DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cecilia Perea, María Roja e Inés Díaz protagonizaron unha representación en Belas Artes

Unha reflexión sobre o “acontecemento escénico” para arrincar o curso

Nunha actividade enmarcada na materia 'Proxectos de arte de acción'

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Teatro
  • Académica
DUVI Pontevedra 12/09/2019

Unha reflexión sobre a relación entre performance e teatro que tiña como punto de partida unha representación de Ana María estuve pensando a pesar mío, unha obra da dramaturga arxentina Soledad González, e como protagonistas á investigadora e directora teatral Cecilia Perea e as actrices e performers María Roja e Inés Díaz. Deste xeito arrincou o curso académico o alumnado da materia Proxectos de arte de acción, do grao en Belas Artes, que na tarde deste mércores puideron gozar dunha actividade coordinada por Perea, na que asistiron primeiro a unha mostra “do acontecemento estético” para logo entrar na “reflexión teórica sobre a relación entre teatro, performance e acontecemento”, explicou esta investigadora.

“A verdade é que contamos cunha colaboración de luxo”, salienta o responsable da materia, o profesor Carlos Tejo, da presenza na que foi a segunda clase do curso de Perea, investigadora da Universidad Nacional de la Patagonia Austral, profesora de teatro no Instituto Superior de Arte 814 e directora do Centro Patagónico de Documentación Teatral, así como das dúas actrices que deron vida na aula ao texto de González. Doutora en arte, na especialidade de teatro, pola Universidad Nacional de Córdoba e en historia da arte pola Universidad de Zaragoza, Cecilia Perea buscou con esta actividade abordar co alumnado como “entre a performance e o teatro existe un territorio amplo, que aparece sempre como un espazo de posibilidade, de apertura”.

Con ese propósito, a actividade arrincou co foco posto no propio “acontecemento”, na representación da obra de Soledad González, de mans da artista visual, performer e actriz María Roja, investigadora predoutoral da Facultade de Belas Artes, e da actriz, bailarina, coreógrafa e docente catalá Inés Díaz. O obxectivo da proposta, engadiu Perea, foi en primeiro momento levar ao alumnado ao “rexistro e a acción/reacción” para logo “revisar entre todos os diferentes marcos teóricos desde os que é posible comprender o que acontece neste tipo de propostas". Propostas que, engade, achéganse a esa “fronteira que é tanto teatral como performativa” e na que se xera “un acontecemento que opera como a posibilidade de explorar no baleiro”.