DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este cuadrimestre dedicarán especial atención ás probas de enfermaría

O percorrido dos Martes Saudables polos tres campus arrancará o 19 de febreiro

O obxectivo da iniciativa é fomentar os bos ámbitos na comunidade universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Igualdade
  • Saúde
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 08/02/2019

O día 19 de febreiro os postos dos Martes Saudables volverán a iniciar o seu percorrido cuadrimestral polos tres campus da Universidade de Vigo cunha primeira sesión no campus de Ourense, concretamente no edificio Xurídico-Empresarial. A iniciativa, nada en 2011, continuará fomentando os bos hábitos de vida, desde o deporte á sexualidade, entre os membros da comunidade universitaria. Nesta ocasión dedicarán especial atención á realización de probas de enfermaría, un dos aspectos máis demandados en cada sesión.

“Cambiar os hábitos é algo moi difícil e cos Martes Saudables estamos conseguindo que os membros da comunidade universitaria cada vez que pasen por diante dos nosos postos saiban que alí teñen unha oportunidade para avaliar e mellorar a súa saúde integral. Trátase dunha iniciativa xa consolidada e edición a edición vamos incrementando a participación”, comenta Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense. Para os membros da comunidade universitaria, engade, “obter nestes postos unha diagnose de como se encontran é un paso previo para logo comezar a realizar algún tipo de actividade física, para o que teñen á súa disposición as nosas instalacións e servizos”.  Como mostra do bo facer desta iniciativa, Rodrigo Alberte lembra como os Martes Saudables son unha das 27 iniciativas recollidas na guía de boas prácticas para o fomento dun estilo de vida activo e saudable realizada no marco do proxecto Active Campus Europe, coordinado entre 16 universidades de sete países europeos, entre elas a Universidade de Vigo.

Desde o deporte á sexualidade

Ao longo do seu percorrido polos tres campus da Universidade de Vigo durante este segundo cuadrimestre, as persoas que se acheguen aos postos dos Martes Saudables poderán realizar neles unha avaliación da súa saúde e do seu estilo de vida e recibir información e recomendacións sobre como mellorala. En cada edición dos Martes Saudables, sinalan desde a súa organización, mestúranse públicos con demandas moi diferentes, desde as persoas que queren facer unha consulta específica ata as que prefiren facer un percorrido por todas as seccións, sendo cada vez máis numerosas as persoas que cuadrimestre tras cuadrimestre acoden a eles para contrastar os seus datos dunha edición a outra.    

Os postos, explica Guillermo Santos, coordinador dos Martes Saudables, manteñen a estrutura de bloques temáticos das anteriores edicións. Así, as persoas que se achegan a eles teñen a posibilidade de coñecer a oferta deportiva dispoñible na Universidade de Vigo e realizar diversas probas de enfermaría, entre as que están a identificación do grupo sanguíneo e a medición da tensión, do índice de masa corporal e da capacidade respiratoria. No apartado de alimentación poden ademais analizar a calidade da súa dieta e recibir orientación sobre como mellorala, entre outros moitos aspectos. Por último, no apartado de sexualidade as e os usuarios dos Martes Saudables poden desde coñecer os diferentes métodos anticonceptivos ata aclarar conceptos relacionados coa identidade, a orientación sexual e o sexo.

Calendario

A programación deste segundo cuadrimestre arrancará no edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense o día 19 de febreiro. Neste mesmo campus haberá novas sesións os días 26 de febreiro, no edificio de Ferro; o 26 de marzo, na Escola Universitaria de Enfermaría; o 9 de abril, no edificio Politécnico e o 14 de maio, na Biblioteca Rosalía de Castro, onde se levará a cabo o peche da programación destes cuadrimestre dos Martes Saudables. No campus de Vigo os postos estarán o día 12 de marzo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; o 19 de marzo na Facultade de Ciencias do Mar, que se incorpora como novidade nesta edición, e o 7 de maio na Escola de Enxeñería Industrial. Por último, no campus de Pontevedra a cita será o día 2 de abril na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Todas as sesións serán en horario de mañá, salvo a de Enfermaría, que se desenvolverá pola tarde.