DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rubén Novoa proclámase subcampión estatal de Hearthstone

Thunders UVigo remata a súa participación na liga universitaria de e-Sports como o segundo mellor equipo en resultados xerais

No videoxogo Brawl Stars perderon na semifinal disputada o sábado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 25/05/2020

Thunders UVigo, o equipo co que a Universidade de Vigo participa na Liga Universitaria de eSports de España, a Amazon University Esports, rematou esta fin de semana a competición disputando varios encontros nas fases finais dos videoxogos Brawl Stars e Hearthstone. Finalmente Rubén Novoa quedou subcampión estatal tras perder na final de Hearthstone e equipo de Brawl Stars caeu en semifinais. Estas derrotas non impiden porén ao equipo facer un balance moi positivo da tempada xa que, explica Jaime González, o seu coordinador , “tras rematar todas as competicións, a UVigo confírmase como a segunda mellor universidade de España en resultados xerais”.

Segundo comenta Jaime González, “aínda que non puidemos gañar ningunha das competicións, fomos unha das universidades con máis equipos clasificados nas grandes finais e só a Universidad Politécnica de Valencia puido superar as nosas marcas”. Así, lembra, aos resultados acadados esta fin de semana en Brawl Stars e Hearthstone súmanse os logrados noutras modalidades ao longo da tempada, leembrando como “en Clash Royale rematamos no Top 8 de España e en Counter Strike no Top 4”. 

Últimos encontros

Rubén Novoa, alumno de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, perdeu o venres pola tarde a final estatal de Hearthstone contra Matías Rodríguez ‘Maneti’, da Universidad de Valencia, que revalidou así o título de campión de Hearthstone de Amazon University Esports. “Para sorpresa de moitas persoas, o noso xogador comezou a final gañando o primeiro set por un contundente 3 a 0, cunhas partidas bastante diferenciadas ao noso favor”, comenta o coordinador de Thunders UVigo. Porén, engade, no segundo set o xogador de Valencia “comezou cunha estratexia distinta que lle axudou a desequilibrar o enfrontamento e levar o segundo set cun resultado de 0 a 3”. Empatados a sets, no terceiro Rubén Novoa, engade Jaime González, “tomou rapidamente a vantaxe cun 2-0 ao seu favor, pondo contra ás cordas ao campión. Non obstante, Maneti conseguiu unha xogada que lle permitiu pór o 2 a 1 no marcador de partidas”. A partir de aí, sinala, “notáronse os anos de experiencia en competicións e a preparación previa, que unidos ao azar que inclúe o xogo, decantaron finalmente a gran final para os Dolphins da Universidad de Valencia, gañándonos o último set por 2 a 3”. “Aínda que tivésemos opcións durante todo o partido, ao final aspectos como a pericia ou as experiencias previas son os que desequilibran a balanza para un lado ou para o outro”, lamenta o coordinador de Thunders UVigo.

Xa o sábado 23, o equipo de Brawl Stars, formado por Jorge, José Ramón e Álvaro, estudantes de ADE, Tecnoloxía Industrial e Comercio, perderon na semifinal final contra a Universidad de Sevilla. “Tristemente non puidemos alcanzar a gran final. Chegabamos coas expectativas altas debido a que alcanzamos as semifinais invictos e con moi bos resultados, pero aínda que comezamos gañando o primeiro set do enfrontamento, o equipo da Universidad de Sevilla puido repoñerse, arrebatándonos o seguinte set pola mínima e encadeando a partir de aí os seguintes ao seu favor ata a vitoria”, explica Jaime González.

Outras competicións

Outras dúas competicións nas que Thunders UVigo chegou ás fases finais nesta tempada foron Clash Royale, onde o equipo formado por David, Edgar, Eduardo e Abel, estudantes de ADE, Tecnoloxía Industrial e Telecomunicación, competiu ata cuartos de final e Counter Strike: Global Offensive, onde o equipo formado por Iago e Borja, estudantes de Electrónica Industrial e Automática, e Carmelo, Daniel, Iago e Sixto, de Telecomunicación, chegaron ata semifinais. Ademais Thunders UVigo competiu esta tempada nos videoxogos League of Legends e Teamfight Tactics.