DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tamén se poden converter en equipos de protección individual para persoal sanitario 

Lupeon desenvolve bifurcadores e trifurcadores para converter máscaras de mergullo en dispositivos de respiración para pacientes con COVID-19 

Coa colaboración da Universidade e Vigo e Asime 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Investigar
DUVI 06/04/2020

Lupeon, empresa especializada en enxeñaría e fabricación aditiva, en colaboración con enxeñeiros do ámbito industrial do centro de investigación Cintecx- UVigo e Asime, súmase á loita contra a COVID-19 co desenvolvemento de adaptadores con impresión 3D para converter, máscaras de mergullo en dispositivos de respiración para pacientes con coronavirus, e, en equipos de protección individual para persoal sanitario e asistencial a anciáns e persoas dependentes. A empresa localizada no polígono de Porto do Molle, en Nigrán, desenvolveu esta tecnoloxía en colaboración coa institución académica viguesa e Asime, que están a impulsar diversas iniciativas solidarias como a Plataforma Galicia Escudo-Covid19, para a produción de diversos materiais de protección contra o coronavirus. 

Pola súa banda Dativic, empresa irmá de Lupeon, encárgase da loxística, acumular material e distribución, mentres que Lupeon desenvolve as solucións de enxeñaría. “Desenvolvemos estes bifurcadores e trifurcadores, en colaboración coa UVigo e Asime, baseándonos en artigos científicos. Lévamolo a cabo con material biocompatible e validado para utensilios cirúrxicos, e a  produción fíxose en máquinas de última tecnoloxía”, explica Luis Mandayo, director xeral de Lupeon. Mandayo sinala que desde Dativic fíxose desde hai semanas recompilación de material necesario para atallar esta crise e a día de hoxe varias destas pezas producidas por Lupeon xa están  en hospitais galegos e residencias, onde estar a ser testadas e agardando validación. 

Compromiso coa sociedade nunha situación de crise 

Desde a Universidade de Vigo e Asime incídese no carácter solidario deste proxecto. “Enxeñeiros do ámbito industrial pertencentes ao centro de  investigación Cintecx- UVigo colaboran estreitamente con Lupeon e  Asime co obxectivo de optimizar os deseños e procedementos para que estes sexan o máis eficientes, útiles e seguros posibles”, sinalan desde a Universidade de Vigo, que incide que a súa implicación nesta iniciativa, “ responde ao noso compromiso coa sociedade nesta situación de crise , que lembremos é unha das nosas obrigas”.

Pola súa banda, Enrique Mallón, secretario xeral de Asime asegura que “o gran valor desta solución é o material empregado e as máquinas e sistemas cos que se fabricaron. Desde Asime e a UVigo estamos apoiando institucionalmente e coordinando tecnicamente este proxecto que é solidario e e no que se fixo un grande esforzo por parte de Lupeon e Dativic”, explica Mallón, que aclara que Asime valida estas innovacións, que agarda reciban pronto a homologación sanitaria, e “cremos que Galicia e España deben aproveitar este esforzo que se fixo de xeito desinteresado para combater esta pandemia”.