DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director xeral de Enerxía e Minas e o reitor presentaron as sete actuacións

O Inega achega 2,28€ millóns de euros para proxectos de aforro enerxético nos tres campus

Permitirán reducir o gasto económico en 280.000 euros anuais

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Institucional
M. Del Rio DUVI 24/01/2020

3,2 GWh/ano, é dicir, o “equivalente ao consumo anual de 1000 fogares galegos”. Este será o aforro enerxético que terá a Universidade de Vigo coa posta en marcha de sete proxectos de eficiencia e fomento de enerxía renovables en varios edificios dos tres campus. Os detalles destas iniciativas foron presentados este venres polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, xa que o Inega financia o 80% do investimento preciso ao abeiro da convocatoria de axudas para este tipo de actuacións nas universidades públicas. 

O orzamento total para estes sete proxectos é de 2,86 millóns de euros, dos que o Inega achega 2,28 millóns de euros. O director xeral de Enerxía e Minas felicitou á Universidade polo éxito obtido nesta convocatoria, sendo seleccionadas sete das nove propostas, “seis delas son proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética e un de fomento de enerxías renovables”. A suma dos sete permitirá aforrar 3,2 GWh/ano e evitará a emisión de 1600 toneladas de CO2 á atmosfera cada ano. O aforro económico será de 280.000 euros anuais e, como remarcaba o director xeral de Minas e Enerxía, “estímase que o período de retorno do investimento sexa de 2,1 anos e se xeren 18 empregos asociados”. 

Así, actuarase na Biblioteca Central de Vigo, o edificio Filomena Dato, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enxería, a Escola de Enxeñería Industrial, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, o Edificio de Ferro e, a través dun proxecto conxunto de District Heating, nas facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte. O reitor Manuel Reigosa destacaba que se trata de “proxectos prioritarios para a nosa institución, cremos que a Universidade ten que ser exemplarizante e creo que estas medidas de aforro e eficiencia van redundar nun beneficio para todos” e engadía que este vai seguir sendo o camiño para poder conseguir ter no futuro “unha universidade máis sustentable”. 

Tahoces, pola súa banda, puxo en valor o “rigor técnico extraordinario” dos proxectos, que teñen en común dúas características fundamentais, que son “exemplarizantes e replicables”. Tamén fixo fincapé en que a Xunta de Galicia e o Inega teñen unha aposta decidida polo aforro e pola eficiencia e sinalou que en Galicia proxectos coma estes “están dando pé a que, ano a ano, esteamos reducindo os nosos consumos enerxéticos un 1,8%”, cando a directiva da UE establece unha redución de consumos enerxéticos dun 0,8% anuais.

Dous proxectos singulares na Escola de Enxeñería Industrial e no campus de Pontevedra

Ángel Bernardo Tahoces, repasou polo miúdo dúas iniciativas da UVigo ás que a Xunta lles outorga consideración de “singulares”, un de fomento de enerxías renovables e outro de aforro e eficiencia. Por unha banda, o District Heating no campus de Pontevedra, que contempla a posta en marcha dunha rede que subministre enerxía térmica dende unha sala de caldeiras de biomasa centralizada ás facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e a Ciencias da Educación e do Deporte. Suporá un gasto de 780.450€, dos que o Inega achegará 624.360€, sendo o segundo proxecto con máis contía. A rede terá unha lonxitude de 340 metros e a potencia será de 2 MW, permitindo o aforro anual de 248,85 toneladas de CO2 emitidas á atmosfera.

Outro proxecto singular dentro da convocatoria é o da Escola de Enxeñería Industrial, que apostará polo cambio do sistema de iluminación, a instalación de placas fotovoltaicas e un sistema de monitorización e control web dos consumos eléctricos e térmicos. Este proxecto ten un orzamento de 338.800€, dos que 271.000€ serán subvencionados polo Inega. O cambio das luminarias por tecnoloxía LED implica actuar en 2200 puntos de luz, mentres que a instalación fotovoltaica será de 200 kWp. Estímase un aforro de 477.510,88 kWh/ano, “que equivale ao consumo anual de 160 familias”, apuntaba o director xeral. En termos porcentuais, a enerxía total aforrada supón o 31%, ao que se suman 226,99 toneladas menos de CO2 emitidas á atmosfera e case 80.000€ de aforro anuais na compra de combustibles.

No Edificio de Ferro, que ten a achega máis alta con 663.000 euros para unha iniciativa que ten orzamento total de 828.850€, tamén se acometerá unha actuación singular, que vai consistir na instalación de enerxía xeotérmica e na mellora do exterior, a través da instalación de vinilos térmicos. O proxecto para a Biblioteca Central centrarase principalmente na climatización, actuando tanto sobre o sistema de bomba de calor xeotérmica, como reducindo o consumo que supón o CPD, Centro de Proceso de Datos, que se localiza neste edificio. O vicerreitor de Planificación, José Luis Míguez, tamén apuntaba que se vai facer un cambio da iluminación por tecnoloxía LED e se instalará un sistema de monitorización. Na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía, a actuación será similar á da EEI, pero en menor contía. Na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais está previsto actuar sobre a envolvente e cambiar as caldeiras de gasóleo por outra de gas, para reducir as emisións de CO2 e mellorar o rendemento da propias caldeiras. No edificio Filomena Dato actuarase tamén sobre a envolvente e sobre o apartado de climatización, xa que o cambio dos usos das instalacións “require unha reordenación completa na parte da climatización e da parte externa”. En todos os casos, resumía Míguez, “o que se intenta é implantar luces LED e a todos lles trataremos de poñer un sistema de monitorización de consumos, tanto eléctricos como térmicos”. 

6,3 millóns para as tres universidades

A convocatoria de axudas ten un orzamento total de 6,3 millóns de euros para as tres universidades, establecendo unha achega máxima por universidade de 2,4 millóns de euros. En total presentáronse 23 solicitudes, 21 correspondentes a proxectos de aforro e 2 a proxectos de enerxías renovables. 

Tanto os proxectos de enerxías renovables térmicas como os proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética están cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020 desenvolvendo dous tipos de actuacións. Por unha banda, os proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética que favorezan a transición a unha economía baixa en carbono, así como a eficiencia enerxética, a xestión intelixente da enerxía e do uso das enerxías renovables nas infraestruturas públicas. Por outra banda, os proxectos que fomenten a produción e distribución da enerxía  derivada de fontes renovables para usos térmicos, en particular, biomasa, biogás e biocombustibles para o transporte.