DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convocados pola Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación

O grupo de investigación EQ10 e a spin-off Alén Space reciben os Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2019

Traballan na obtención de biodeterxentes con residuos de millo e na fabricación de nanosatélites

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Premios
  • Transferencia
M. Del Río DUVI 13/11/2019

Dous dos tres Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia veñen para a Universidade de Vigo. Esta convocatoria, convocada pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, premiou na súa quinta edición dúas propostas da institución viguesa, por unha banda o proxecto do grupo de investigación EQ10 para obter biodeterxentes a partir dos residuos do millo e, por outra, a spin-off Alén Space, centrada no deseño de nanosatélites que melloran os sistemas de comunicación.

Os galardóns, cunha dotación de 6000 euros cada un, serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o vindeiro 11 de decembro e teñen como finalidade recoñecer as mellores prácticas de transferencia do coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Aos dous galardóns obtidos pola Universidade de Vigo súmase un terceiro premio na categoría de mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial, que foi parar a mans do grupo de investigación Photonics4life da Universidade de Santiago de Compostela, por un proxecto para fabricar modelos 3D capaces de reproducir sistemas biolóxicos sobre os que estudar patoloxías ou testar fármacos de xeito máis fiable.

Premio Fernando Calvet Prats para os biodeterxentes do grupo de investigación EQ10

O grupo de investigación vigués EQ10 foi galardoado co premio Fernando Calvet Prats por presentar o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial. O equipo liderado polos profesores Ana Belén Moldes e José Manuel Cruz descubriu a presenza de biosurfactantes, unha clase de deterxente biolóxico, nos residuos da industria do millo, con aplicacións en produtos e solucións para os ámbitos cosmético, farmacéutico, agroquímico e medioambiental. O xurado valorou que a súa proposta supón, non só unha alternativa de baixo custe máis biocompatible e eficaz aos deterxentes sintéticos, senón tamén unha oportunidade para reutilizar as grandes cantidades de residuos producidos no procesado do millo e, polo tanto, reducir a pegada ambiental deste tipo de industrias.

Estes biosurfactantes obtidos polos investigadores da UVigo proceden dos licores do lavado do millo, que resultan do proceso para extraer os azucres e amidóns do cereal e que son moi utilizados na industria alimentaria. Por cada tonelada de azucre e amidón xérase aproximadamente outra tonelada de licores, residuos que se empregan minoritariamente como fonte de nitróxeno en procesos de fermentación ou en pensos animais, mentres que o resto debe ser tratado como residuo industrial. 

Nas súas investigacións centradas nos produtos capilares puideron demostrar a capacidade dos biosurfactantes para mellorar e protexer a cutícula do cabelo. Estes extractos teñen tamén importantes aplicacións nas industrias cosmética e farmacéutica, xa que permiten aumentar a eficacia das formulacións. Ademais, presentan propiedades antimicrobianas contra os microorganismos patóxenos, ao tempo que favorecen o crecemento de bacterias probióticas, o que potencia o seu uso nas industrias alimentaria e agroquímica.

Froito do seu traballo, o EQ10 tense convertido no único grupo de investigación do mundo que rexistrou patentes –tres ata o momento e dúas en trámite– e publicou en revistas científicas internacionais con elevado impacto sobre a obtención destes extractos a partir dos residuos do millo. As súas aplicacións xa lles valeron tamén acordos con varias multinacionais, como Cargill Europe. No caso da estadounidense Nutraceutical Welness Inc. xa traballan xuntos para a incorporación dos biosurfactantes na formulación dos seus produtos capilares e coa empresa italiana PER Spa existe un acordo de licenza de patente para a aplicación destes extractos no sector medioambiental.

Premio Ricardo Bescansa Martínez para os nanosatélites de Alén Space

O outro galardón con selo vigués nesta convocatoria é o obtido pola spin-off Alén Space, que recibe o premio Ricardo Bescansa Martínez como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. Alén Space naceu para comercializar os resultados da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da UVigo, que deseñou e fabricou o primeiro nanosatélite español, o Xatcobeo, lanzado ao espazo en 2012. Despois chegou o Humsat-D en 2013 e o Serpens en 2018, a finais de 2018, este equipo vigués puxo en órbita o Lume-1, un satélite que apoia a loita contra os incendios. Froito de toda experiencia e de ter colaborado con misións espaciais da NASA e da Axencia Espacial Europea (ESA), constituíuse a empresa co apoio do programa Ignicia de GAIN.

Os nanosatélites que fabrica Alén Space permiten acceder a datos e comunicacións que ata hai pouco só estaban ao alcance de gobernos e grandes axencias espaciais. Os custos destes pequenos dispositivos poden ser ata cen veces menores que os dos satélites convencionais, por iso son accesibles tamén para empresas. Os seus nanosatélites están especializados no seguimento de barcos e avións, na detección de interferencias e emisións ilegais e na conexión en lugares remotos de sensores que fan posible a internet das cousas (IoT). Ademais, Alén Space garante os máis rigorosos niveis de calidade, baixo os estándares da ESA.

A empresa foi tamén galardoada este ano na sección española do Concurso Internacional de Innovación e Emprendemento de China e foi seleccionada para Astropreneurs, o programa internacional de aceleración de startups do sector espacial.