DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada promovida polo grupo de investigación PS1 na sede da Vicerreitoría

Operadores xurídicos debaten sobre fórmulas alternativas para que unha separación non derive en conflito

Coas intervencións do fiscal xefe Juan Carlos Aladro e o maxistrado Juan Pablo González

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/06/2019

A separación dunha parella con fillos ou fillas deriva en ocasións nunha “conflagración, na que cada un saca o peor de si mesmo” e na que os ou as menores “son os maiores afectados”, salienta o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, que este luns participou na Vicerreitoría do campus nunha xornada dirixida a afondar en fórmulas alternativas que, no ámbito do dereito de familia, contribúan a evitar ou diminuír ese posible conflito. Non en van, trátase de situacións que poden derivar en que as e os menores implicados “acaben tendo problemas de estabilidade emocional, con situacións de estrés ou ansiedade, ou problemas de inadaptación”, engadiu o maxistrado do xulgado número 24 de Madrid, Juan Pablo González, outro dos conferenciantes deste evento dirixido a diferentes axentes relacionados co ámbito do dereito de familia, organizado polo grupo de investigación PS1 da Universidade de Vigo.

Baixo o título de As relacións familiares xudicializadas: novos recursos de apoio, esta xornada reuniu unha vintena de profesionais, entre representantes da xudicatura, avogados e avogadas de familia, mediadores familiares, psicólogos forenses, persoal de puntos de encontro e investigadores e investigadoras. “O obxectivo da xornada é analizar as ferramentas que temos para axudar a pacificar a vida dos nenos e nenas cando os seus proxenitores pensan que o mellor xeito de defendelos é ter unha guerra”, salientou a investigadora principal do grupo PS1, a catedrática Francisca Fariña, na apertura dunha xornada na que se debatiu sobre fórmulas como a mediación extraxudicial, os plans de parentalidade, a figura do coordinador parental ou os programas psicoeducativos para as familias. “Trátase de reflexionar e debater sobre unha cuestión fundamental para que desde a xustiza, desde a psicoloxía e desde outros órganos poidamos sentar as bases de novas formas de utilizar uns recursos centrados sobre todo no benestar dos nenos”, engadiu na inauguración o vicerreitor do campus, Jorge Soto.

Atopar solucións reducindo “a intensidade do conflito”

Na primeira das conferencias, Juan Carlos Aladro abordou diferentes opcións que, no ámbito do dereito de familia, contribúen a reducir “o que é un conflito de tipo familiar ou social”. Nese senso, á vez que lembrou “os esforzos” que desde o propio ámbito xudicial se teñen realizado neste eido, o fiscal xefe puxo o acento na necesidade de “atopar solucións que traten de desxudicializar” procesos que nalgúns dos casos derivan en que un xuíz ou xuíza disolva un matrimonio “pero acabe casando co preito”, xa que as disputas entre proxenitores derivan nun conflito xudicial “que non termina nunca e que o único que fai é prexudicar máis ás persoas as que afecta”.

Aladro referiuse a fórmulas como os plans de parentalidade ou á “presenza cada vez máis forte” da mediación, na que se guía ás partes para que tenten chegar voluntariamente a un acordo. O fiscal xefe lembrou que, en 2018 desde os xulgados de familia de Pontevedra deriváronse 49 casos á mediación extraxudicial, cifra que ascendía a 92 e 82 nos dous exercicios previos. “Na mediación, as persoas vense implicadas no procedemento, fanse responsables da súa finalización”, salientou Aladro dun proceso que, aínda que non remate en acordo e acabe chegando a xuízo, faino despois de que “se resolvesen un montón de cousas”, contribuíndo deste xeito a reducir “a intensidade do conflito”. 

A figura do coordinador de parentalidade

González del Pozo, pola súa banda, centrou a súa intervención na figura do coordinador ou coordinadora de parentalidade, que naqueles casos de rupturas de parellas de “alta conflitividade” exerce como “unha especie de delegado do xuíz que supervisa o proceso de execución e subministra unha información transcendental para saber que está ocorrendo realmente”. Segundo explicou este maxistrado, trátase dunha figura que ten as súas orixes en Estados Unidos e Canadá, que nos últimos anos comezou a implantarse en diferentes puntos de España e que se emprega naqueles casos de rupturas “cunha xudicialización constante das discrepancias”, nos que existe “unha total incomunicación entre as partes” que provocan o enquistamento do conflito. “Non é un mediador, do que trata sobre todo esta figura é de educar ou instruír aos pais nos procesos de parentalidade, de crear canles entre para que haxa entre eles unha comunicación mínima, imprescindible por razón da educación e da crianza dos fillos”, explicou dunha figura que tamén permite ao xuíz a supervisión “dos procesos de execución das medidas que adopta”. González del Pozo abordou tamén nesta xornada as “experiencias piloto” en materia de coordinación de parentalidade que, da man do concello e do goberno autonómico, desenvólvense en Madrid desde setembro e coas que se están a lograr “resultados moi bos”, recoñeceu.