DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tres estudantes estadounidenses continúan a súa formación na UVigo por medios virtuais

En tempos de confinamento, a aprendizaxe e as experiencias continúan

Participan no programa ISEP, que este curso achegou 18 alumnos e alumnas aos campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI 03/04/2020

Lonxe dos seus lugares de orixe, alumnos e alumnas estranxeiros que no presente curso participaban en programas de mobilidade internacional víronse afectados pola suspensión da actividade docente presencial e o confinamento decretado para tratar de frear a expansión da COVID-19. Nalgúns casos, isto motivou o retorno aos seus países de orixe, mais houbo tamén quen optou por permanecer e continuar a súa formación por medios virtuais. Ese é o caso de Betta Lyon Delsordo, Evan Barron e Kamryn Pfenning, tres estadounidenses que chegaron á Universidade de Vigo no marco do programa ISEP e que, confinados nos que son os seus fogares durante estes meses, seguen ampliando a súa formación ou os seus coñecementos de español a través do ordenador. 

“A maioría dos profesores empregan videoconferencias e todos nos envían correos electrónicos con información”, salienta Lyon Delsordo, que recoñece non obstante a dificultade engadida que a docencia a distancia supón á hora de facer preguntas aos e ás docentes, aspecto no que tamén incide Pfenning. Si botan en falta, como apunta Barron, a posibilidade de vivir clases prácticas como as que no seu caso recibía nos laboratorios de Bioloxía, ao igual que ter a posibilidade de viaxar ou compartir experiencias con alumnado de diferentes países.

Integrada por máis de 200 universidades de todo o mundo, ISEP (International Student Exchange Programme) é unha rede que ten como obxectivo facilitar a mobilidade de estudantes dos últimos anos de grao e posgrao e que no caso da Universidade de Vigo, permite realizar un curso completo ou un semestre en preto de 150 universidades estadounidenses, como neste curso decidiron facer oito alumnos da institución viguesa. No lado contrario, ISEP permitiu recibir no presente curso 18 alumnos e alumnas norteamericanos, seis no primeiro cuadrimestre e outros doce ao longo de todo o curso ou neste segundo cuadrimestre, dos que só Lyon Delsordo, Barron e Pfenning decidiron permanecer en Galicia.

Mellorando o castelán a través do ordenador

Estudante de ciencias da computación e de español na Universidade de Montana, Betta Lyon Delsordo chegou en setembro a Vigo co propósito de ampliar os seus estudos cursando materias de telecomunicacións e de literatura española, xa que, como explica o profesor Javier Pérez Guerra, coordinador do programa ISEP na Universidade, os estudantes acollidos a este programa “son alumnos da UVigo e non dun grao específico e poden matricularse en materias de calquera grao e campus”. No piso que comparte con dúas estudantes chinesas e unha alumna francesa, Lyon Delsordo continúa coa súa formación de xeito virtual, o que non ve como unha dificultade engadida, xa que, explica, tamén traballa de modo remoto para unha empresa de tecnoloxía estadounidense. Aínda así, recoñece dificultades á hora de coñecer as “novas regras” de funcionamento da institución académica neste período, xa que en ocasións “os estudantes internacionais non saben onde buscar”. A pesares de todo, destaca o positivo da experiencia que está a supor a súa estadía. “No outono puiden viaxar moito, camiñar entre fermosos bosques..”, relata Delsordo, que ve tamén o lado positivo destas semanas de confinamento “nas que podo aprender español e gozar de boa comida”.  

O apoio dunha familia de acollida

Ademais de materias dos diferentes graos, o alumnado do programa ISEP pode tamén matricularse en materias ODIE, específicas para o alumnado internacional, así como nas clases, como as de español para estranxeiros, que oferta o Centro de Linguas, explica Pérez Guerra. Aprender castelán foi de feito o propósito co que Kamryn Pfenning, estudante de bioquímica na Nebraska Wesleyan University, se trasladou a Vigo este cuadrimestre. Pfenning destaca a posibilidade que este programa lle outorgou de “aloxarme cunha familia de acollida e tamén de asistir a clases deseñadas especificamente para estudantes internacionais”. Esta alumna valora a posibilidade de continuar a súa formación por medios virtuais, aínda que lembra que “non é o mesmo que sentar nunha clase” e dificulta “ter unha aprendizaxe personalizada”. Non obstante, Pfenning fai un balance positivo do vivido grazas a este programa de intercambio, no que “puiden mellorar moito as miñas habilidades en español, facer amigos de todo o mundo e viaxar por España”, cuestións que agora bota en falta e sobre as que matén “a esperanza de poder volver facelas”. Mais, por riba de todo, destaca que está a pasar “un tempo incrible coa miña familia anfitrioa”. De feito, recoñece que “a corentena é ás veces moi difícil e ás veces moi fácil” grazas ao seu apoio. 

Os laboratorios bótanse en falta 

Procedente da Stephen F. Austin State University, Evan Barron continúa este cuadrimestre en Vigo os seus estudos de Bioloxía. “Sempre quixen viaxar ao estranxeiro, a un país de fala hispana e Vigo ofrecía as clases que necesitaba en inglés”, salienta este alumno, que recoñece que “a miña experiencia aquí foi moi boa”, á vez que lembra que, se tivera retornado, atoparíase “nunha situación similar” na súa universidade de orixe por mor da expansión da COVID-19 nos Estados Unidos. “As clases virtuais non son un problema, porque xa tiven moitas en liña na miña universidade”, apunta Barron, que convive en Vigo cunha estudante uruguaia e un alumno mexicano, e recoñece, non obstante, que “é máis difícil estudar e concentrarse en casa”. Mais, por riba disto, destaca que “o que máis boto de menos” neste período de formación a distancia, son as clases prácticas nos laboratorios de Bioloxía, “que poden ser moi divertidas e interesantes”.