Este xoves presentáronse as accións feitas polo Concello de Allariz e o Grupo GEAAT
Unha nova sinalización e accesibilidade potenciarán a visita ao conxunto arqueolóxico de Armea
A iniciativa tamén establece dous miradoiros que permiten ver amplas panorámicas relacionadas co enc
Co obxectivo último de potenciar o conxunto arqueolóxico de Armea, o Concello de Allariz e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT) presentaron este xoves a súa nova sinalización e accesibilidade. A iniciativa, que recibiu unha axuda da Axencia de Turismo de Galicia, busca segundo os seus responsables “pór en valor este conxunto de vital importancia para o desenvolvemento turístico da zona”.
A presentación foi realizada por Cristina Cid, alcaldesa de Allariz; María López, concelleira de Turismo, e Adolfo Fernández, investigador do GEAAT e director do proxecto arqueolóxico de Armea. Durante a visita para coñecer as accións feitas, Cristina Cid salientou “o esforzo que dende hai nove anos vén levando a cabo o Concello de Allariz xunto coa Universidade de Vigo para escavar todos os veráns no xacemento sen axudas doutras administracións e que constitúe un importante recurso turístico para Allariz”. Neste contexto, María López indicou como as accións presentadas este xoves pretenden contribuír a “crear unha oferta turística na contorna do xacemento da 'cibdá' de Armea, que sexa complementaria ao destino turístico de Santa Mariña de Augas Santas”.
Paneis, pasarelas e miradoiros
Segundo explicou Adolfo Fernández, a actuación de sinalización do xacemento e contorna de Armea consistiu na delimitación dun percorrido de visita e na colocación de paneis explicativos deste ben, abranguendo desde a 'cibdá' ata a vía romana. A mellora da accesibilidade, indicou o profesor da Facultade de Historia de Ourense, fíxose mediante a colocación de “pasarelas e ramplas de madeira, chanzos para facilitar o paso a algunha estrutura e socalcos para adecuar o paso a todas as zonas do xacemento”. Ademais, engadiu, estableceuse unha serie de miradoiros, con paneis informativos e bancos, dende os que se contemplan amplas panorámicas relacionadas coa 'cibdá' de Armea, un na atalaia sobre o val de Rabeda e outro nas Cubelas, no Monte de Armariz.
Estas actuacións, indicou Adolfo Fernández, contribuirán a dar a coñecer este conxunto arqueolóxico-histórico “constituído por múltiples e importantísimos elementos patrimoniais como son a 'cibdá' de Armea, o forno da santa e a basílica inacabada da Asunción, nas faldras de dito monte, e o xacemento rupestre galaico-romano do Monte do Señoriño”. No seu conxunto, subliñou o investigador, “conforman un espazo arqueolóxico que pode ser básico para coñecer o poboamento antigo desta rexión, dende a Gallaecia protohistórica ata a Gallaecia medieval pasando polo fundamental hábitat galaico-romano”. Por estas características, comentou Adolfo Fernández, trátase dun lugar “case que único en Galicia, xa que son poucos os xacemento con esta riqueza arqueolóxica e potencialidade temporal”, engadindo ademais entre os seus valores “a ausencia de construcións contemporáneas que limiten o seu estudo e musealización”.