DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con 44 votos a favor e dous en branco

A profesora María de los Ángeles Peña, elixida decana da Facultade de Química

Substitúe e Ignacio Pérez Juste, que levaba á fronte da facultade dende 2013

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
M. Del Río DUVI 14/11/2019

Dende este mércores a Facultade de Química conta cun novo equipo decanal. A Xunta de Facultade deu o seu apoio ao equipo encabezado pola profesora do Departamento de Química Física María de los Ángeles Peña, que obtivo 44 votos a favor e dous en branco. Durante os próximos tres anos ao fronte do centro, Peña estará acompañada pola profesora titular de Química Inorgánica Emilia García, como secretaria; Marta Teijeira, profesora contratada doutora, como vicedecana de Organización Académica e o investigador Francisco Javier Pena como vicedecano de Calidade.  Aos tres, Peña lles agradece o terse animado a acompañala “nesta aventura” e destaca que cada un dos novos membros do equipo representa a unha das grandes áreas nas que se divide o centro (Química Analítica, Química Física, Química Inorgánica e Química Orgánica). Isto permitirá ter unha visión “máis próxima de puntos de vista que poden ser diferentes pero sempre enriquecedores”. A elas e eles, sumaranse outros membros da facultade “para botar unha man por exemplo cas visitas dos institutos, o programa Erasmus ou as prácticas en empresas”, engade a decana.

Releva á fronte da facultade a Ignacio Pérez Juste, decano dende 2013 en dous mandatos. Peña recoñece certa sensación de vertixe ante esta nova etapa pero agarda facerlle fronte “coa impagable axuda do meu equipo; por ganas e traballo non vai a ser o problema”. 

O diálogo, o sinal de identidade

Para esta nova etapa, a profesora María de los Ángeles Peña quere que o diálogo sexa o seu sinal de identidade. “Queremos que todos os colectivos que forman esta facultade nos fagan chegar en todo momento as súas inquedanzas para, entre todos, ir mellorando día a día este centro”, puntualiza. 

Recoñece que non pensaba presentarse a estas eleccións pero algúns dos seus compañeiros a animaron e decidiuse “porque considero que entra no noso traballo exercer postos de xestión e porque quero traballar por unha facultade onde docentes, investigadores, persoal de servizos e administración e alumnos veñamos cada mañá cun sorriso ao traballo”. De feito, xa como alumna fora representante de estudantes e, dende hai seis anos unha das voces da facultade no Claustro. “Estiven moitos anos fóra desta Universidade, pero sempre me considerei da casa”, polo que percibe esta oportunidade como “un momento moi especial” traballando man con man “cos que foron os meus profesores, os meus compañeiros de carreira ou os meus alumnos”. 

A nova decana define Química como “unha facultade envexable” e resalta “a gran riqueza humana” tanto na parte de profesorado e persoal investigador como na de persoal de administración e servizos. Por isto, aposta por “poñer en valor estas fortalezas que temos e intentar darlle unha maior visibilidade a facultade no conxunto da Universidade e da sociedade”.

Como reto máis inmediato para Química, sinala a implantación do novo plan de estudos que comezou este setembro. Neste sentido seguirán mantendo constantes contactos cos diferentes colectivos que forman parte do centro, entre eles o alumnado, xa que “un cambio de plan de estudos sempre leva asociado certas problemáticas que queremos tentar minimiza”.

Visibilizar a importancia da Química

Pero máis aló do novo plan de estudos, Peña e o seu equipo márcase outros obxectivos prioritarios. Por unha banda, embarcaranse nun labor de concienciación social da importancia da Química “e desligala da imaxe negativa que ten moitas veces”, avanza Peña. Para isto, tratarán de acreditar a nivel europeo o título de grao e procurarán participar nalgunha das propostas do Espazo Europeo de Educación Superior como o European Chemistry Thematic Network Association (ECTN). Outro dos obxectivo é “continuar e se é posible mellorar” programas como o PAT (Plan de Acción Titorial) e o programa de mentoring (MEET), o que o alumnado dos últimos cursos titoriza aos novos estudantes. “Cremos que axuda moito ao alumnado, favorecendo a súa integración na Universidade e atendendo a outras necesidades diferentes ás puramente de formación académica”.

Outro punto de atención serán as prácticas en empresas, xa que se pretende incrementar o número de alumnos e alumnas que apostes por este período de formación pre-profesional tamén a facultade tamén se involucrará en proxectos de colaboración coas ensinanzas medias como o StemBach. Finalmente, Mª de los Ángeles Peña tamén pon o foco sobre o eido internacional. “Son moitos os alumnos e alumnas que se deciden a facer estancias no estranxeiro a través do programa Erasmus pero consideramos que sería tamén positivo que nos visitaran máis alumnos estranxeiros”, conclúe.