DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A publicación electrónica xa ten dispoñible a súa edición de 2019

Un novo número 'Redas' achégase a temas de actualidade en investigación e divulgación arredor da auga

A iniciativa naceu no marco do proxecto de especialización do Campus de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Transferencia
Rosa Tedín DUVI Ourense 25/03/2019

A revista Redas. Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad, lanzada desde a Facultade de Dereito no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, xa conta cun novo número. A publicación electrónica vén de lanzar o seu número tres, correspondente a 2019. “Con este novo número, Redas segue na liña dos anteriores, con esa dobre faceta de investigación e divulgación científica”, comenta Roberto O. Bustillo, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo e director da publicación.

Diversidade de contidos

Seguindo a estrutura de edicións anteriores, o número arranca cun editorial a cargo do director da publicación e de Laura Movilla, profesora axudante doutora de Dereito Internacional Público e secretaria académica de Redas, titulado Do lago de Moeris ao embalse das conchas. Os contidos da revista arrancan cun estudo do avogado Andoni Bruña sobre o conflito entre as infraestruturas hidráulicas e o patrimonio histórico. Trátase, apuntan desde a revista, “dun estudo doutrinal sobre como resolven os tribunais españois os conflitos que xorden cando o proxecto dunha nova obra hidráulica, como un encoro ou unha canle, pode afectar e pór en perigo a un inmoble con valor histórico ou cultural, como unha ermida rural ou un xacemento arqueolóxico”.

Tamén conta este número tres de Redas “con dous estudos de grande interese práctico sobre o exercicio de competencias administrativas das confederacións hidrográficas e outros organismos”. Así, Saturnino Espín, da Universidad de Murcia, aborda a publicación no trámite de información pública do procedemento administrativo de augas e Iván Quintana, colaborador xefe de servizo da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, afonda na non necesidade de realizar un previo deslinde para o exercicio das competencias da administración hidráulica.

Completa a publicación unha crónica-balance do III Congreso Internacional da Auga. Auga, Sociedade e Territorio, organizado pola Facultade de Historia do campus de Ourense no marco do proxecto de especialización do Campus da Auga os días 25, 26 e 27 de outubro de 2018. O artigo está realizado por Susana Reboreda, decana do centro organizador. Por último, Pol Pallàs, doutorando da Área de Dereito Internacional Público da Universitat de Barcelona, realiza unha recensión do libro Agua, recurso natural limitado. Entre el desarrollo sostenible y la seguridad internacional, de Ana M. Badia e Laura Huici.

Colaboracións do eido público e privado

“Ao igual que en anteriores números, as achegas proceden tanto do ámbito universitario (universidades de Barcelona, Murcia e Vigo) como do ámbito profesional (confederacións hidrográficas e despachos profesionais de avogados), o que desde o comezo de Redas é unha dos acenos de identidade marcada polo seu consello de redacción: variedade de seccións dentro da revista que dean espazo a diversidade de autores, procedencias e enfoques xurídicos e intelectuais”, comenta o director da publicación. Polo que atinxe a este novo número, Roberto O. Bustillo tamén apunta como desde un punto de vista formal “estreamos un novo formato electrónico da web, con maior atractivo visual e facilidade de acceso aos contidos”.

Con este novo número, Redas, subliñan os seus responsables, “cumpre os seus primeiros catro anos de vida e, con iso, leva a bo termo o convenio de colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil asinado en 2015” para o patrocinio da publicación. O respaldo económico desta confederación, indica o director da revista, “foi imprescindible para a posta en marcha deste proxecto académico e desde o consello de redacción queremos agradecer a esta institución pública o seu apoio e o seu compromiso durante este tempo non xa só con Redas senón, en xeral, co campus universitario de Ourense”.