DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As unidades móbiles estarán o martes 8 en Vigo, Ourense e Pontevedra

Os campus súmanse ao Reto 5000 doazóns de sangue

No marco do Día das Universidades Saudables

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 03/10/2019

No marco da Rede Española de Universidades Saudables, os tres campus da Universidade de Vigo súmanse o vindeiro martes 8 de outubro ao Reto 5000 doazóns de sangue, unha iniciativa  que trata de fomentar a solidariedade entre as comunidades universitarias para chegar a unha dobre meta: acadar as 5000 doazóns nunha soa xornada entre todos os campus de España e chegar á mesma cifra ao longo do curso académico entre os sete campus galegos.

Para iso desenvolveranse dúas campañas, unha en cada cuadrimestre, en colaboración coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia. A próxima cita será o 8 de outubro, cando as unidades móbiles se achegarán aos sete campus galegos. No caso da UVigo, os autobuses estarán dispoñibles na Escola de Enxeñería Industria, sede campus, tanto o martes 8 como o mércores 9, de 09.30 horas a 14.30h e de 15.30 h a 21.00 horas . Na campus de Ourense a unidade móbil situarase diante da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo o martes de 09.30 h a 14.30 h e de 15.30 h a 21.00 horas. En Pontevedra poderase doar diante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación tamén o martes de 09.30 horas a 14.30h e de 15.30 h a 21.00 horas.  Para poder doar tan só é preciso ter máis de 18 anos e pesar máis de 50kg. É necesario almorzar e, despois de xantar, agardar dúas horas. 

Esta campaña enmárcase na celebración do Día das Universidades Saudables, unha iniciativa posta en marcha por REUS, a Rede Española de Universidade Saudables, da que forman parte 55 institucións académicas e dous ministerios, xunto coa CRUE e nove estruturas de saúde pública das comunidades autónomas. O obxectivo é incorporar e integrar a promoción da saúde no eido universitario, xerando así un modelo para a sociedade. Nesta edición, son 29 as universidades que participan no Reto 5000 que buscarán captar doantes novos e fidelizar ás persoas que doan de xeito habitual para chegar ás cifras que a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera recomendables: entre 40 a 60 doazóns de sangue por cada 1000 habitantes e ano. De feito, estímase que os hospitais precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día para facer fronte ás demandas sanitarias.

1391 doazóns o curso pasado na Universidade de Vigo

Durante o pasado curso académico 2018–2019, as campañas desenvolvidas por ADOS nas tres universidades galegas rexistraron 4601 doazóns de sangue, das que o 30,8% foron realizadas por persoas que participaban por primeira vez (1418). Esta cifra representa un crecemento do 1,3% das doazóns de sangue con respecto á participación do curso anterior. Atendendo ás universidades, produciuse unha recuperación da de Santiago (1684), de xeito salientable grazas a evolución do campus de Santiago; unha estabilización da Universidade da Coruña (1526) e un lixeiro descenso da Universidade de Vigo, que rexistrou 1391 doazóns. O campus máis solidario da UVigo é Vigo, con 782 doazóns, seguido de Ourense (335) e Pontevedra (274).