novela de Virginia Woolf que leva o mesmo nome, Orlando nace da investigación e desenvolvemento dunha serie de pezas no campo da moda. “Con estes personaxes buscaba representar a ruptura de dúas partes pertencentes a un todo e a reconciliación das mesmas”, explica a autora, estudante do Máster en Deseño e Dirección Creativa da Moda.

O cromatismo e a morfoloxía das Cíes, no Premio de Pintura

O Premio de Pintura,  valorado con 1500 euros, recaeu un ano máis nunha estudante da Facultade de Belas Artes, nesta caso Mª Montserrat Gay, autora de Aisladas, Cíes, un traballo co que a autora pretende representar “certas particularidades do territorio galego como entidade diferenciada, entre as que destaca a delimitación do terreo, o minifundismo ou o illamento físico que sufriu durante séculos do resto do país, todas elas vinculadas á forma de ser propia dunha sociedade cun apego especial á súa terra”, explica a autora. Para conseguilo Gay representa “unha vista cenital das, probablemente, illas máis representativas de Galicia, as Cíes, a través dun cromatismo e unha morfoloxía propias, onde o elemento illa é entendido como o grao máis alto de fragmentación e illamento do territorio”.

Premiando a música en galego con Días Rosas

Estudante de Comunicación Audiovisual e autor do afamado tema Rías Baixas Style, Daniel Cornes, artisticamente coñecido tamén como Daniel Danke, fíxose co primeiro premio de Maquetas de música con Días Rosas, un proxecto formado por nove temas escritos integramente en galego. “Días Rosas é un proxecto personal de cancións e músicas que retratan vivencias e sentimentos do meu terceiro ano de carreira”, explica o estudante, ao que engade que os temas deste álbum recollen múltiples experiencias persoais, dende o abandono do verán e o comezo do ano universitario na canción titular, Días Rosas, ata as dificultades das relacións a longa distancia por mor das becas Erasmus en Máis Adentro. “Letarxia, felicidade, ansiedade, política e amor conflúen nestas nove cancións, gravadas no meu piso de estudante de xeito rudimentario”, recalca Cornes, quen recoñece que, para el, o álbum significou o alcance de certa madurez musical. “Os meus anteriores traballos eran quizais demasiado descoidados e crús; sempre digo de broma que Días Rosas é un álbum pasado lixeiramente pola tixola. Tamén foi unha época na que retomei o uso do galego como lingua habitual e, por primeira vez, vehicular na miña música”, recalca o autor.