DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa Inspira Steam remata a súa segunda edición case triplicando as cifras da primeira 

Inspiración científica e tecnolóxica para máis de 200 nenas de Vigo e comarca 

O proxecto estenderase, previsiblemente, aos centros escolares ourensáns o ano que vén

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Estudar
Mª del Carmen Echevarría DUVI 05/06/2020

Nacido hai catro anos na Universidad de Deusto, o programa Inspira Steam de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas arrancou en Galicia da man da Universidade de Vigo no curso 2018-2019. Daquela 122 nenas de 6º de Primaria de cinco centros escolares de Vigo e comarca descubriron, a través de accións de sensibilización e orientación, as experiencias de mulleres que desenvolven a súa actividade profesional nos ámbitos da investigación, a ciencia e a tecnoloxía, co obxectivo de espertar nelas unhas vocacións, que nos últimos anos se evidenciou que estar a descender de xeito dramático. Na súa segunda edición en Galicia, o programa Inspira Steam case triplicou as cifras da primeira, estendéndose a 14 centros escolares de Vigo, Tui, Baiona, Nigrán e Caldas de Reis, contando coa participación de 236 nenas e 290 nenos e acadando a cifra de 24 mentoras para as rapazas e 21 mentores para os seus compañeiros.

Aínda que a pandemia impediu que o programa se puidese desenvolver completo en case todos os centros, a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini asegura que “como a primeira, esta segunda edición foi moi positiva e os comentarios dos colexios, mentoras e alumnas e alumnos son moi gratificantes e a todos lles parece unha experiencia moi enriquecedora”. Con respecto á edición do curso pasado, na que os rapaces foron titorizados polas mentoras mulleres profesionais, nesta segunda foron as e os docentes dos propios centros os que se encargaron da súa formación. No caso das súas compañeiras de clase, elas continuaron a recibir nesta segunda edición as sesións de formación  por parte de mulleres profesionais, principalmente enxeñeiras e investigadoras con algún vínculo coa Universidade de Vigo, ao ser, ben egresadas, ben docentes, ben investigadoras.

Na sesión virtual de peche do programa, e na que ademais dalgunhas mentoras desta segunda edición e da vicerreitora, tamén tomaron parte as promotoras da idea orixinal nacida en Deusto: Ohiane Zarate, Lorena Fernández e Mari Luz Guenaga, Caparrini agradeceu a implicación e o traballo desenvolvido polas mentores e docentes dos centros, ao tempo que manifestou o seu desexo de poder o vindeiro mes de setembro “lanzar a terceira edición, invitando en primeiro lugar aos centros que este ano non puideron rematar, e ampliado a máis centros e mentoras, porque xa temos moitas solicitudes”. Así mesmo, a vicerreitora avanzou a súa intención de que o vindeiro curso o programa poida estenderse a centros escolares do campus de Ourense.

Mentoras comprometidas coa difusión da súa actividade profesional 

Ruth Muleiro Alonso desenvolve a súa actividade profesional na oficina de proxectos europeos de Gradiant e foron precisamente varias compañeiras do centro de investigación en telecomunicación de Galicia as que lle recomendaron tomar parte no programa Inspira Steam. “Decidín participar porque a iniciativa era cando menos interesante. Cando traballas en TIC estás rodeada maioritariamente por homes e iso lévate a pensar que dalgunha maneira hai que incentivar o interese das nenas en carreiras de ciencias e enxeñarias”, explica a enxeñeira informática, que considera que a súa participación no programa unha oportunidade para poder compartir coas rapazas as boas experiencias “e, especialmente, de crecemento persoal que me achegou este sector”.

Tras as formación recibida, as mentoras facían xogos e falaban da súa experiencia laboral, escoitaban as expectativas de futuro das nenas e debatían con elas o papel da muller no contexto actual. “A miña experiencia foi moi enriquecedora. Creo que foron sesións tremendamente proveitosas porque axudan a saír un pouco deste contexto social e ideolóxico no que vivimos, porque te das de conta de que as nenas non están influenciadas por nada diso, senón que as súas opinións son totalmente puras”, sinala Ruth Muleiro. No mesmo sentido se pronuncia Raquel Pérez Orozco, graduada en Enxeñaría da Enerxía e que actualmente forma parte do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas (GTE-Cintecx) da UVigo, onde está a piques de rematar os seus estudos de doutoramento. “Formar parte do programa Inspira Steam resultou ser unha experiencia moi gratificante, amena, e da que considero que tanto os alumnos participantes, como as mentoras puidemos extraer moitos aspectos positivos”, explica.

A investigadora, que centra o seu labor na optimización do emprego da biomasa a nivel doméstico, participou por primeira vez este curso no proxecto, no que algunha compañeira xa tomara parte na primeira edición. “O concepto no que se basea o programa pareceume moi interesante, xa que non se trata dunha actividade de divulgación ao uso, senón que permite trasladarlles aos escolares uns valores que lle servirán no seu futuro”, sinala Raquel Pérez.