DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É a primeira evidencia científica mundial e acaba de ser publicado na revista Biological Invasions

Investigadoras da UVigo constatan o impacto negativo de Vespa velutina no comportamento dos insectos polinizadores e na reprodución das plantas

O estudo foi elaborado por Sandra Rojas e María Calviño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 13/05/2020

Hai máis dunha década que a Vespa velutina chegou accidentalmente a Europa procedente do sudeste asiático. A súa expansión foi rápida e efectiva en países como Francia, España e Portugal, os máis afectados por esta especie invasora no continente. Actualmente pódese atopar en case todas as rexións da área atlántica e representa unha ameaza para a biodiversidade xa que é un importante depredador de abellas e outros polinizadores. Precisamente neste último aspecto céntrase o estudo The invasive hornet Vespa velutina affects pollination of a wild plant through changes in abundance and behaviour of floral visitors, asinado polas investigadoras Sandra Rojas e María Calviño, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, que acaba de ser publicado pola revista científica de alto impacto Biological Invasions.

Este estudo desenvolveuse no marco do Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela para o Estudo do Comportamento, Hábitat e Impacto nos Ecosistemas de Vespa velutina para a Mellora dos Métodos de Control Existentes. Os obxectivos desta investigación pasaban por estudar o impacto da Vespa velutina como predador de abellas e outros insectos polinizadores e o seu consecuente efecto sobre a polinización das plantas. A investigación conclúe que a invasora Vespa velutina ten un impacto negativo sobre os servizos de polinización en áreas invadidas como consecuencia da caza de polinizadores nas flores.

A velutina, eficaz cazadora de insectos

Para contextualizar o seu estudo, Sandra Rojas e María Calviño lembran que a polinización mediada por animais é esencial para a reprodución das plantas, motivo polo cal é indispensable para o mantemento da biodiversidade, o funcionamento dos ecosistemas e a produción de alimentos para as persoas. “Os polinizadores afrontan actualmente unha crise global moi grave”, remarcan, con múltiples causas, entre elas “a presión causada por especies invasoras”, como a Vespa velutina, ou tártago de patas amarelas. E é que a velutina é un eficaz depredador de insectos, “que constitúen a base proteica para alimentar ás larvas” e engaden as investigadoras que se sabe que “unha parte importante da súa dieta son as abellas da mel, polos intensos ataques que sofren as alvarizas”.
 
A través desta investigación, as científicas propuxéronse confirmar o impacto da invasión da velutina no comportamento dos insectos polinizadores e a polinización das plantas en áreas invadidas, centrando o estudo nos insectos da contorna da Mentha suaveolens. Para isto, explican as autoras, “estudamos o comportamento de caza de V. velutina na contorna das flores, o efecto da caza de V. velutina no comportamento de visitas florais dos insectos polinizadores e seu impacto na cantidade de pole específico depositado nos estigmas de Mentha suaveolens, unha herba nativa e común do sur e oeste de Europa.

Rojas e Calviño avanzan que detectaron cambios no comportamento de busca de alimento de varios grupos de polinizadores. “Por exemplo, en flores onde Vespa velutina caza, a taxa de visitas ás flores polas abellas do mel europeas (Apis mellifera) son menores”. Tamén observaron unha diminución das visitas ás flores por parte de outras especies de abellas solitarias e tamén o tempo que tardan os abellóns (Bombus sp.) visitando as flores. “Como consecuencia, a cantidade de pole que se deposita sobre os estigmas das flores é menor en aqueles manchas de plantas coa presenza do predador Vespa velutina”. 

Outras liñas de traballo

As investigadoras explican que este traballo é a base para unha liña de investigacións relacionadas con aspectos ecolóxicos e funcionais relacionados coa invasión por himenópteros sociais. Neste sentido, remarcan que ademais dos impactos evidentes sobre a apicultura e a saúde das persoas polo incremento das picaduras, “a Vespa velutina é un insecto con importante potencial para afectar á dinámica ecolóxica nas áreas invadidas”. Por isto consideran necesario continuar avanzando no coñecemento da bioloxía e na busca de métodos específicos para reducir eses impactos. De feito, o Grupo de Bioloxía Ambiental (BA2) do que forma parte Sandra Rojas, está actualmente traballando no proxecto europeo Atlantic-Positive, “co cal agardamos facer contribucións relevantes nestas áreas”. 

Por outra banda, Rojas tamén está implicada activamente con investigadores de todo o mundo nun grupo de traballo da asociación COLOSS, para o estudo e a protección das abellas. Actualmente están elaborando varios documentos que, segundo sinala, “serán de axuda para sintetizar a información existente sobre Vespa velutina, o proceso de invasión e os esforzos para o seu control”.