DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co galardón outorgado á spin-off relEYEble polo seu sistema de procesado de imaxes

Os Premios de Transferencia de Tecnoloxía recoñecen a capacidade de adaptación á crise da covid-19 dun software nacido na Universidade

A empresa ten a súa orixe no traballo de I+D desenvolvido no Grupo de Tecnoloxías Multimedia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Saúde
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI 02/07/2020

Xurdido a partires do traballo de I+D iniciado hai 15 anos no Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo, o software de visión artificial da spin-off da institución académica relEYEble converteuse neste 2020 nun dos gañadores dos Premios de Transferencia Tecnolóxica en Galicia. Promovidos pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia (Gain), o xurado destes galardóns valorou especialmente a capacidade desta empresa, impulsada polo profesor José Luis Alba e os egresados da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Manuel Ubeira e Elisardo González, para adaptar “de xeito moi áxil” a súa tecnoloxía ás necesidades xurdidas da crise da covid-19. Capaz de medir as audiencias de soportes publicitarios como carteis dixitais e rexistrar as accións de cada persoa, o sistema de procesado dixital de imaxes galardoado co premio Ricardo Bescansa Martínez como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía ofrece agora tamén aos establecementos comerciais a posibilidade de recibir alertas en tempo real cando os clientes non leven posta a máscara ou non respecten a distancia de seguridade.

Estes premios, que se entregarán o 14 de xullo, contan cunha dotación económica de 6000 euros en cada unha das súas categorías e están dirixidos a recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente de organismos de investigación ao tecido produtivo, segundo informou a organización. Nese senso, Alba recoñece sentirse orgulloso “do recoñecemento dunha entidade tan prestixiosa para o mundo académico” e de que “unha comisión onde hai xente que sabe moito de crear empresas a partires de resultados de I+D e do difícil é que estas sobrevivan máis de tres anos”, valore o traballo desenvolvido desde reEYEble, outorgándolle un premio que en 2019 obtiña outra spin-off da insititución académica, Alén Space. “A Universidade de Vigo ten moito máis potencial do que realmente se ve para transferir resultados de I+D ao mercado”, salienta o profesor do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigador de AtlanTTic, para quen é “unha obriga tratar que a nosa I+D se transfira dunha forma máis directa ao tecido socioeconómico”. 

Xunto a esta iniciativa, o xurado da sexta edición destes galardóns decidiu outorgar o premio Francisco Gutián Ojea a unha iniciativa do grupo de investigación CellCOM, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, en colaboración coa Universidade da Coruña e co Instituto Ramón y Cajal de Investigación Sanitaria, e o premio Fernando Calvet Prats ao Grupo Interdisciplinar en Tecnoloxía Farmacéutica, Inmunoloxía Parasitaria e Parasitosis Hídricas da Universidade de Santiago de Compostela. 

Medición da atención e das emocións

A orixe do proxecto que fixo posible a creación desta empresa é un “software de análise facial para estimar o sexo e a idade das persoas que prestan atención aos anuncios en pantallas dixitais provistas de cámaras”, desenvolvido no Grupo de Tecnoloxías Multimedia “e transferido á spin-off”. Cos anos, o software foi mudando “para medir emocións, tempo de atención e monitorización en xeral”, como explica Alba, asesor científico de relEYEble, e o proxecto deu lugar á creación da spin-off en 2016. Mais, lembra, isto aconteceu despois de “30 meses nos que estivemos facendo medrar o modelo de negocio”, nas aceleradoras VíaVigo e Galicia OpenFuture e como finalistas do evento de emprendemento universitario internacional Spin2014, organizado por RedEmprendia. 

“Antes de lanzarnos ao mercado necesitabamos estar seguros no encaixe do modelo de negocio”, recoñece o investigador respecto dun proxecto que, co paso dos anos, foi perfeccionando un software que achega información de gran valor a anunciantes e xestores nos sectores da publicidade e do comercio, á hora de tomar decisións sobre as súas campañas ou definir a disposición de produtos nas tendas e o deseño de escaparates. Non en van, o sistema permite, a través da análise das imaxes captadas polas cámaras, extraer información en tempo real de cantas persoas están diante dun determinado elemento, o seu sexo e idade estimada, a emoción que lles espertan os estímulos visuais e canto tempo permanecen diante destes. 

Novas funcións para a nova normalidade

Como explica Alba, o software de relEYEble “foi medrando co tempo e as demandas dos clientes”, para converterse nunha ferramenta con “moitas aplicacións diferentes”, como as relacionadas coa videovixilancia, que fan posible esas novas utilidades relacionadas coa covid-19. Ante as novas que apuntaban a “unha nova normalidade de duración indefinida”, marcada polo uso de mascarillas e as distancias de seguridade, “decidiuse desenvolver un novo software e ofrecer un novo produto de medición aplicable tanto a pantallas que informan do aforo na entrada, mentres miden a distancia e o uso de mascarillas, como a instalacións con cámaras de seguridade, para integrar coas súas rutinas de vixilancia”, explica Alba, que recoñece que se ben xa “algunhas empresas están testando” estas novas funcionalidades, “aínda non sabemos como vai evolucionar a demanda e o propio servicio”.