DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Once estudantes participan no taller que imparte a cineasta Jaione Camborda 

Un obradoiro leva ao alumnado do campus valerse do cinema para ‘habitar un rostro’

As curtas xurdidas desta iniciativa proxectaranse no festival Novos Cinemas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cine
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 04/10/2019

Habitar un rostro / O xesto dun encontro é o título do obradoiro que levará a once alumnas e alumnos do campus pontevedrés a crear unha serie de pezas audiovisuais en torno á idea do retrato, que no mes de decembro presentarán na xornada de apertura do festival Novos Cinemas. “A idea de retrato paréceme un contexto no que inevitablemente van emerxer preguntas importantes”, recoñece a cineasta Jaione Camborda, responsable de impartir este taller coorganizado e financiado pola Vicerreitoría do campus e que se insire no programa formativo #Aula do festival. Un taller que este venres celebrou a súa segunda sesión na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, na que as e os participantes comezaron a debater unha serie de ideas iniciais a partires das que, nos próximos meses, construirán unha serie de retratos audiovisuais.

“O concepto de retrato é moi amplo, pode ser dunha persoa, dun animal, dun colectivo...”, explica Camborda da proposta temática deste obradoiro, que ve á súa vez como unha “escusa” para que as e os participantes cuestionen por que elixen retratar unha determinada persoa ou realidade ou como se relacionan con ela. “Digamos que a proposta invita a evidenciar un pouco a mirada, a establecer un diálogo co que filmas, incluso a ser ese rostro que filmas”, apunta Camborda, que toma o relevo de Lois Patiño, Oliver Laxe e Eloy Enciso á fronte desta actividade. Formada na Escola de Cinema de Praga (Famu) e na Escola de Cinema de Múnich (HFF), Camborda fundou en Galicia a produtora Esnatu Zinema. Guionista e directora de arte en filmes como Os Fenómenos (2014), Las Altas Presiones (2015) ou Tempo Vertical (2017), Camborda ten colleitado nos últimos anos numerosos premios coas súas pezas experimentais rodadas en celuloide. Ademais, neste 2019 finalizou a súa primeira longametraxe, Arina, da que é produtora, escritora e directora e se atopa pendente de estrea.

Debater nun “momento de fraxilidade”

Oito alumnas e tres alumnos das facultades de Belas Artes e Ciencias Sociais e da Comunicación participan nun obradoiro que arrincou a finais de setembro cunha primeira sesión “máis dirixida a xerar un caldo de cultivo, unhas motivacións e unhas inspiracións” que achegasen un primeiro enfoque á proposta do taller. Xa nesta segunda xornada, as e os participantes achegaron unhas primeiras ideas, explica Camborda, da peza que lles gustaría desenvolver no marco do obradoiro. 

Daniel Arana, Roberto Alonso, Raquel Álvarez, Lara Castro, Noa Castro, Noemi Parga, Ana Pérez Valdés, Andrea Piñeiro, Yuri Salgado, Sabela Souto e Mercedes Valero son as e os alumnos seleccionados na convocatoria aberta para este obradoiro que, o 18 de outubro, celebrará a súa terceira sesión. Nela, achegarán  “unhas primeiras imaxes” dos seus traballos, para xa o 22 de novembro presentar “unha primeira montaxe” das súas pezas, explica Camborda. “Interésame moito que se xere un debate”, apunta esta cineasta, que incide en que “ata que un non ten un proxecto pechado é difícil mostralo, xa que se trata dun proceso moi nu, moi fráxil para eles”. Mais ese é precisamente un dos obxectivos do taller; "que neses momentos de fraxilidade, de dúbidas, se establezan debates”, de tal xeito que cada participante “poida nutrirse das preguntas e dos procesos dos seus compañeiros”. 

Un “reto creativo” para o alumnado

“Paréceme moi interesante e moi complexo, sobre todo polas implicacións éticas que pode ter retratar a alguén e a dificultade de abordar dunha forma persoal un tema tan tratado”, salienta a Lara Castro sobre o eixo temático deste obradoiro, que define como un “reto creativo”. Estudante de Belas Artes, Castro, que participa neste taller xunto á súa irmá Noa, subliña así mesmo o interesante dunha proposta formativa que lle permite traballar cunha cineasta cuxa obra “interésanos persoalmente”, así como o “privilexio que supón “que se visibilicen os resultados”. 

“Saber que vai ser exposto no festival avala a confianza que se pon en nós”, engade nese mesmo senso Yuri Salgado, que tamén define como un “reto” a proposta deste taller. “Ao final cada director ten unha mirada propia condicionada polas súas propias vivencias, pero se ademais de iso tes que visibilizar a historia de outros, as posibilidades narrativas aumentan de xeito exponencial” engade este graduado en Belas Artes, quen define ve neste taller unha “oportunidade única para madurar como artista e empezar a crear un discurso propio”.