DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inês Rodrigues estudou os factores que inflúen na “desconexión” do alumnado

Unha tese analiza as causas do abandono escolar na formación profesional portuguesa

A través dunha metodoloxía participativa que implicase aos estudantes na investigación

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 14/01/2020

Analizar os factores que inflúen na “desconexión entre os estudantes e as escolas” e posterior abandono dos estudos por parte do alumnado de formación profesional portugués, co propósito de definir medidas de prevención, foi o obxectivo da tese que a investigadora e docente Inês Rodrigues defendeu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés. A través dunha metodoloxía participativa, que buscaba facer aos estudantes protagonistas do propio proceso de investigación, Rodrigues afondou nos factores escolares, comunitarios e familiares que inflúen nese “desenganche escolar”, poñendo o foco no Sistema de Educación e Capacitación Vocacional portugués, cuxo “propósito principal é preparar aos estudantes para o mercado laboral” e que, recoñece, apenas fora estudado desde esta perspectiva.

“A retirada e abandono das escolas vocacionais é un fenómeno xeneralizado na poboación xuvenil de Portugal”, sostén Rodrigues, que lembra que estes estudos constitúen un “factor clave” de cara a futura inserción laboral dos mozos e mozas. Pese a iso son “moi poucas” as investigacións centradas na formación profesional, explica a investigadora, que sinala a ausencia de cifras concretas das súas taxas de abandono escolar, que se sitúaban por riba do 11% no conxunto da educación secundaria no ano 2018. A propia experiencia profesional de Rodrigues como profesora en escolas públicas foi tamén un dos factores que a levaron a centrar nesta etapa a súa tese Understanding disengagement through student voices: the case of a vocational school, que realizou no Doutoramento Internacional en Equidade e Innovación Educativa baixo a dirección da catedrática Ángeles Parrilla. O ensino profesional correspóndese no sistema portugués cos tres últimos cursos da educación obrigatoria, nos que o alumnado dispón de dúas opcións, o ensino regular e o profesional, caracterizado este por unha formación cunha “compoñente máis práctica” que dota ao alumnos dunha “certificación profesional” ao seu remate, como explica esta investigadora, cuxo labor como docente foi recoñecido cunha mención de honra no Global Teacher Prize Portugal en 2019 ou co Premio Formador do Ano, da Asociación Nacional de Ensino e Formación Profesional, en 2014. Así mesmo, Rodrigues converteuse recentemente na primeira profesora portuguesa en obter o certificado de Climate Change Teacher, que outorgan as Nacións Unidas.

Factores sociais, familiares e educativos

“Ser capaz de identificar signos de desenganche pode representar un paso importante para previr o abandono escolar”, sostén Rodrigues, que centrou nestes procesos de “desconexión escolar” a súa análise sobre as posibles causas do abandono escolar. As investigacións neste eido, sinala, adoitan centrarse polo xeral na identificación de grupos e factores de risco, mentres que para a súa tese optou por “darlle voz aos estudantes”. Preto de 60 mozos e mozas de entre 15 e 24 anos, alumnos do Centro de Formação Profissional da Indústria da Construção Civil e Obras Públicas do Norte (Ciccopn) de Maia participaron nun estudo que, pese as “limitacións metodolóxicas” que implica traballar cunha mostra dun centro concreto, permitiu constatar como, en materia de desconexión escolar, “existen diversos factores a ter en conta”.

Nese senso, Rodrigues pon de relevo a importancia do “apoio familiar” como un elemento “fundamental” para o éxito académico e sinala ás condicións socioeconómicas e as “baixas cualificacións” dos proxenitores como elementos “indicativos” dunha posible desconexión, ao igual que a percepción por parte dos estudantes “de que o seu rendemento escolar é baixo”. Do mesmo xeito, pon o acento na importancia das relacións co profesorado e cos compañeiros e compañeiras, xa que o enganche escolar “está altamente influenciado pola contorna de aprendizaxe”. As escolas, lembra, “son o segundo fogar dos adolescentes, onde pasan a maior parte do tempo e desenvolven a súa vida social”, motivo polo que subliña a importancia de xerar “un clima positivo en todas as súas dimensións”, incidindo na necesidade de “mellorar as experiencias do alumnado” e de facer das instalacións “ambientes escolares motivadores”. 

Dar voz ao estudantado

A través da análise “dunha mostra relevante de estudos” relacionados co desenganche educativo, Rodrigues tratou de desenvolver unha metodoloxía que situase aos estudantes “como os principais actores e actrices da investigación”. Así, tras unha primeira fase centrada en coñecer, a través dun cuestionario, os antecedentes familiares, escolares e laborais do alumnado, a investigadora buscou que as e os participantes reflectisen as súas opinións a través da técnica do fotovoz, pola que tiñan que responder a unha serie de preguntas a través de fotografías. A investigación comprendeu tamén unha fase de análise participativa, “onde os estudantes asumían o papel de co-investigadores, analizando e codificando os datos recollidos”. Isto permitiu a Rodrigues comprobar que cando o alumnado pode decidir “o tipo de experiencia de aprendizaxe que desexa”, aumenta a súa “autoconfianza e vontade de facer máis”. Algún dos temas tratados nesta análise foron posteriormente abordados nun “grupo focal” e a investigación que abrangueu tamén entrevistas cos docentes e o director da escola, analizadas así mesmo polos estudantes participantes. Finalmente, a última fase consistiu en presentar os “primeiros achados” á xunta escolar dun centro que, como comprobou Rodrigues con posterioridade, introduciu unha serie de cambios co propósito de “involucrar aos estudantes na súa aprendizaxe e evitar que abandonaran a escola”.