DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A medida compensatoria podería facerse efectiva en 66 materias

A previsible aplicación da claúsula Kent en só un 2% de materias confirma o éxito da transición á docencia virtual na UVigo nos últimos meses

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 27/07/2020

O pasado mes de abril o Consello de Goberno da UVigo aprobou unha medida co obxectivo de poder introducir unha compensación nas notas do alumnado, caso de detectarse unha diminución significativa nos resultados académicos correspondentes ao período de vixencia do estado de alarma, respecto dos cursos anteriores, e que ese descenso nas cualificacións puidese considerarse atribuíble ao paso da docencia presencial á virtual. Transcorridos tres meses, esta cláusula Kent propia da UVigo, podería aplicarse a 66 materias: 51 de grao, 13 de máster e dous PCEOS (Programas de simultaneidade), repartidas entre todos os ámbitos, aínda que a proporción no do ciencias sociais e as enxeñarías é maior, ao ser estes os que acumulan un maior número de titulacións.

"Non tiñamos ningunha previsión, pero á vista dos datos, esta medida podería aplicarse unicamente ao 2% das materias anuais e do segundo cuadrimestre, polo que desde o equipo de goberno consideramos que o paso á docencia e avaliación virtual foi un éxito e que se desenvolveu con normalidade, excepto casos moi puntuais", explica Natalia Caparrrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria. Neste sentido, Caparrini lembra que aínda que a medida se aprobou por unanimidade no Consello, na sesión xerárase bastante debate, "pero creo que á vista dos resultados se confirma que foi unha boa decisión".

Aplicación pendente dos informes preceptivos

Á vista da análise dos resultados académicos deste curso e en función dos informes preceptivos que xa lle foron solicitados aos centros e departamentos implicados na docencia das materias nas que se podería aplicar a cláusula Kent, desde Secretaría Xeral procederíase a subir as cualificacións ata acadar unha situación semellante á de cursos anteriores.

No caso concreto da UVigo, fronte ás medidas aplicadas noutras universidades, considérase que os resultados son significativamente inferiores cando a media da materia deste curso ou o ratio de estudantes aprobados, respecto dos presentados, sexan inferiores á media dos cinco cursos anteriores, menos dúas veces a desviación típica destes parámetros. "Pola súa banda, a cláusula Kent da USC e UDC aplícase a todas as materias independentemente de si este curso hai ou non un descenso significativo de resultados, é dicir, ao alumnado substitúeselle a nota pola media anterior da materia, co que é unha modificación da nota individual, a uns alumnos súbeselle e a outros non", explica a vicerreitora, que tamén sinala que no caso desta medida aplicada na outras dúas universidades do SUG, ningún estudante podería aprobar unha materia pola aplicación da cláusula.