DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade desenvólvese do 5 ao 13 de setembro

A programación de cursos de verán péchase no campus cun achegamento ao turismo enolóxico

Combina formación na aula con obradoiros e visitas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Universidade e empresa
  • Cultura
DUVI Ourense 10/09/2019

Desde principios do mes de xuño no campus de Ourense estase a desenvolver unha programación de cursos de extensión universitaria, coñecidos como cursos de verán, dirixidos tanto aos membros da comunidade universitaria como á cidadanía en xeral e nos que se abranguen diferentes temáticas, desde a lingua de signos ao audiovisual. Esta programación, que conta con financiamento da Deputación de Ourense, chega esta semana ao seu remate coa celebración dunha nova edición do curso Turismo do viño, da cervexa e da sidra en Galicia.

Segundo explican os directores do curso, José Antonio Fraiz e Noelia Araújo, a súa temática céntrase na vinculación do turismo con sectores de produción artesanal en auxe na actualidade. A produción artesanal do viño, cervexa e sidra, indican, “está de moda”, sendo cada vez máis na súa opinión as persoas interesadas, non só no consumo destas bebida senón tamén no coñecemento do proceso produtivo ou no seu uso noutros eidos do turismo, como o termalismo e o benestar. “Xorde así unha nova oportunidade para o turismo, aparecendo interesados en desprazarse a certos destinos para coñecer de primeira man e involucrarse nestes procesos, actividades que poden ser tamén considerada como turismo experiencial”, comentan os responsables do curso, persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Da teoría á práctica

O curso Turismo do viño, da cervexa e da sidra en Galicia, indica José Antonio Fraiz, ten unha estrutura dinámica e interactiva, combinando a formación na aula e obradoiros. “É máis que un curso de formación, é unha convivencia con profesionais dos sectores económicos e profesores e investigadores universitarios relacionados con estes sectores económicos, cos que o alumnado do curso establece contacto, algo que lle pode ser moi útil no seu futuro laboral”, sinala José Antonio Fraiz. Neste contexto, os obxectivos da iniciativa, lembran os seus responsables, son dar a coñecer ao alumnado o concepto de turismo experiencial; achegarse á evolución e auxe do turismo de benestar vinculado co viño, a cervexa e a sidra e afondar nas súas características e potencial para as zonas con produción deste tipo de produtos, entre outros aspectos.

A programación arrancou o pasado 5 de setembro cunha intervención do profesor da Universidad de Oviedo Francisco Javier de la Ballina, que foi director xeral de Comercio e Turismo do Goberno de Asturias, que explicou polo miúdo as accións que se desenvolveron conxuntamente nos ámbitos privados e públicos creando produtos turísticos e fortalecendo como destino turístico Asturias. Trala súa intervención arrancou unha programación que ten continuidade esta semana e na que se abordan temas como a situación actual, perspectivas e evolución do enoturismo e se coñecen de primeira man negocios vinculados á temática do curso, como o Lagar de Ribela, na Estrada, cunha conferencia do seu propietario, Jesús Armenteros, e unha visita a Dama Alaricana, en Allariz, que pechará o venres a programación. Nesta edición do curso, desde a súa organización tamén destacan a celebración de dous obradoiros prácticos, un sobre elaboración dunha investigación vinculada ao enoturismo en relación coa cervexa e a sidra e outro sobre as emocións no enoturismo. Para abordar todas estas cuestións, a iniciativa conta no seu panel de profesorado tanto con expertos e expertas do eido académico como profesional.