DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Historia acolleu a presentación dunha nova edición desta iniciativa

O II Premio Masonería Aberta dá protagonismo ás mulleres que pertenceron a estas sociedades

O prazo de presentación de traballos está aberto ata o 30 de setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 10/04/2019

Por segundo ano consecutivo, o Instituto de Estudos Masónicos de Galicia coa colaboración da Facultade de Historia do campus de Ourense pon en marcha o Premio Masonería Aberta. Esta segunda edición leva por lema Muller, Progreso e Masonería e pretende afondar na relación entre estas sociedades, a muller e os avances pola igualdade.

A presentación da convocatoria do II Premio Masonería Aberta tivo lugar este mércores no campus de Ourense. Nela, Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, quixo “agradecer ao Instituto de Estudos Masónicos de Galicia que manteñamos esta colaboración coa esperanza de que sexa cando menos tan frutífera como a primeira edición”, na que foi premiado e publicado un traballo do historiador Ángel Arcay sobre o Parque do Pasatempo de Betanzos. Pola súa banda Javier Quintas, secretario do Instituto de Estudos Masónicos de Galicia, salientou como esta colaboración permite por unha banda ao alumnado ver publicado algún dos seus traballos e por outra banda á súa entidade avanzar na tarefa de divulgar a realidade da masonería.

Unha temática de xénero

Nesta edición, indicou Javier Quintas, escolleuse a temática específica de Muller, Progreso e Masonería “tendo en conta que acaba de constituírse unha loxa mixta en Ourense”. Galicia, lembrou, “foi un dos primeiros lugares onde a muller accedeu á masonería e ademais non o fixo nunha loxa de adopción, é dicir supervisada por varóns, nin unha loxa mixta, que inda non estaba constituída, senón que o fixo nunha loxa de varóns con pleno dereito”, lembrando a figura de Xoana Díaz. A muller, destacaron na presentación do premio desde o Instituto de Estudos Masónicos de Galicia, “foi ocultada en masonería como o foi na política, no goberno, na ciencia...”. “Consideramos que a masonería si contribuíu decisivamente ao progreso da nosa sociedade e á igualdade de dereitos de homes e mulleres”, indicou Javier Quintas. Así lembraron como en España houbo mulleres membros da masonería “que contribuíron de forma moi importante ao progreso da nosa sociedade”, citando exemplos como Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Clara Campoamor ou Carmen de Burgos. Recalcando como “é unha materia que no caso español está aínda por investigar”, Javier Quintas amosou a súa confianza de que con iniciativas como este premio “alumnado da Facultade de Historia ou doutras institucións poidan afondar máis neste tema”.

Ao premio poden presentarse traballos de fin de grao, traballos fin de mestrado, teses de doutoramento ou contribucións científicas de alto impacto publicadas nos dous anos anteriores á convocatoria deste galardón que non se teñan presentado á primeira edición do certame. Enténdese por contribucións científicas aquelas que se realizan nos medios de difusión propios de cada ámbito de coñecemento, como poden ser artigos en revistas indexadas, libros, capítulos de libros, monografías, recensións, etc. Tamén poden presentarse traballos de investigación inéditos sempre e cando alcancen unha calidade constatada a xuízo do xurado do premio. O certame está dotado por parte do Instituto de Estudos Masónicos con 500 euros e a publicación da obra gañadora. O xurado poderá conceder tantos accésit como estime, que se ben non terán dotación económica serán publicados. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2019.