DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está organizado no marco do Grupo PS1-Psicoloxía Xurídica da Universidade

Un obradoiro forma a profesionais e futuros profesionais na aplicación da xustiza terapéutica

O seu obxectivo é contribuír a fomentar este modelo na resolución de conflitos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Saúde
  • Cultura
DUVI Ourense 11/10/2019

A xustiza terapéutica sostén que o dereito e a súa aplicación ten capacidade para potenciar o benestar das persoas implicadas nun procedemento, instando a resolver non só o problema do conflito senón tamén a causa que o motivou. Para fomentar o coñecemento e uso deste modelo por parte de profesionais e futuros profesionais, o campus acolle a celebración do obradoiro Xustiza terapéutica. Prácticas restaurativas.

O obradoiro, dirixido pola catedrática Francisca Fariña e a profesora María José Vázquez, do Grupo PS1-Psicoloxía Xurídica da Universidade de Vigo, arrancou a súa programación o pasado 4 de outubro e continúa impartíndose semanalmente os venres pola tarde na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense ata o 8 de novembro. Sendo esta a súa primeira edición, desde a organización subliñan que o gran protagonista deste obradoiro son as persoas inscritas, alumnado e profesionais do eido do dereito e da educación e o traballo social, xa que elas e eles son os que poden levar á práctica o paradigma da xustiza terapéutica. “A nosa filosofía é estender este paradigma ao alumnado tanto de grao como de posgrao, sobre todo a aqueles futuros profesionais que van a intervir nun procedemento que conleve a aplicación dunha lei; aos profesionais que efectivamente xa interveñen en procedementos e á cidadanía en xeral”, comentan desde a organización da actividade.

Na formación abórdanse as habilidades e competencias necesarias para empregar as prácticas restaurativas, tanto de forma proactiva como reactiva na resolución de conflitos de diferentes ámbitos (familiar, educativo, social, laboral, xudicial e comunitario). Ao longo do obradoiro, as e os 27 asistentes achéganse á xustiza terapéutica; aos aspectos teóricos das prácticas restaurativas e ao seu repertorio e aos círculos restaurativos proactivos e reactivos. A docencia do curso conta, ademais de coa participación das súas responsables, coa intervención de varios profesionais que traballan en prácticas restaurativas en centros nos que se resolven conflitos e que teñen formación na materia, como son Rafael Pérez, psicólogo do CIEMA da Asociación Arela e instrutor do International Institute for Restorative Practices, e Ana Isabel Pérez, instrutora da mesma entidade e coordinadora da área de conflito tamén en Arela.

Da teoría á práctica

Ao longo das sesións, as e os asistentes teñen a oportunidade de coñecer como o paradigma da xustiza terapéutica, explican desde a organización do curso, o que busca é que a súa aplicación teña efectos terapéuticos sobre o usuario da medida que se vai aplicar, sexa no ámbito penal ou no civil. Fronte a un método máis adversarial, de a ver quen gaña, e máis punitivo, este método o que busca é a mellora da persoa que está no procedemento e que a solución sexa favorable para as e os implicados. “Na xustiza terapéutica non hai dúas partes senón que se busca o interese común e o diálogo, que se atenda ás emocións e que a solución sexa unha solución factible para as partes implicadas para que teña continuidade no futuro. A perspectiva é mirar cara o futuro”, indican as responsables do obradoiro.

Esta perspectiva, indican as directora da actividade, xa está levando á práctica, citando como exemplo o Programa Ruptura de Parella, non de Familia que dirixe a propia Francisca Fariña e no que se “ensina aos proxenitores a afrontar o proceso de separación ou divorcio de forma positiva para eles e moi especialmente para os menores”. “Se nós ensinamos á propia comunidade universitaria e á cidadanía prácticas que buscan a pacificación, pois estaremos avanzando cara unha sociedade que saiba resolver os conflitos e que sexa capaz de buscar solución innovadoras e creativas, que é do que se trata dentro do noso ámbito de investigación, de proporcionar coñecemento á comunidade onde estamos”, indican por último desde a organización do obradoiro.