DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha sesión virtual celebrada este xoves a través de Campus Remoto

O peche dun curso marcado pola COVID-19 centra o Consello de Campus de Pontevedra

A modalidade virtual de Dirección e Xestión Pública, única novidade na oferta académica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Reitor
  • Saúde
  • TIC
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 28/05/2020

Os cambios e medidas que foi preciso adoptar, trala suspensión da actividade docente presencial e a declaración do estado de alarma, para completar un curso académico marcado pola COVID-19 centraron en boa medida a sesión ordinaria do Consello de Campus de Pontevedra celebrada este xoves de xeito virtual. Na xuntanza desenvolvida a través do Campus Remoto abordouse tamén a preparación do vindeiro curso, que, no referido á oferta de titulacións, terá como única novidade no campus a posta en marcha da modalidade virtual do grao en Dirección e Xestión Pública.

“Estamos conseguindo que non se perda o curso e non deixar a ninguén atrás”, salientou o reitor, Manuel Reigosa, na súa intervención nun consello que se completou cos informes do vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos; da vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, e do vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto. Reigosa puxo o acento no esforzo realizado nestes meses tanto polo persoal docente e de administración e servizos, que “traballando desde as casas permitiu que todo seguise funcionando”, como do alumnado, “que fixo reclamacións xustas e acaídas e que está traballando moito”. Nese senso, recoñeceu que “os exames estanse a realizar sen ningunha dificultade” de xeito telemático e “por agora os resultados semella que son semellantes aos dun curso normal”.  Por outra banda, no referido á celebración en xullo, das probas da ABAU, que serán “un pouco diferentes ás de cursos anteriores”, Reigosa sinalou que desde a CIUG traballan para “que non haxa grandes movementos de alumnos”, de tal xeito que os exames “van estar máis distribuídos” por diferentes sedes, entre as que se atopará algún centro do campus pontevedrés, dada a súa proximidade á cidade.

Reigosa afondou tamén no proceso que levou ás tres universidades a acordar o Plan de impulso e consolidación das competencias dixitais como apoio á docencia presencial no SUG, elaborado como alternativa ao Programa de transformación á docencia innovadora do SUG proposto e posteriormente retirado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Reigosa explicou que, nunha xuntanza celebrada o 18 de maio, desde a Consellería trasladouse aos reitores unha proposta “con dous eixos fundamentais”, dar un selo aos centros “que cumpriran determinados requisitos para ser considerados saudables” e un “plan de axuda para desenvolver competencias dixitais”, que foi recibido de xeito positivo. Mais o documento que desenvolvía estas propostas, engadiu, “tiña erros de base fundamentais que non nos gustaron desde o principio”, o que levou aos reitores a solicitar que se abrise unha negociación e elaborar unha proposta alternativa, deixando ·”a porta aberta” a administración autonómica para abordalo. 

Dirección e Xestión Pública e Deseño e Creación

No referido á oferta académica do campus para o curso 2020-2021, o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado explicou que Pontevedra manterá “exactamente os mesmos” títulos de grao, mestrado e doutoramento, coa única novidade da modalidade virutal de Dirección e Xestión Pública, que, explicou, “será o primeiro grao do Sistema Universitario de Galicia” en contar con esta opción. Esta novidade foi cualificada como un “acerto” polo reitor, que incidiu en que se ben “as titulacións presenciais son sen dúbida a mellor opción para o alumnado novo”, a opción virtual permite “captar estudantado en novos caladoiros”, como alumnos doutros países de fala castelá ou persoas con emprego. Así mesmo, coa idea de “facer máis visible este grao” xunto co mestrado virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional, Reigosa anunciou que está previsto propor a creación dunha Facultade de Dirección e Xestión Pública, na próxima sesión do Claustro, que ata o de agora non puido reunirse, xa que o “número de persoas que participan” fai necesario que se desenvolva de xeito presencial.

No referido á oferta académica, Reigosa lembrou que finalmente a Universidade de Vigo non contará con ningún grao aberto o vindeiro curso e traballará para súa posta en marcha no curso 2021-2022, trasladando tamén o seu desexo de o campus poida contar tamén cun destes graos, no que o alumnado cursa materias de diferentes titulacións. Tamén no curso 2021-2022, está prevista a posta en marcha o novo grao en Deseño e Creación, respecto do que o reitor sinalou que nestes intres trabállase na modificación da memoria, na que “posiblemente nos pidan que o grao teña algunha instalación propia”. Para iso, sinalou, “a ferramenta máis útil que temos sexa, probablemente, incluír espazos que agora mesmo estaban pensado para outras cousas” dentro do antigo edificio administrativo de Benito Corbal, no que a institución académica contará con tres plantas. Por outra banda, no referido ao campus de especialización, Reigosa sinalou que “estamos neste momento nun compás de espera”, xa que a convocatoria de acreditación da administración autonómica “deixa fóra” tanto ao Campus Crea como ao Vigo Tecnolóxico, ao esixir que os proxectos de especialización conten cun plan estratéxico realizado antes de 2017 con fondos da Consellería. 

Titulacións, mobilidade e novas iniciativas

Ademais da oferta de titulacións, Manuel Ramos abordou no seu informe o estado no que se atopan os graos e posgrao do campus “en relación aos criterios que establece a Xunta de cara a manter as titulacións”, analizando aqueles indicadores, como taxas de gradación ou de idoneidade, nas que “é preciso mellorar nalgunhas titulacións de grao”. María Isabel Doval, pola súa banda, afondou nos efectos que a COVID-19 tivo na mobilidade internacional do alumnado. De cara ao vindeiro curso, a vicerreitora apuntou a un escenario con “bastantes renuncias”, no que se abogará pola “blended mobility”. A vicerreitora informou así mesmo das posta en marcha de novas edicións de iniciativas como o programa de docencia en inglés English Friendly, do curso Axenda 2030 e Axente do Cambio, ou da nova convocatoria de programas de aprendizaxe-servizo. Doval referiuse así mesmo aos programas de apoio á estudantes africanas Mulleres por África e Young Generation Change Agents, e, no relativo á atención á diversidade, anunciou a posta en marcha dun plan de formación para  o profesorado responsable do programa PIUNE.

Por outra banda, o vicerreitor do campus pontevedrés abordou as medidas que se están a levar a cabo nos diferentes centros para preparar a desescalada, á vez que fixo balance de como o estado de alarma obrigou á Vicerreitoría a adaptar actividades, como obradoiros de extensión universitaria, á modalidade virtual, “mentres que outras houbo que suspendelas ou adialas”. Jorge Soto sinalou tamén que desde a Vicerreitoría atópanse traballando para poder contar no campus “cunha praza de xestor de investigación”, á vez que puxo o acento no traballo realizado por todo o persoal, “grazas ao que puidemos xestionar unha situación tan inhabitual como pode ser unha pandemia”.