DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para a súa distribución na industria agroalimentaria

A Plataforma Galicia-EscudoCovid19 entrega 2000 pantallas protectoras a Coren

A iniciativa está coordinada pola UVigo e Asime e nela participan case unha vintena de empresas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Transferencia
DUVI Ourense 15/04/2020

A Plataforma Galicia-Escudocovid19.org, coordinada pola Universidade de Vigo e Asime e que conta coa participación de arredor de 15 empresas galegas, continúa coa fabricación e distribución de pantallas protectoras para loitar contra a COVID-19, entregando este mércores pola tarde 2000 pantallas protectoras ao Grupo Coren en Ourense, para a súa distribución entre a industria agroalimentaria. EscudoCovid19 é unha iniciativa popular que une provedores de materia prima e ferramentas, centros de produción e medios loxísticos de toda España para producir pantallas protectoras fronte ao coronavirus.

A iniciativa en Galicia está coordinada por Asime a través do seu secretario xeral, Enrique Mallón, e pola Universidade de Vigo, a través do director do Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (Cintecx), José Luis Martínez Lastra, e o profesor da Escola de Enxeñería Industrial, José Antonio Pérez, coa colaboración de persoal investigador de  Cintecx e do Campus de Especialización Vigo Tecnolóxico. Actualmente son arredor de 15 as empresas involucradas no proceso de deseño, fabricación e distribución de material sanitario en Galicia, entre elas  Adhex, Dalot, Dativic, Lupeon, MCSyncro, Mepronor, Plascies, Plymouth, Troqueles Galicia e Valver. Esta última está levando a cabo de forma altruísta a produción galega dos escudos nas súas instalacións en Mos. A elas están sumando as súas achegas económicas e esforzos empresas como Cerradoras López Galicia, Coren, Distevi, Gadisa, Fabricaciones Parma, Instalaciones del Noroeste, Itera Técnica, Metaldeza, Onice Estudios y Proyectos, Resinas Castro, Royal Roos Ingeniería, Umiametal e Vigumat. Desde o campus de Ourense participan no proxecto os profesores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo José Antonio Pérez, Higinio González e Iván Area.