DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O naturalista Joaquín Araújo impartiu unha conferencia nunha xornada do Green Campus

Os bosques, a “medicina enferma” coa que combater o cambio climático

A actividade completouse cun mercado de produtos de proximidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/02/2020

Nun contexto de “catástrofe climática”, os bosques constitúen “a principal medicina para enfrontarse o cambio climático”, mais trátase dunha medicina que se atopa á súa vez “enferma”, segundo salientou o naturalista Joaquín Araújo na conferencia que este martes impartiu na Escola de Enxeñaría Forestal, no marco dunha xornada promovida polo programa Green Campus. No mundo, alertou este xornalista e divulgador ambiental, cuxa traxectoria foi recoñecida en 1994 co Premio Global 500 da ONU, destrúense diariamente “non menos de 20 millóns de árbores”, o que supón, lembrou, que “estamos destruíndo o antídoto” contra os efectos do cambio climático. 

“Polos parámetros básicos do que é a catástrofe climática, atopámonos con que a principal medicina para enfrontarse ao cambio climático é o bosque, pero cunha particularidade que xa se achega ao cualificativo de traxedia; que é unha medicina enferma”, sostivo Araújo, autor de máis de cen libros, director de numerosos documentais e responsable, xunto con Félix Rodríguez de la Fuente, da Enciclopedia Salvat de la fauna ibérica e europea. Fíxoo nunha conferencia enmarcada nunha xornada dirixida “a difundir os valores do Green Campus e da educación ambiental”, que se completou cun reparto de bidóns e un mercado de produtos de proximidade. Así o explicou o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, na presentación do relatorio deste “defensor do medio ambiente, da natureza e de todo o que significa o ecoloxismo activo desde hai máis de 50 anos”.

Ser bosque ou ser cinsa

Araújo, que foi tamén presidente do Proxecto Gran Simio, articulou a súa conferencia en torno a esa contraposición sobre o que significan as árbores e o bosque e o que supoñen as cinsas que quedan trala súa destrución. Nun relatorio titulado Ser bosque ou ser cinza, Araújo sostivo que “por primeira vez na historia da civilización”, trátase dunha “elección de máximos”, na que “hai que apostar polo bosque ou pola suprema estupidez dunha civilización que o queima todo; ser bosque ou ser cinsa”. 

Neste punto, Araújo recoñeceu como “o mellor do seu currículo” o seu “compromiso moral” coa plantación de árbores, que motivou que el mesmo tivera plantado ao longo dos anos preto de 25.000 exemplares, “o que equivale a un por cada día que vivín”. Vinculándoos coa ciencia, coa poesía, a arte ou a filosofía, este naturalista presentou ás árbores e os bosques como o resultado “máis fascinante, complexo, produtivo e solidario da historia da vida”. A árbore, lembrou “sempre traballa para o restos dos viventes” e de feito, máis aló da súa contribución á retención do CO2, “as súas prestacións son incalculables”, xa que, sinalou, “un bosque préstanos arredor de 3000 servizos diferentes”. 

Este “inconmensurable valor que teñen as árbores, que cada día pasa a ser máis crucial”, ten o seu contrapunto nunha “civilización absolutamente mesquiña, acaparadora e destrutora de todo o que a fai posible”, sostivo Araújo, que lembrou que “o ser humano e as árbores somos auga fervida”. Mais se ben ao longo da historia a humanidade situouse en “zonas intermedias”, xa que “para vivir había que usar a vida”, na actualidade desenvolveu “un estilo de vida contra a vida”. Nese senso, o conferenciante alertou de que a catástrofe ambiental “non é que vaia chegar, senón que xa está aquí”, así como da “catástrofe intelectual” que supón á súa vez que esta situación “non se vexa como unha traxedia”. De aí que nunha actividade que reuniu a numerosos estudantes lembrase ás novas xeracións, “que van ser as principais vítimas da catástrofe climática” e que teñen “a posibilidade de herdar o planeta das árbores ou o planeta dos desertos”.

Concienciación ambiental

O obxectivo desta Xornada Green Campus era, como explicou Souto, fomentar entre a comunidade universitaria “o respecto pola natureza” e intentar así que “a educación ambiental sexa un motivo máis no noso día a día”. De aí que xunto á conferencia, a xornada se completase con outra serie de accións, "pequenas, pero que creo que van na boa dirección”, como o reparto entre os e as asistentes dunha serie de bidóns do Green Campus, no marco do obxectivo deste programa de “reducir o consumo de auga en botellas de plástico”. De feito, esta medida complementa á súa vez á instalación de fontes nos diferentes centros do campus, levada a cabo nos últimos meses. Por último, a actividade completouse cun pequeno mercado de produtos ecolóxicos e de proximidade, da man da asociación 4 Ponlas. “O consumo de produtos locais é unha forma de diminuír a pegada de carbono e de fixar poboación”, salientou Souto, dunha actividade que serviu tamén para dar a coñecer a actividade e obxectivos desta asociación de produtores ecolóxicos.